Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Comunicación

crise

As axudas ós medios galegos baixan un 40%

03.09.2010  Alfonso Eiré nega "totalmente" as acusacións dos sindicatos, que responsabilizan a dirección de "A Nosa Terra" da grave situación da empresa

5.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

CARMEN QUINTELA . SANTIAGO

Feijóo espera que ningún medio galego peche polas subscricións da Xunta FOTO: XOÁN CRESPO
Feijóo espera que ningún medio galego peche polas subscricións da Xunta
FOTO: XOÁN CRESPO

O xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que "espera" que ningún medio de comunicación en Galicia teña que pechar "polo número de subscricións que faga a Xunta" posto que evidenciaría as súas "dificultades", reacción que o BNG cualificou de "cínica". Se algún medio desaparece por culpa das axudas, "demostraría as dificultades que teñen se dependen exclusivamente dun subscritor", sentenciou onte Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. O presidente da Xunta fixo estas declaracións despois de que se dera a coñecer no Diario Oficial de Galicia (DOG) que Adminstración autonómica levará a cabo unha redución da axuda ás publicacións en galego, que este ano será dun total de 400.00 euros, un 40% menos que en 2009, cando o Goberno galego outorgou, segundo o DOG 169, 971.753 euros ás publicacións periódicas en galego.

Na rolda de prensa preguntóuselle a Feijóo se o seu Executivo cancelou a subscrición co diario A Nosa Terra, que deixou de publicarse en papel. "Como me pregunta se é certo, mentres que non teña esa información nin lle vou confirmar nin a desmentir", replicou Feijóo antes de sinalar que, en todo caso, "nin se lle consultou" sobre a decisión, "se é que se adoptou", nin a coñece. As declaracións de Feijóo provocaron o malestar do BNG, o voceiro parlamentario, Carlos Aymerich, que lamentou o "cinismo" do presidente galego e manifestou a preocupación dos nacionalistas polo "peche sucesivo" de medios en galego, froito da "asfixia económica" á que os "somete" a Xunta.

 

CIG E SXG en contra da xestión do semanario

Pola súa banda, a Confederación Intersindical Galega (CIG) e o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG),botan a culpa do peche do semanario A Nosa Terra á dirección da publicación. Alfonso Eiré, presidente da mesma, e Jacinto Rey, director do Grupo San José, do que é filial Udra Medios, a accionista maioritario da empresa, están sendo os principais acusados polos sindicatos dos traballadores.

A CIG, que asegura lamentar "os problemas que atravesa a histórica cabeceira do nacionalismo galego" móstrase crítica ó indicar que "nin a actual dirección nin as anteriores souberon xestionar a empresa, sobre todo en épocas de bonanza económica", e recalca que a morte en papel do semanario non é outra cousa que a "crónica dunha morte anunciada". O sindicato amósase especialmente crítico cos responsables de A Nosa Terra, pois aseguran que "ninguén lle comunicou ó delegado sindical a entrada no proceso concursal".

Ademais, Alberto Gonçalves, secretario nacional da federación de Químicas e Enerxía da CIG, apunta que "existe unha falta de información total ós traballadores e traballadores, que non saben de forma oficial o que está a acontecer na empresa". Ante estas duras acusacións, Eiré non queda calado. "As declaracións da CIG teñen moitas inexactitudes. O sindicato de traballadores si foi informado, a pesar do que aseguran".

O SXG, pola súa banda, súmase ás denuncias da CIG. Declara que a empresa "acumula continuos atrasos nos pagamentos dos salarios, que neste intre suman dúas mensualidades" e remarca que "a empresa anunciou na prensa a paralización temporal da centenaria publicación sen presentar ningún plan de viabilidade, malia que os traballadores levan máis de ano e medio reclamándollo a través do seu delegado sindical". O sindicato continúa na liña de culpar á dirección do semanario, á que acusa da negación dos seus dereitos ós traballadores da publicación. "Uns traballadores - afirman- ós que se lles ocultou durante máis dun mes a presentación do concurso de acredores do que tiveron que decatarse pola prensa, actuación da dirección de ANT, presidida por Alfonso Eiré, que só merece o cualificativo de inmoral". Pola súa banda, Eiré responde conciso e taxante. "O que di o Sindicato de Xornalistas é totalmente falso", sentencia.

Pereiro: "Na interrupción do semanario, todos somos culpables"

Xose Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, prefire falar " interrupción" antes de desaparición "dunha das poucas dunha especie xa rara, como é a dos que se editan en galego" e á hora de atopar un culpable, non se centra nun único ámbito. "Eu penso que, como en Asesinato no Oriente Express, todos son culpables. A crise económica, que afecta a todos. A crise dos medios, que afecta principalmente á prensa. En Galicia e fóra dela, hai sectores en crise que necesitan axudas, e hai que dalas, pero con criterios transparentes e con obxectivos medibles", afirma. E sobre a intervención da Xunta en empresas en crise, "non todo vai ser coches ou o téxtil, onde houbo reanimacións milagreiras", declara, "pero tamén hai máis xente con cota de culpabilidade, aínda que sexa pequena, por exemplo todos os que están a favor da cultura galega e que non a consomen, ou non esixen contidos que sexan para eles".

Cea: "Se seguimos nesta liña, atoparemos un baleiro arrepiante"

O presidente da Asociación de Medios Escritos en Galego, Javier Cea, fai un balance "negativo, negativo e máis negativo" da situación que se está a vivir neste momentos coa desaparición de numerosas cabeceiras en lingua galega. Un momento de crise no que sacar adiante xornais escritos en galego é algo "moi difícil", segundo Cea. "Unha vez máis, e xa son varios contratempos consecutivos, hai que sinalar a necesidade de que as Administracións reflexionen o imperativo de estimular e promover e consolidar un espazo de comunicación en galego", sentencia. Cea asegura que "as Administacións teñen moito que dicir neste aspecto, pero están facendo moi pouco". Destaca que neste momento as relacións con elas son moi difíciles, "sobre todo coa Xunta". No caso de que a situación continúe nesta liña, Cea declara que "as cousas se complicarán" e atoparémonos cun "baleiro abraiante, incluso arrepiante".

Callón: "Supón un toque de atención"

Carlos Callón, presidente da mesa pola Normalización Lingüística, adopta unha actitude crítica ante a reacción da Xunta tras a desaparición da edición impresa do semanario A Nosa Terra. "Hai algo que resume moi ben esta situación - declara- : o feito de que o Congreso dos Estados Unidos teña subscripcións para A Nosa Terra, mentres que a Xunta de Galicia de Núñez Feijóo tomou como unha das súas primeiras medidas eliminar o único semanario galego, que ademais tiña unha tradición recoñecida".

Callón destaca que o peche en papel do semanario pode considerarse como "un feito histórico negativo, e ten que supor un toque de atención para todas as persoas que temos sensibilidade polo nosa lingua".

Unha vez recoñecida a desaparición d"A Nosa Terra, o seu presidente, Alfonso Eiré afirmara que, "amparándose na crise, a Xunta reduciu á mínima a axuda" ós medios galegos, deixando "só 60.000 euros para todos, e a súa resposta foi, que se non é rendible publicar en galego, que nos pasemos ó castelán". Ante estas declaracións, Carlos Callón ri, e asegura que lle parece algo inaudito, e que o propio partido "fala por si mesmo". "Se para isto se creou o autogoberno", sentencia, "realmente, para que serve o que pensemos nós?". "Este feito debe ser un toque de atención para todos", remata.

Maneiro: "É algo lamentable"

Arturo Maneiro, presidente da Asociación de Periodistas de Galicia laméntase de que "a de-saparición de calquera medio escrito é unha cuestión triste para calquera profesional da comunicación. É algo lamentable, sexa da tendencia que sexa, porque sempre colabora ó pluralismo da información, algo fundamental nunha democracia".

Se pasamos ó ámbito galego, Arturo Maneiro afirma que esta necesidade é "aínda maior", pois a proporción de calquera medio en galego "é moi importante con respecto ós demais, polo que a pena tamén é maior". "Se algo precisa o galego son máis medios de comunicación, e non é facil", comenta.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS