Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 13:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Comunicación

xornalista, consultor e autor do blog ‘Periodistas 21’

Juan Varela, un betanceiro que ten peso na blogosfera

Juan Varela é para "El Mundo" unha das persoas máis influentes deste ano. Aínda que o seu actual oficio é o de consultor de medios, considérase xornalista ante todo e así o demostra no seu blog, "Periodistas 21". Segundo este betanceiro, o futuro da información está na rede.

SARA GONZÁLEZ . SANTIAGO   | 04.09.2006 
A- A+

GH
O xornalista Juan Varela cre que os medios electrónicos ofrecerán máis liberdade á hora de informar
FOTO: GH

Juan Varela non é xornalista vocacional. Estudou en Navarra para exercer como tal sen telo moi claro, pero despois tivo sorte. O traballo nunca lle faltou e, tras pasar por diferentes xornais como El Ideal Gallego, El Sol ou El País, Juan Varela decidiu emprender un traballo pola súa conta "máis creativo". Agora, a súa profesión é a de consultor de medios, pero por riba de todas as cousas el considérase xornalista. Por algo ten un blog, Periodistas 21, no que cada día reflexiona e escribe sobre temas de actualidade. Milleiros de persoas seguen, len e comentan cada día o punto de vista deste xornalista de Betanzos.

 

¿Como xurdiu a idea?

Cando comecei o blog, que foi un dos primeiros blogs en España e non tiñan nada que ver co que son agora, fíxeno por manter certa relación continua e prover de novas os meus clientes. Os comezos do meu blog son xornalísticos, algo máis profesional que persoal.

 

¿E agora en que punto se atopa?

Agora é ao revés. O blog creceu moitísimo en lectura e en públicos moi distintos. A maior parte seguen sendo xornalistas, pero hai outra parte moi importante que non ten nada que ver. Nesa construción que vas facendo tan persoal, no terreo xornalístico relaxeime e agora falo de cousas máis persoais.

 

Cando fala de cuestións xornalísticas, ¿faino dende un punto de vista propio?

Cando falo de xornalismo fago fundamentalmente análises. Teño a costume de enlazar sempre as fontes, pero non me interesa moito unha colección de información, senón dar un paso máis, poñer as cousas en contexto e facer análises e proxeccións do que pode pasar no mercado informativo e no mercado da información pública en xeral.

 

¿Que supuxo levar o premio ao Mellor Blog Xornalístico en español en 2004?

¡Pois un peso tremendo! (risas). Daquela non sabía que facer co blog, se mantelo afastado do público xeral ou centrarme en cuestións máis estritas do xornalismo. O premio fíxome optar polo primeiro.

 

¿Cal é a clave do seu éxito?

Como no xornalismo en xeral, hai que ser sempre moi honesto. Logo, ser o máis rigoroso posible, traballar con precisión. Dicir as cousas con argumentos e con datos sempre que se poida e con fontes. Logo hai que manter unha relación constante co público. Non considero que ningunha anotación do blog estea rematada ata que a xente o comenta. A xente descubreche moitas cousas nas que ao mellor non caeras: enfoques, datos, outras formas de ver a situación, etc. Esa é a gran vantaxe que ten este formato.

 

¿Que opina do éxito dos blogs?

Eu son un gran defensor da integración dos blogs nos medios profesionais porque creo que son un formato moi importante para que os xornalistas deixen de estar na redacción e comecen a falar coa xente. Permiten a información das novas doutra forma diferente. O que creo que teñen que facer os xornalistas son blogs moi subxectivos, porque para ser obxectivo xa hai outros formatos. Iso si, mantendo os elementos de rigor e de precisión fundamentais da información.

 

¿Cal é o futuro dos medios electrónicos?

O futuro da información, das noticias sobre todo, está na rede. Este ano estamos asistindo ao cambio da era. Os xornais tradicionais de pago van morrer en gran medida e o papel resistirá doutra forma, como un produto "de nicho" para xente moi esixente que queira desfrutar da información con moita profundidade e opinión. E a televisión cada vez é menos importante como medio informativo. Nese sentido, o futuro e xa o presente das noticias e da actualidade informativa é a rede.

 

¿Os medios electrónicos ofrecerán máis liberdade?

Si, por dúas cousas fundamentais: algunhas iniciativas que están aparecendo nalgúns países a nivel internacional para cortar a actividade na rede non teñen éxito. Logo, esta é moi libre porque non fan falla licenzas nin someterse a ningún político ou autorización. Ademais toda a produción dixital de contidos é máis económica e eficiente que a analóxica. Dende ese punto de vista podemos dicir que hai liberdade, pero ao remate, hai gran parte da información que seguirá sendo controlada polos grandes grupos.

 

¿Coñece algo da blogosfera galega?

Leo algúns blogs galegos e algúns están entre os meus favoritos, como Brétemas, que é do director de Xerais, La huella digital, de Nacho Lafuente, o de Xosé Manuel Pereiro ou Manolo Gago, que tamén ten un blog moi interesante, e Días Estranhos de Martin Pawley.

 

¿Que opina da actividade dos blogueiros galegos?

A blogosfera galega é moi distinta á doutras de España, é unha blogosfera moi endogámica, non só por cuestión da lingua, senón por cuestións de como se pensa ou en que se pensa. Tamén é moi literaria e arrastra a cultura literaria galega en xeral á rede. Algunhas cousas teñen moito valor e conséguense cousas interesantes no terreo da cultura, da identidade, etc. Pero outras veces dáme a impresión de que é demasiado endogámica e demasiado encerrada consigo mesma. O que lle aprezo é que é menos política e sectaria ca outras blogosferas, como a catalá.

 

"El Mundo" sinálao como un dos homes máis influentes deste ano. ¿Que opina?

Non é que o crea moito, estas cousas non son moi científicas. É certo que o blog é moi lido, pero tamén inflúe ser xornalista, coñecer certa xente e falar de certas cousas. Penso que está moi ben (risas), podía ser un pouco esaxerado, pero saír nas listas a favor sempre está ben. Saír nas listas en contra, algunhas veces tampouco está mal, pero esas gústame escollelas (risas).

PERFIL

Juan Varela (Betanzos, 1964), estudou Xornalismo na Universidade de Navarra grazas a unha bolsa. Antes de rematar a carreira, xa estaba traballando e, como nin a televisión nin a radio lle atraían como medio de información, sempre estivo vinculado a diferentes medios escritos.

El Ideal Gallego foi un dos primeiros xornais nos que Juan Varela traballou, pero "como o xornalismo galego era moi pobriño daquela", segundo o xornalista, decidiu saír de Galicia. Así, mentres fixo a mili estivo en Sevilla, pero non tardou moito en establecerse en Madrid, onde segue vivindo. Traballou en xornais como El País, El Sol ou Diario 16, pero agora dedícase a escribir no seu afamado blog, Periodistas 21, e a exercer de consultor de medios.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS