Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Pilar Bermúdez FOTO: AXENCIAS |
O director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, outorgoulles onte o seu "apoio ás decisións dos directores de informativos" que adoptaron no tratamento informativo da folga polo decreto do galego no ensino e a manifestación dese mesmo día, o 21 de xaneiro, á vez que considerou "correcto no posíbel" o realizado para a marcha convocada en Vigo contra a fusión das caixas de aforro galegas.
Deste xeito pronunciouse onte o director do ente público na comisión parlamentaria de control da CRTVG, aínda que, no lado oposto, recoñeceu que "non lle gustou" a entrevista feita ao alcalde de Barreiros, no programa Foro Aberto.
Así, o tratamento informativo destas cuestións centrou boa parte da comisión de control do ente público salpicada pola convocatoria de oposicións, cuxos termos está previsto que se dean a coñecer en abril. Deste xeito, por iniciativa do deputado socialista José Manuel Lage Tuñas, Sánchez-Izquierdo defendeu a cobertura "razoabelmente equilibrada" do paro na ensinanza entre os opositores ao decreto e aqueles que estaban a favor.
Para argumentar a súa postura, Sánchez-Izquierdo achegou un documento no que se debullaban as declaracións dunhas e outras partes e nas que, ao seu xuízo, se demostraba un "responsábel tratamento" das informacións dadas respecto diso nos informativos televisivos.
O PSOE ve "manipulación e falta de obxectividade"
Discrepou sobre as conclusións dese papel o deputado socialista, posto que, aínda que o número de intervencións puido ser numericamente equiparábel, indicou que as declaracións a favor do decreto se limitaron a "participantes na manifestación" convocada en Santiago de Compostela e que, na súa opinión, só era unha parte do que ocorreu ese día. Así, Lage Tuñas lamentou que, á hora de buscar reaccións nos centros educativos acerca do seguimento da folga, as informacións só incluíron as daqueles, "minoritarios", nos que apenas se secundou a convocatoria, a pesar de que a maioría acudiron masivamente á folga. Para o parlamentario socialista, a "manipulación e falta de obxectividade" débese a que a directora de informativos "vai co carné do PP na boca", algo que rexeitou Sánchez-Izquierdo, quen asegurou que "non milita" nese partido. "Puido deixar de facelo (militar), pero é unha persoa que vai co carné na boca", aseverou o deputado do PSdeG.
Confía no novo marco legal do ente público
Así as cousas, o máximo responsábel da compañía esperou que o novo marco legal do ente público, que elaborarán os grupos parlamentarios e para o que hai un acordo na Cámara para inicialo de forma inminente, sirva para "aforrar este tipo de debates". En todo caso, garantiu que as reflexións achegadas polo socialista lles serán comunicadas aos equipos directivos da compañía.
En similares termos pronunciouse en resposta ao socialista Ricardo Varela sobre o tratamento da manifestación contra a fusión das caixas de aforros que promoveu o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Ademais, Sánchez-Izquierdo ratificou onte que en abril se realizará a convocatoria da oferta pública de emprego (OPE) para os traballadores do ente público, de entre os que o deputado nacionalista Anxo Quintana se referiu aos que levan máis de nove anos traballando para reclamar unha proposta de "consolidación directa" deste colectivo.
Quintana introduciu a cuestión laboral como un dos motivos que pode minguar a "calidade informativa", dadas as condicións contractuais nas que boa parte do persoal, que non puido optar a unha oferta pública de emprego, está desde hai 18 anos. Con todo, Sánchez-Izquierdo, rexeitou achegar detalles sobre o proceso de exames que se realizará xa que, considerou, "chegará o momento de dicilo".
A TVG, segunda canle máis vista da TDT en Galicia
O director xeral da CRTVG destacou onte que a Televisión de Galicia se consolidou como a segunda canle en Galicia na difusión a través de Televisión Dixital Terrestre (TDT), cun 15 por cento de cota de pantalla, só superado por TVE neste tipo de distribución, cun 19,1 por cento.
Sánchez-Izquierdo explicou que no caso concreto da TVG supera no que vai de ano a Telecinco en 1,9 puntos de cota (13,1%), a Antena3 en 3,1 puntos (11,9%), a laSexta en 7,9 puntos (7,1%) e a Cuatro en 9 puntos (6por cento).
Benvida de Sebastián á "tele de todos"
O ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián (na foto), destacou a neutralidade e a falta de exclusións no proceso de implantación da televisión dixital terrestre, antes de que os centros emisores de Madrid, Barcelona e Sevilla, apagasen definitivamente o sinal analóxico. Nun acto na sede do ministerio, ao que asistiron representantes do ramo das telecomunicacións, operadores de televisión e institucións audiovisuais, o ministro sinalou que esta semana é histórica, como o foi o ano 56 coa chegada da televisión, ou da cor en 1977. "Tecnicamente TDT significa televisión dixital terrestre, pero nós quixemos que signifique televisión de todos, sinalou o ministro, para quen o proxecto reflicte que "cando o que está en xogo é o futuro e o progreso, sumar vontades e remar na mesma dirección é a recta máis segura para conseguir que o que parecía imposíbel, se converta en realidade".
O ministro destacou que a TDT supón máis calidade de imaxe e cantidade de canles e o proxecto, que cualificou de "ambicioso" permitiu xa que 84 dos 90 programas postos en marcha para a implantación da nova tecnoloxía, se completaron e só faltan, de aquí ao 3 de abril, os seis restantes. Sinalou que, ademais, se abren novas perspectivas de desenvolvemento, como a alta definición ou os servizos interactivos, como algo realizable a medio prazo. Miguel Sebastián tivo palabras de eloxio para o secretario de Estado de Telecomunicacións, Francisco Ros, que pilotou o proxecto "con tres ministros sucedéndose no cargo" e recordoulles aos seus antecesores, José Montilla e Joan Clos.
APAGAMENTO ANALÓXICO
Galicia ‘acéndese’ toda este venres
O proceso de transición á televisión dixital terrestre conclúe en Galicia este próximo venres, 2 de abril, co que se lle pon fin ao sistema de recepción de televisión en analóxico. Culmina así un proceso iniciado no mes de xaneiro pasado e que supón adiantarse en dous anos á data fixada pola Unión Europea para abandonar a tecnoloxía analóxica de televisión.
Os apagados do venres afectarán a 31 concellos da provincia de Pontevedra, correspondentes á área técnica de Domaio, que suman algo máis de 694.000 habitantes; e a 45 municipios de Lugo incluídos na área técnica de Páramo, cunha poboación que rolda as 238.000 persoas. Polo tanto, o próximo día 2, case un millón de habitantes máis terán exclusivamente cobertura de sinal dixital.
Das seis áreas técnicas en que está dividida Galicia, catro delas, Santiago, Ourense-Leste, Meda e Ares rexistraron o apagamento analóxico nas fases I e II, que concluíron o pasado 18 de xaneiro; mentres que as outras dúas, Domaio e Páramo, se apagarán completamente o venres, dentro da terceira e última fase do proceso que se iniciou o pasado día 10 de marzo, e coa que 300.000 galegos máis xa se sumaron aos máis de 1.500.000 de cidadáns que xa recibían unicamente sinal dixital con normalidade. Ademais, puxéronse en funcionamento 300 novos centros emisores de extensión de cobertura da TDT no rural.
