Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Altermundo

PENSAMENTOS

O voto indignado antisistema

JORDI CALVO, INVESTIGADOR DO CENTRO DELÁS DE ESTUDIOS POLA PAZ DE JUSTÍCIA I PAU  | 22.05.2011 
A- A+

As manifestacións do pasado día 15 de maio, convocadas principalmente a través das redes sociais, tiveron un resultado moi positivo. Milleiros de persoas saíron á rúa en 50 cidades españolas gritando consignas que, cando menos, descargaban unha indignación reprimida, que desde arriba ninguén parece querer escoitar. Indignarse, cabrearse, alporizarse e mostrar esa rabia é un necesario primeiro paso para algo máis. Democracia real xa demostrou que non fai falta ser un sindicato, unha ONG ou un colectivo estruturado para organizar unha protesta con éxito. Este movemento cidadán está retomando prácticas baseadas na espontaneidade, que dan frescura a unha esquerda que ás veces perde demasiadas enerxías en interminábeis xuntanzas para decidir que non poden decidir nada conxuntamente. O entusiasmo, a ledicia e a creatividade das revoltas de internet son un sopro de aire fresco nunha esquerda obsesionada por mostrar o seu logo, bandeira ou siglas, resultado da lóxica electoralista á que nos arrastra a democracia irreal que temos.

Mais votar o vindeiro domingo é algo tamén importante. Aínda que non hai que deixar de facer política sen os partidos, ou á marxe dos mesmos, é importante participar tamén votando contra todo o que se coreaba nas manifestacións de onte. Sendo conscientes de que desde arriba non virán as mudanzas, senón que é máis ben tarefa de cadaquén, podemos conseguir espazos de liberdade en concellos e gobernos autonómicos, podemos introducir voces discordantes e amolar, tamén desde os espazos oficiais, a ese conglomerado de políticos-empresarios-banqueiros que están representados polos partidos maioritarios.

Hai quen dirá que o voto antisistema non existe, que o verdadeiramente antisistema é non votar. Non estou totalmente en contra desta opción e, quen non vote, está no seu dereito e pode facer un gran traballo político desde outros espazos. Pero, se non conseguimos sacar do reducido espazo de poder democrático que conseguimos con moito sacrificio neste país, a adiñeirados e corruptos políticos, herdeiros dunha ditadura coa que aínda non rachamos, chegará un intre en que non haberá volta atrás. Votar contra o sistema é votar contra os partidos que representan as ideas nas que se constrúe un mundo peor. Votar contra o sistema é votar contra racistas, homófobos, machistas, militaristas, represores, corruptos e egoístas. Votar contra o sistema é votar por construír unha sociedade baseada na solidariedade, a convivencia, a igualdade e a liberdade –mais non da que proclama o PP, que é unicamente a dos mercados. Afortunadamente hai papeletas, moitas –se cadra demasiadas–, nas que temos a opción de mostrar o noso inconformismo. Non esquezamos que os de sempre irán votar, fagámolo tamén nós, indignados, para construír desde todas as frontes a nosa propia revolución..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS