Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 22.11.2014  | Actualizado 01.00

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Portada » Hemeroteca web
  • Imprimir
  • Enviar por correo

Tremer coa inxustiza

Moncho Iglesias poetiza o día a día dos palestinos

O autor galego, que vive en Belén, presentou onte en Santiago ‘Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos’

Moncho Iglesias, momentos antes da presentación onte do seu libro na libraría Couceiro, en SantiagoFOTO:
Moncho Iglesias, momentos antes da presentación onte do seu libro na libraría Couceiro, en SantiagoFOTO:

M. DOPICO . SANTIAGO   | 09.01.2008 
A- A+

"Herdei un virus sen cura/ por nacer famento de liberdade". "Tremer coas cóxegas da inxustiza/ e later contra o silencio e o cansanzo". Moncho Iglesias recrea con versos como estes a cotianeidade da cidade palestina de Belén no poemario Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos, que onte presentou en Santiago.

Este é o primeiro libro de poemas en galego de Iglesias, que reside en Belén por motivos de traballo. "Teño un poemario en castelán, pero só se editou en México. Escribo desde hai moio tempo: para min é unha necesidade. En Palestina pasan moitas cousas, e iso anima a escribir. Prefiro a poesía porque é un arma cargada de futuro, reivindicativa e loitadora", explicou.

Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos é, -comenta o seu autor-, "como un diario. Conto o día a día, o que sucede... Tento ser directo. Falo de cousas que ocorren alí, pero tamén pasan noutros lugares. Os palestinos tamén teñen un día a día, van traballar, senten pena ou alegría... A súa vida cotiá non é tan diferente... Si o é a súa cultura, os seus problemas sociais, económicos....".

A carencia, o paso do tempo e a espera son algúns dos temas presentes neste poemario. "A xente de Belén moitas veces xa non cre no futuro. Vive no presente. A primeira vez que vin como uns militares destruían unha casa, foi a familia afectada a que tivo que consolarme a min. Aprendín moito deles. Pareceume moi bonita, por exemplo, a celebración do Ramadán. Din que a súa cultura é pechada, pero hai que ter en conta que viven pechados por un muro que lles impide coñecer o mundo exterior", asegura Iglesias.

"Son poemas de tipo social, máis que político. Ao vivir alí implícaste coa xente. Non son nin de Al Fatah nin de Hamas. Creo que Hamas fixo cousas moi boas, pero tamén que o partido de Arafat tivo acertos. Prodúceme ira ter que acompañar á casa a amigos de 30 anos ás dez da noite por se os deteñen. Pero tamén entendo que en Israel hai xente que sofre, que está contra o muro e a violencia. E xente nova que xa naceu alí, non decidiu nada...", engade.

OBXECTIVOS

Crítica ante a falta de reacción

Moncho Iglesias expresa, tamén, no seu libro, unha crítica ante a falta de compromiso da nosa sociedade coa cuestión palestina. "Ou ante as reacións que se dan ás veces, como as da xente que vai alí vendendo solidariedade e que o único que vende é o seu traballo, como os xornalistas que se achegan a Belén por Nadal", matiza.

"Alí a xente queixase moitas veces menos ca nós a pesar de ter moitos máis motivos, como a falta de liberdade para moverse, ou a imposibilidade de que se cumpran os seus soños. Nos poemas hai sarcasmo e ironía, ante feitos como que alí non existe o servizo de correo postal. Non se poden recibir cartas en ningún monento do ano...", afirma.

O título do poemario responde a unha reflexión do seu autor. "O amor das nais é perenne, non ten fin. As nais son moi protectoras. Os fillos son caducos porque non están sempre. Os soldados van ás casas e levan os fillos ao cárcere por non se sabe canto tempo. A nai queda na casa chorando a ausencia do fillo. Non caduca o amor das nais, pero si a presenza dos fillos", asegura.

"Moitas veces os medios seleccionan as imaxes máis impactantes, e poñen as nais como se estiveran contentas ante a morte dos seus fillos. Non o están, a tristeza é inmensa, pero reconfórtalles pensar que os seus fillos van ir ó ceo", conclúe.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS