Inés Colmeiro (Silleda, 1979) asume este ano a dirección de Larpeiros, programa de cociña que volveu este mes a Televisión de Galicia (TVG) cun 17,2 por cento de cota de pantalla que a superou a media da súa cadea. Ábrese así un banquete de 18 episodios servidos os martes (22 h.), temporada que logo continuará con 26 entregas. Benigno Campos, Tomás Alonso e os seus invitados preparan cada semana un prato típico da gastronomía galega cuxo guión "busca entreter cociñando ben, rico e a un prezo económico", apunta Colmeiro.
Fan irredenta de Perdidos ata o punto de levantarse de madrugada para ver o capítulo final que Cuatro deu en sintonía con Estados Unidos, esta profesional compostelá de adopción asume o seu novo rol logo de tres anos e medio traballando como guionista nesta formato cun renovado historial de boa audiencia.
"Por iso mesmo creo que o importante é manter o formato sen moitos cambios porque ó público lle gusta... Séguennos nenos, familias e xente maior, temos un perfil moi aberto. Tratamos a cociña de Galicia con cariño pero tamén con humor e iso axuda a chegar a público de distintas idades".
Formada en Comunicación Audiovisual, Colmeiro aclara que a receita do formato, que xa superou as 70 entregas, inclúe unha vocación firme de revalorizar os produtos da terra. Larpeiros adianta parte do contido semanal en Facebook, onde ten 1.200 seguidores agregados e un blog con fotos e receitas.