Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 20.11.2019 Actualizado 20:01
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Comunicación

NOVO COLUMNISTA

Craig Patterson: "Aprendín galego como bolseiro"

'GH' conta a partir de mañá coa colaboración do profesor galés, experto en Galicia

PAULA BOUZAS . SANTIAGO   | 09.07.2008 
A- A+

O profesor da Universidade de Cardiff, Craig Patterson, publicará todos os xoves a partir de mañá neste xornal un artigo de opinión con temas tan diversos como a figura de Martin Luther King ou a estatua de Oleiros. Tamén reflexionará sobre a súa terra, Gales, que segundo el comparte bastante con Galicia: "Son países europeos que comparten vínculos perennes, cunha base rural común, unha paisaxe non tan distinta e unha cosmovisión máis ben nórdica ou atlántica". Patterson chegou a España para estudar durante un ano na Universidade de Salamanca e aventurose alá polo ano 95 a coñecer a comunidade galega. "Alugamos un amigo galés e mais eu un Ford Fiesta e subimos polas terras de León ata chegar a unha Compostela raiolada por un barroco dos invernizo. Namoreime. E sigo namorado", afirma o profesor galés.

Lector habitual da prensa galega, Patterson busca que os seus artigos desmitifiquen os mitos que actualmente poden levar a situacións terribles no mundo: " Un galego deprendeume a desmitificar, e chámase Ramón María del Valle-Inclán, por medio dunha estética moi retranqueira e totalmente galega, o esperpento".Craig siginifica en galés Otero Pedrayo, unha das figuras sobre a que o profesor realizou o seu doutoramento en identidade galega. Ademais do escritor ourensán, Mendez Ferrín, Manolo Rivas e Castelao son outras figuras que considera fundamentais na contribución á cultura galega. O próximo colaborador de GALICIA HOXE está inmerso actualmente na tradución ao inglés de Sempre en Galiza de Castelao.

Patterson viviu durante o ano 1996 en Galicia: "Aprendín galego como bolseiro. Cheguei en setembro, e xa en novembro tiña convertido o meu castelán en galego básico e funcional". Este profesor galés considera que, no referente ao galego como lingua hai que avanzar con pragmatismo e optimismo, sen deixar de facer caso ás cifras alarmantes. O experto en Galicia cre que "hai que ter en conta que o galego sobreviviu a séculos escuros mergullado nun pesimismo pésimo e tamén a impresión dada ao mundo exterior".

FUTURO

Nova York e Santiago, a un tempo

Patterson visita dúas veces no ano Galicia e considera que "é o meu destino accidental, e alédome". Non desbota a posibilidade de mudarse a terras galegas no caso de aparecer un posto interesante: " As cidades de Nova York e Santiago de Compostela son dous lugares onde máis quixera botar tempo serio". O profesor entende que Galicia sabe acoller os novos chegados ás súas costas "por herdanza dos ronseis do mar e do camiño de Santiago"..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS