Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Comunicación

manifesto

Miles de voces defenden os medios en galego

08.09.2010  A páxina web www.osmediosengalegoimportan.com logra revolucionar os internautas en apoio á lingua nas súas primeiras 24 horas

4.8/5 [19 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

CARMEN QUINTELA . SANTIAGO

XOSÉ LÓPEZ GARCÍA FOTO: AXENCIAS
XOSÉ LÓPEZ GARCÍA
FOTO: AXENCIAS

Ante o peche da edición impresa do semanario A Nosa Terra e dos portais Vieiros e Chuza, foron 24 os xornalistas e escritores que decidiron promover unha iniciativa para espertar o compromiso das administracións e os cidadáns co noso idioma. Hai dous días publicaban un manifesto, "Os medios en galego importan", que a partir de onte xa se pode asinar a través da súa páxina web (www.osmediosengalegoimportan.com) e ó que se uniron máis de 1000 sinaturas en menos de vinte e catro horas. Con ideas como a de que "os medios resultan imprescindibles para que a nosa lingua viva e medre con futuro" ou que "alguén ten que facelo e facelo agora", miles de persoas en toda Galicia piden "apoio" para non "deixar morrer" unha lingua.

As opinións que o comunicado suscitou no panorama galego foron variadas, aínda que todas teñen como nexo común a loanza do manifesto. Xosé Manuel Lage Tuñas, coordinador da área institucional do PSdeG, incide na necesidade da axuda que as administracións públicas poden proporcionar para "protexer os medios de comunicación en galego". Asegura sentirse "cómodo" co manifesto e comparte "a necesidade de protexer a lingua, a cultura e os vehículos de comunicación en Galicia". Lage fai fincapé e que presentarán no Parlamento "diversas iniciativas nesta dirección, de reforzamento do galego nos medios". Desde o BNG, Carlos Aymerich, comparte esta "favorable" opinión e comprométese a "traballar" para facer "moitas máis accións a nivel parlamentario".

Entre as voces discordantes está a de Román Rodríguez, voceiro de Educación do PP, que asegura que se trata dunha iniciativa "moi loable", pero subliña que a lingua dun medio é un factor que non incide na súa desaparición. "Non debemos esquecer que estamos nunha sociedade de libre mercado na que hai empresas que poden ter máis ou menos éxito", remarca, para engadir que "os galegos seleccionan os medios que queren ler, e isto está moito máis aló do idioma que usan".

Xurxo Salgado, secretario xeral do Sindicato de Xornalistas de Galicia, non comparte as afirmacións dos populares. Sinala que "hai problemas como a mala xestión dunha empresa", pero recorda que iso acontece nos medios galegos "igual que nos escritos en castelán". "A cuestión", subliña, "é que os segundos poden subsistir porque reciben as axudas que non se lles dan ós primeiros". Asegura "non ter problema en asinar o manifesto", iniciativa á que se suman Javier Cea, presidente da Asociación de Medios Escritos en Galego, ou Carlos Callón, presidente da mesa pola Normalización Lingüística. Este último anima a "todas as persoas con sensibilidade pola situación do noso idioma" a adherirse ó escrito.

No ámbito cultural son moitas as voces que secundan o manifesto. Xosé López, secretario do Consello da Cultura Galega, a pesar de "ter a súa opinión" sobre este tipo de escritos, afirma que hai "casos únicos nos que cando menos un manifesto é preciso para intentar chamar a atencion da opinión pública". "Confío en que sirva para ese fin, e polo tanto asinareino", declara. López descríbese como "defensor dos medios en galego", polo que considera esta unha iniciativa "oportuna no que hai unha preocupación importante nos distintos sectores da poboación pola desaparición dos medios en galego". Preocupación que comparte Xose Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, que asegura que o peche de calquera xornal "é un mal para a sociedade, e máis aínda se falamos dun medio galego".

SEGUIMENTO

Os blogueiros, a favor da iniciativa

Ás voces que asinaron o manifesto sumouse o apoio dos blogueiros, que a través das súas bitácoras animaron os internautas a visitar a páxina web, como foi o caso de www. aulablog.com ou www. elgallego.wordpress.com. Alfonso Eiré, director de A Nosa Terra e promotor do portal do manifesto asegura non sorprenderse pola aceptación da xente ante o escrito. "Hai unha sensibilidade entre a xente que moitas veces non se mostra", afirma, "pero hai momentos coma este nos que a sociedade demostra a súa preocupación". "Se non pensara que isto puidera pasar non tería esperanzas en recuperar a cabeceira para pronto", declara.

Editorial: Morremos un pouco todos

(vén da portada)

Cada medio en galego é froi­to dun pequeno milagre e dunha firme convicción. O Grupo Correo Gallego vive ese milagre e ostenta esa convicción cunha cabeceira pioneira, Galicia Hoxe, a través da cal o país se asoma cada mañá a unha realidade transmitida no seu ADN idiomático. Pero non todos eses prodixios lograron sobrevivir e, por iso, levantar a palabra é imprescindible. É o que fai este manifesto que sae cunha divisa que compartimos: "Galicia é o galego". Tamén nós nos negamos a que a morte lenta por inanición sexa o destino do noso principal sinal de identidade. Tamén nós cremos que a Administración non pode mirar cara a outro lado, men­tres sucede esta eutanasia de medios escritos en galego. Eutana­sia que moitas veces é activa, como cando se reducen nun 60% as axudas, asemade que se lles outorgan con xenerosidade a outros moitos sectores. Desde estas páxinas sempre apoiamos a aposta plurilingüe deste Goberno e o seu apoio ó inglés. ¿Pero non haberá nese mesmo caixón de onde saen recursos para a lingua de Shakespeare, outros para o idio­ma que mellor nos caracteriza? Non podemos calar ante esta mor­te lenta de medios irmáns. É o noso deber sinalar onde están as responsabilidades e reclamar trato equitativo e respecto para o idio­ma que nos enriquece como pobo.

 

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS