Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
De dioxinas e galiñas. Un medio informa de que "A fonte do problema parece ser unha planta no norte de Alemaña que produce unha variedade de materiais empregados tanto para a fabricación de forraxe como para outros procesos industriais como produción de papel."
E é que lonxe dos mundos de ficción que nos proxectan políticos e meigas, a realidade nas lúas desenvolvidas é moito máis cruel e perigosa do que a maioría cre. Mudanzas climáticas, crises enerxéticas, refugallos, contaminación, perda de biodiversidade e agora, un novo pau ao prostituído e vilipendiado modelo alimentario que percorreu –máis froito do desacougo que da gravidade intrínseca– os medios de comunicación do astro máxico.
Algúns poderán minimizar de esguello a torpeza e outros esgazar as vestiduras, pero se dentro da lóxica do sistema se contempla alimentar animais con forraxes creadas na mesma factoría onde se elaboran materias primas para produtos industriais, De que nos estrañamos cando unhas cantas dioxinas mareadas con tanto balbordo, se trabucan de saco e van parar ás dietas de galiñas e porcos que viven amoreados en granxas intensivas e que zampan refugallos de calquera tipo?
Antes foron as vacas tolas, os polos belgas, gripes de diversa índole e cultivos transxénicos mareados que contaminan alimentos normais. Agora son unhas dioxinas impertinentes –e perigosas– que nos golpean na cara en pleno paseo polas avenidas das lúas máxicas, modernas e globalizadas. Dioxinas froito dun sistema alimentario industrial, antinatural, mecanicista, simplista e liberal no que priva a acumulación do capital, e para iso, todo serve. Dioxinas, que non foron detectadas a tempo e que lograron meterse na dieta humana, e xa que logo, o marabilloso sistema, queira ou non queira, fallou e á cidadanía tócalle practicar, si ou si, o deporte extremo para comer.
A gravidade do caso
Esta nova crise alimentaria non é moco de pavo. Fíxose pública a existencia de galiñas en Alemaña cun nivel de dioxinas o dobre do permitido e que obrigaron a pechar 4.700 granxas como medida cautelar. E a contaminación, nunha Europa sen fronteiras comerciais, propagouse a Países Baixos, Eslovaquia e Reino Unido.
Neste último país penetraron ovos procedentes de granxas baixo sospeita e para socavar e achicar medos nas lúas máxicas primeiromundistas, proclamouse con tradución simultánea en varios idiomas, que os devanditos ovos destináronse á fabricación de produtos como galletas e maonesas. Organismos como a Axencia de Estándares Alimenticios de Reino Unido, collen o extintor, tiran da arandela e axudan a deter o lume da miseria do sistema global, con prototipos de sandeces tipo… "A mestura de ovos dilúe os niveis de dioxinas e non se cre que estes presenten un risco para a saúde".
Até un profano na materia sabe que a contaminación depende da concentración, e por moito que se dilúa, se a concentración é elevada o risco existe; e de momento, ninguén fala de concentracións senón de teorías frívolas máis anestesiantes que científicas, máis propias do Vaticano que dunha axencia pública, rigorosa e racional.
A contaminación non entraña riscos, din as autoridades políticas que protexen, promulgan e avalan este sistema alimentario estendido nas lúas máxicas. Sementan calma e reparten valeriana mediática porque non lles queda outra saída. O rabaño lunático asente con fervor e acougo. Pacificamente poderá deglutir fútbol a vindeira fin de semana sen temor a unha nova crise alimentaria.
Mais, desgraciadamente pasan os días, o lume non se apaga e aos poucos revélasea a verdade. Máis novas relacionadas co caso zigzaguean nos portais informativos e os gobernantes van caendo como moscas no ridículo máis espantoso: Despois de que as autoridades da Baixa Saxonia negasen a posibilidade, porcos contaminados por dioxinas poderían ser comercializados. Poderase diluír a carne de porco para facer galletas e maonesa?
Por se faltaba algo máis neste despropósito agroalimentario de dimensións luares, nos mesmos pensos atopáronse niveis 164 veces máis altos do permitido, dun pesticida chamado pentaclorofenol que desde 1989 está prohibido en Alemaña. Segundo informan os medios, este agroquímico si está tolerado nalgúns países de Asia e América que o utilizan na soia que logo se inclúe en pensos… Na soia? Será soia transxénica? Pero as transnacionais interesadas e os súas acólitos da tecnociencia e a política, non nos dicían que cos transxénicos reduciríanse os impactos dos pesticidas?
O que hai que tragar. Unha nova frivolidade, imprudencia e incoherencia do sistema agroalimentario, que non é unha excepción senón máis ben a norma: produtos químicos prohibidos nalgúns países úsanse alegremente noutros. Toda unha mostra de solidariedade cara aos países do sur. Que logo acaben no norte é cuestión de maxia globalizante. Como para estrañarse logo ante tanta contaminación nos alimentos.
Suma e segue
Aínda que non teña que ver coas dioxinas, si que ten que ver coa comida: os prezos dos cereais no Estado español medraron até un 75% desde que iniciou 2011, a FAO prognostica máis aumentos e en Alxeria xa se reparten leites –con porras e lacrimóxenos– porque certos alimentos básicos puxéronse polas nubes.
Pero ollo, non son os labregos os que enchen a bolsa. A revista Interviú con datos da COAG informa que, en España, do prezo de orixe no campo ao que paga o consumidor no supermercado, o valor aumenta un 390% nas mazás, un 657% nas laranxas, un 168% nas uvas, un 245% nos tomates, un 705% nos limóns e un 576% nas cebolas. Os campesiños até venden por baixo do custo de produción, porque os intermediarios e supermercados luares queren sacar máis tallada e porque os prezos se esfarelan polas importacións desde países do sur, onde grandes latifundistas se enriquecen sementando industrialmente mentres evaden moitas veces garantías laborais e ambientais. Enténdese agora o por que os pensos contiñan altos niveis de pentaclorofenol?
Outra práctica que afoga o labrego e reduce os prezos é a "venda a perdas", que empregan certos supermercados para chamar a atención do consumidor. Consiste en dispor dun produto moi barato –até por baixo do prezo de custo– para que sirva de reclamo publicitario. Recentemente a COAG denunciou que Carrefour vendía o aceite de oliva virxe extra a 1,76 euros/litro cando os custos de produción son de 2,49 euros/kg. Non é o único caso denunciado.
Como se ve, este modelo agroalimentario co cal se enriquecen uns poucos, contamina e adultera os nosos alimentos, fainos cada vez máis luxosos e extermina ao agricultor xerando desigualdades e inxustizas sociais no norte e no sur.
E ante todo este barullo, as autoridades lunáticas seguen a xogar coa nosa alimentación e descartan de momento a soberanía alimentar e a agroecoloxía. Só pensan en perpetuar o sistema para que uns poucos sigan a facerse ricos en detrimento de os dereitos sociais, sanitarios e ambientais de millóns de agricultores e consumidores. Un Tratado de Libre Comercio entre a Unión Europea e Marrocos se atisba no horizonte e permitirá a grandes facendeiros locais e estranxeiros producir máis barato e invadir o mercado europeo. Novamente a soberanía e a seguridade alimentaria, do mesmo xeito que as reclamacións de moitas organizacións sobre este tratado, quedan nun segundo plano e demóstrase a quen defenden os desalmados do poder. A este paso, a única saída viábel do campesiño pasará por emular aos controladores aéreos, caia quen caia.
E é que os que teñan máis de 30 lembrarán que antes coleccionabamos cromos, e agora, pola contra, coleccionamos crises sendo a agroalimentaria unha máis a sumar á financeira, á económica, á enerxética, á climática, á moral, á social, á laboral, etc. A realidade, en definitiva, sacódenos novamente e demóstranos que o mundo que nos rodea e a súa realidade, levan de serie un conxunto de limitacións e problemas aos que haberá, máis cedo que tarde, pór freo. A outra opción é seguir paseando por unhas lúas máxicas que nos engolen, nos envelenan e nos abstraen, pero que en realidade non son máis ca sombras ficticias e covardes.
