Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.06.2019 Actualizado 20:57
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Comunicación

denuncia

Baltar contrata "periodistas" con só bacherelato

O Sindicato de Xornalistas lembra que "en Galiza hai catro titulacións relacionadas coa comunicación"

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 15.06.2011 
A- A+

g.h.
José Luis Baltar presidente da Deputación de Ourense, en fotografía de arquivo
FOTO: g.h.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) criticou onte na súa páxina web que o actual proceso para a contratación dun responsable de prensa da Deputación Provincial de Ourense. En particular o SXG cuestiona que a Deputación só requira o título de Bacharelato para desempeñar un cargo de tal responsabilidade no eido da comunicación.

Evidentemente, unha persoa con só estudos medios non está preparada do mesmo xeito que unha coa titulación axeitada para tarefas como, por exemplo, garantir o libre acceso de todos os medios e cidadáns por igual á información do ente provincial, asegura o sindicato. "A deputación de Ourense e varios concellos que convocaron prazas de prensa nos seus gabinetes nos últimos meses parecen ignorar que en Galicia se imparten ata catro titulacións universitarias relacionadas coa comunicación. Son Licenciaturas financiadas con cartos públicos", denuncian.

Unha e outra vez asistimos ao "absurdo" que as propias administracións públicas "desprestixian os estudos que elas mesmas financian ao non incluír como requisito algunha desas titulacións".

Para o Sindicato de Xornalistas de Galicia esta situación, "responde a un claro obxectivo dos gobernos, de todas as cores políticas, de amañar as ofertas de emprego de traballo para colocar os seus amigos políticos e así tratamento pagar favores e garantir un informativo servil aos seus intereses".

O sindicato si recoñece que a experiencia pode ser unha alternativa á titulación. Demostrar experiencia profesional nun sector pode ser, en opinión do SXG, unha alternativa ao requisito da titulación. Porén a Deputación de Ourense tampouco valora suficientemente a experiencia profesional.

Segundo a súa opinión "as bases valoran con 0,10 puntos por mes traballado na Deputación en calquera posto, mentres que o mes traballado nun medio de comunicación recibe sorprendentemente menos; só 0,07 puntos".

Remitirán as bases do proceso aos servizos xurídicos

O feito de que un curso do Inem de 20 horas valga 0,5 puntos, sete veces máis que o traballo no sector da comunicación, dispara as dúbidas da limpeza do proceso, explica.

"Non corresponde ao SXG denunciar a praza en concurso está adxudicada de antemán ou non", afirma. Con todo, o SXG asegura que remitirá as bases do proceso aos seus servizos xurídicos para avaliar que cumpre cos requisitos de igualdade, publicidade e mérito que por lei rexen o emprego público.

Ademais o Sindicato de Xornalista de Galicia anima as demais formacións sindicais e especialmente os centros de ensino universitarios da comunidade de Galiza onde se imparten estudos de xornalismo para que tamén dean un paso adiante e denuncien estas prácticas "inadmisíbeis nunha democracia merecente de tal nome".

Segundo se recolle nas bases para cubrir unha praza de "Oficial de Comunicación" as súas funcións serán entre outras a de colaborar na planificación de actividades de recolección de información, apoio na coordinación das pautas xornalísticas das distintas actividades que se realicen na Deputación, elaboración de dossier de prensa e arquivo de documentación e material de comunicación e preparación de documentación para entregar en rodas de prensa.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS