Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

A Contra

CALIDOSCOPIO DE CORES

José Manuel Taboada García: “Estou namorado de Vilasantar”

Naceu, e vive, en Vilasantar. Foi alcalde, polo PP, de Vilasantar durante 24 anos. Agora retírase da política. Ten ollos de boa persoa

POR LUPE GÓMEZ  | 06.05.2007 
A- A+

Que cores che gustan?

A verde porque é a cor que me resulta máis familiar, na que nacín, na que vivín, na que estou. Gústanme máis as cores do outono que as da primavera, porque son distintas. Gústanme esas avermelladas das árbores…

 

De que cor é Vilasantar?

É moi verde. É un concello pequeno, de 1.500 habitantes. As súas riquezas son a gandería, a agricultura,
unha pequena industria madeireira e o sector servizos. Levo 50 anos vivindo en Vilasantar e non canso, non me aburro. Sempre busco. Estou namorado de Vilasantar.

 

Vinte e catro anos de alcalde son moitos anos.

Foron anos moi bonitos. Hai 24 anos Vilasantar eran corredoiras. Non tiña un centro de saúde, nin instalacións deportivas, nin biblioteca. E agora podemos gozar de todas esas cousas.

 

Gústache a política?

Non. O que me gusta é facer o máximo posible pola sociedade, pola miña vila. A política dos últimos anos é moi mentireira. Os políticos enganan a poboación con promesas e con outros artiluxios.

Non é o que quere o cidadán. O cidadán quere que se resolvan os seus problemas.

 

Que aprendiches de teu pai?

Meu pai foi o último alcalde da ditadura en Vilasantar. Del aprendín a quererlle a Vilasantar, a facer cousas por Vilasantar. El tamén o tentaba facer, coas limitacións que entón había.

 

Que é para ti Galicia?

Galicia para min é unha parte de España, á que estou orgulloso de pertencer. Son catro provincias situadas ao noroeste de España, coas súas diferenzas culturais e sociais. Amo Galicia. Ten unha costa virxe e un interior tamén virxe. Pódese gozar da Natureza.

 

Por que morre o mundo rural?

Porque tanto na agricultura como na gandería, os sectores básicos do campo, innovouse moi pouco. Agora todos falan de que hai que asentar poboación no medio rural. Eu non lle vexo solución.

 

Ten futuro o turismo rural en Galicia?

Si, pero necesita complementarse con outras cousas como a ecoloxía, o ecoturismo. Empeza a haber unha sobrecarga de casas rurais. O sector necesita unha reestruturación.

 

Cres na agricultura ecolóxica?

Chegamos a un momento en que temos que preocuparnos polo medio. A agricultura ecolóxica é un punto de partida. Non matar a Terra con produtos químicos e concienciar o consumidor para que consuma produtos ecolóxicos. Valorar o carballo, a herba…

 

Nunca Máis foi un movemento oportunista?

Na súa presentación non o foi. As primeiras vinte e catro horas creo que era o que sentiamos todos, unha reacción do pobo. Pero penso que despois se politizou moito.

 

Por que hai tanta crispación política?

Todo vén por mor do Gran Poder. Todos queren o Gran Poder. A lexislatura actual permite que o PSOE faga pactos con grupos extremistas. Iso fai que a vida política estea descentrada. Tanto a extrema dereita como a extrema esquerda parécenme perigosas.

 

Fraga é un gran político?

Fraga é o meu deus político. É moi culto, cun gran carisma. Pasou por unha ditadura e por unha democracia e soubo entender os cambios e estar neles. Admiro a súa honradez. Como el só nace unha persoa cada dous séculos.

 

Por que te retiras agora da política?

A vida vai queimando. Penso que ninguén debería estar no mesmo posto de responsabilidade máis de 15 anos. Despois de 24 anos como alcalde quero que entre aire novo no concello. Xente nova con ideas novas. Coma min cando cheguei á política con 22 anos e toda a forza do mundo.

 

Que aprendes do teu fillo?

O meu fillo deume a alegría de querer facer algo en Vilasantar. El dame ilusión e ganas de pelexar polas cousas. Está traballando cun invernadoiro e con ovos ecolóxicos. Estou disposto a axudalo. El tamen se sente a gusto no mundo rural.

 

Ti eras carteiro rural...

Sempre digo que se tivese que ser carteiro na cidade non traballaría de carteiro, sentiriame como unha máquina. Ser carteiro no rural era moito máis. Era falar coa xente. Lerlles as cartas aos que non sabían ler. Axudarlles a resolver problemas. Facer de médico, avogado, inspector de Facenda…

 

Escribiches algunha vez poesía?

A inspiración naceu nos 18 meses de mili en Ferrol. Penso que era polo tempo morto, unha vida sen ocupacións. Empecei a escribir poesía. Escribía sobre o que nacía da hora, do sentimento. Todos temos momentos. Todos temos un aire de poetas.

 

Gústache ir de caza?

Gústame moito, sobre todo a caza menor. Gústame moito a caza de coellos. O que máis me gusta é o ambiente de pandilla que se crea. Levamos moitos anos xuntos os meus amigos e eu indo de caza.

 

Es bo cociñeiro?

Dáseme ben, e pásoo ben cociñando. Cociño ben un cocido, os pratos típicos, as carnes. Gústame cociñar a caza. Preparo moi ben o bacallau ao pil pil. Aprendín dun vasco. Non é un prato galego pero sabe moi ben.

 

A vida é fermosa?

A vida é ilusión. Un traspés fastídiate pero dáche forza. Unha alegría dáche aínda máis forza. A vida é gozar do amor, da familia, da Natureza. A morte non é vida. A morte é o que é. Creo que a morte é un cambio, e despois da morte tamén hai vida.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS