Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.04.2019 Actualizado 13:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Comunicación

presidente e conselleiro delegado de ’A Nosa Terra’

Alfonso Eiré: "A prensa en galego non estaba tan mal desde o franquismo"

A centenaria publicación "A Nosa Terra" pecha a súa edición en papel. O PP, que cancelou a subscrición da Xunta tan pronto chegou ao goberno -o semanal custa 2 euros- e reduciu á mínima expresión as axudas aos medios en galego, recomendoulles publicar en castelán e cambiar de liña editorial. "De seguirmos así, dentro de dez anos teremos un ermo cultural que se asemellará moito á ditadura de Franco, pero coa diferenza de que entón había conciencia social", agoira Eiré

MARGA TOJO . SANTIAGO   | 02.09.2010 
A- A+

M. BLANCO
O presidente e conselleiro delegado de ‘A Nosa Terra’, Alfonso Eiré
FOTO: M. BLANCO

A Xunta e o Parlamento galego cancelaron a súa subscrición a A Nosa Terra o día en que Alberto Núñez Feijóo asumiu a Presidencia de Galiza. Aquela declaración de intencións era o preludio do que moitos consideran -apenas un ano e medio despois do inicio do seu goberno- unha nova longa noite de pedra para a cultura do país. Tras o peche de Vieiros, hai algo máis dun mes, no Día da Patria Galega, onte caeu o semanario A Nosa Terra, a publicación con maior significado na historia da comunidade e por onde transitaron as principais figuras da intelectualidade galeguista desde o seu nacemento, o 4 de agosto de 1907. Desde Villar Ponte, que foi un dos seus directores, até Vicente Risco, Cabanillas, Castelao ou Cunqueiro asinaron con asiduidade as súas páxinas, que hoxe lle dan "non un adeus, senón un até logo" á rotativa. A centenaria publicación manterá, non obstante, a súa web, e, temporalmente, o persoal de vinte e oito persoas -deberá enfrontarse a un ERE-, mentres espera tempos mellores para "volver á carga".

A A Nosa Terra precédena varios rexurdimentos, entre eles, a reapertura tras o traslado a Bos Aires, dous anos despois do fusilamento do seu director, Víctor Casas, no ano 36. "Sobreviviu a moitas", conta o seu presidente e conselleiro delegado, Alfonso Eiré, "e eu espero que desta volta non tarde en regresar, que non tarde tanto como no 1981".

Naquela ocasión pasou tres meses na neveira. Acontecera que tras a tentativa de golpe de estado do 23-F -sendo Eiré director en funcións-, aplicóuselle a Lei de defensa constitucional por catro artigos onde se reivindicaba a Galiza como nación e se sostiña que Moncho Reboiras fora asasinado. "Caetano (Díaz Vidal, o director de GALICIA HOXE) acompañoume moito naqueles días. Moito, moito, houbo un gran compañeirismo", lembra. Daquela Díaz traballaba en El Ideal Gallego, na rúa da Troia compostelá, que compartía edificio con A Nosa Terra. "Eramos uns rapaces que estabamos a empezar, que tiñamos ilusión, e queriamos comernos o mundo"-apunta o responsábel de GH-; "el non fixera nada puníbel e era lóxico que nós o respaldásemos, había moita relación e, daquela, os xornalistas saíamos de copas e coñeciámonos doutro modo".

Nesa mesma liña fraternal da vella escola, agradecía onte Eiré o apoio doutros profesionais: "Un feixe de compañeiros de profesión chamáronme para apoiarme tan pronto coñeceron a noticia de hoxe (por onte)".

A invitación ao suicidio á prensa en lingua galega, parte, segundo o conselleiro delegado de A Nosa Terra, do gran recorte das axudas a Asociación de Medios en Galego -a Xunta deixou 60.000 euros para repartir entre GALICIA HOXE, A Nosa Terra, A Peneira (que acaba de prescindir de boa parte do seu persoal), Tempos Novos e Vieiros-, desigual en comparación con outros medios. "A prensa, e sobre todo a prensa en galego, está nunha situación máis que crítica. Desde o franquismo non estaba tan mal. A chegada do Partido Popular supuxo un gran problema. É certo que hai unha crise, pero os primeiros e máis importantes recortes da Xunta de Galicia foron para a cultura galega e para os medios de comunicación. Creo que a sociedade galega non se está a decatar aínda da gravidade e de que o que aquí se está a cernar non é só por arriba, senón que se están a esnaquizar todos os alicerces nos que se sustentaba e se podía seguir a contruír un sistema cultural e un sistema diferente. Pechan librarías, pechan editoriais, os movementos creativos non teñen pulo".

O semanario tentou renegociar a súa débeda coas caixas que, coa fusión, non fraguou. Explica Eiré que "aquí agora quen asumiu a cultura e as subvencións foron as caixas de aforros. E agora parece que nos tiramos dos pelos dicindo que van a investir como hai vinte anos na cultura soamente. Non; é que as caixas de aforro non investiron absolutamente nada en cultura durante estes anos, senón que investiron en edificios que lles quedaron a eles e que meteron como cultura e como obra social. Fixeron unha cultura elitista e pobre, nunca apoiaron a cultura de base. Se a isto lle sumamos os recortes nos concellos e nas deputacións; de seguir así, dentro de dez anos teremos un ermo cultural que se asemellará moito ao franquismo, pero coa diferenza de que no franquismo había conciencia social de que atacaba a nosa cultura e hoxe non a hai. Dígolle que até os elementos máis concienciados non se decatan plenamente da gravidade, o que me dá moito medo".

A Nosa Terra é tamén editora de libros. "Imos ver que pasa con iso, obviamente, son malos tempos, aínda que temos textos de moito éxito como a serie dos Bolechas". Sobre a súa última publicación Amigos sempre, unha novela de Alfonso Eiré que destapa casos de pederastia nos seminarios galegos falará o suplemento dominical Lecer en próximos números.

RELACIÓNS INTERNACIONAIS

"A primeira referencia que ten unha persoa de fóra que se interesa pola cultua galega é A Nosa Terra, que contén un século de historia galega", sostén Eiré. "Hai xente que coñeceu a realidade do país a través de nós e de universidades estranxeiras, como a de San Francisco, que impulsaron teses dos seus investigadores, cos que temos contactos, por non dicir que, ao lado da sorprendente supresión da subscrición do Parlamento de Galicia, a biblioteca do Congreso de Estados Unidos mantén catro exemplares".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS