Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 11.12.2019 Actualizado 19:33
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Comunicación

lea

A CRTVG, á inspección

O comité de interempresas ve ilegalidade na reestruturación das delegacións, que deixa 50 persoas ás portas do desemprego ·· O BNG levarao ao Pleno pola vía urxente

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 02.12.2010 
A- A+

ramón escuredo
O director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo
FOTO: ramón escuredo

O Comité interempresas da Compañía de Radio Televisión de Galicia elevou á Inspección de Traballo da Coruña e de Pontevedra a reestruturación das súas delegacións territoriais, ao entender que "se vulnera a normativa laboral", tanto no referido ao Estatuto de Traballadores -en materia de mobilidade laboral-, como ao respecto do convenio colectivo -en relación coa negociación da situación das delegacións-.

Nun comunicado, o comité valora que a empresa asuma as delegacións con persoal e medios propios, posto que é unha reclamación "histórica" na que pesan os recursos presentados pola parte social contra os concursos de externalización das delegacións, promovidos pola Lei xeral de comunicación audiovisual, así como as demandas por cesión ilegal de traballadores.

Non obstante, entende que a "forma" en que a dirección tomou a decisión "vulnera a normativa laboral" e de aí que se decidise presentar denuncias. "Consideramos que esta remodelación se fixo cunhas formas inaceptables e traumáticas para os traballadores que se decataron en moitos casos cando foron ao seu centro, ante un garda xurado, e sen tempo para asimilar unha noticia que lles afecta de forma directa e gravemente", indica.

Ademais, denuncia que tamén se fixo "de costas á representación sindical, con absoluto secretismo, premeditación e aleivosía," o que, ao seu entender, mostra a "concepción absolutamente vertical e autoritaria" coa que o director xeral da CRTVG concibe, ao seu xuízo, as relacións laborais.

O Comité interempresas advirte de que "tampouco comparte a supresión" das delegacións de Ferrol, Pontevedra, Burela, Porto e Bruselas, que, ademais de "incumprir a disposición adicional terceira do convenio colectivo", vai afectar á inmediatez e á proximidade da información e facer "depender" esta das axencias externas.

"Pensamos que detrás desta decisión se esconde un interese por facer que se resinta a calidade do servizo público esencial de radiotelevisión, así como por deixar de cubrir espazos informativos importantes en beneficio de medios privados", sinala o comunicado.

A decisión da Dirección Xeral da compañía supón, sinala o comité, o despedimento de preto de 50 traballadores das delegacións que viñan prestando os seus servizos para a radio e para a televisión de Galicia "nas mesmas condicións" que o persoal con sentenza xudicial de indefinición por cesión ilegal de traballadores.

Ademais da denuncia efectuada, o Comité interempresas convocou unha asemblea de traballadores para acordar as medidas oportunas para os efectos de denunciar a situación de "adelgazamento".

Pola súa banda o deputado do BNG Anxo Quintana levará ao próximo pleno do Parlamento galego, con carácter de urxencia, a anunciada reestruturación dos servizos territoriais de informativos da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), para coñecer o "alcance e os obxectivos reais" que se esconden tras esta decisión. Pola súa banda, os socialistas tamén presentaron unha pregunta para a súa resposta en comisión, con estes mesmos obxectivos.

Así, o parlamentario nacionalista rexistrou unha batería de iniciativas neste sentido, toda vez que, ao seu xuízo, se trata dunha medida adoptada "ás agachadas", pois na comparecencia do director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, da pasada semana, e a petición propia, "en ningún caso se informou" sobre esta iniciativa.

O CPXG ve positiva a medida aínda que lamenta os postos

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) expresou a súa "preocupación" polas consecuencias laborais da decisión da CRTVG de "non renovar" os contratos das produtoras que viñan encargándose da cobertura informativa da televisión autonómica en boa parte das delegacións, e que en principio afectaría a un colectivo de entre 25 a 50 profesionais.

A Xunta de Goberno entende como "positiva" a decisión da TVG de "poñer fin á externalización" de parte dos servizos informativos, un sistema posto en marcha dende o nacemento da televisión pública galega que incumpre a recente Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.

A información nunha televisión pública "non debe estar subcontratar a medios privados e suxeita a reparticións territoriais", considera o CPXG, que valora que a TVG se faga cargo cos seus propios medios da cobertura de catro das cinco delegacións que conserva.

Lamenta o peche "das outras cinco", porque "non só fai perigar o posto dos traballadores cos que as empresas concesionarias cubrían estes servizos, senón polo peche dos informativos locais que se viñan realizando", xa que afecta ao dereito dos cidadáns

O ente di que non quedan na rúa

A Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) tomou a decisión de "abandonar a externalización" dos informativos, para o que reestrutura as súas delegacións fóra de Santiago e pecha dúas sedes, a de Ferrol e a de Burela (Lugo). Pola súa banda, o local de Pontevedra permanece aberto, pero intégrase na de Vigo en canto á xestión, e continuarán os centros de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo cos programas informativos.

Fontes do ente público indicaron que as 50 persoas que facían traballos a través de produtoras externas non quedarán se traballo, posto que teñen unha relación con esas terceiras empresas.

Malestar pola pouca cortesía

O voceiro da Comisión da CRTVG, Ricardo Varela, rexistrou unha iniciativa parlamentaria para reclamar "explicacións" polo peche das delegacións da TVG en Burela e en Ferrol. O dirixente socialista quere coñecer cáles son as previsións que manexa a Dirección para realizar a cobertura informativa. Varela denunciou a pouca cortesía parlamentaria do director da compañía da CRTVG, xa que "non apareceu polo Parlamento para dar conta destes asuntos", e recordou que compareceu a semana pasada e non dixo nada.

"Tratan de evitar máis recursos"

Para o deputado do Bloque, "é evidente" que o abandono da externalización para pasar a cubrir con medio propios "non se fai por vontade propia" da dirección da CRTVG, senón para "evitar a avalancha" de recursos e de sentenzas a favor dos traballadores que, "como xa se advertiu a pasada semana durante a comparecencia", vai ser a "vía" pola que "se consolide" o emprego no ente público "se non se desbloquea pronto a convocatoria de concurso público". Espera que esta actuación "non sexa para quitar unhas empresas e meter outras".

FRASES

Ricardo Varela, PSdeG

"Denuncio a situación laboral dos traballadores do ente público e lémbrolles que a OPE está "paralizada" pola "neglixencia do Partido Popular de Galicia"

Anxo Quintana, BNG

"O BNG defende o traballo con medios propios, pero para dar cobertura a un sistema nacional, non para acabar cona un servizo que non pode atender a todo".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS