Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
Acció Cultural do País Valencia (ACPV) entregou hoxe no rexistro do Congreso máis de 600.000 firmas para pedir a tramitación dun proxecto de lei que "legalice" e "normalice" a emisión das televisións autonómicas nas súas respectivas comunidades lingüísticas, non só xeográficas. Así o asegurou o presidente de Acción Cultural do País Valenciano (ACPV), Eliseo Climent, minutos antes de entregar as firmas, que teñen por obxecto impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) neste sentido, chamada "Televisión sen fronteiras".
Para que se poida tramitar no parlamento español unha iniciativa cidadá destas características é necesario presentar no rexistro da Cámara Baixa polo menos medio millón de firmas válidas no conxunto do territorio. En declaracións ós xornalistas na Porta dos Leóns do Congreso, Climent relatou que a idea xurdiu por mor dos problemas que existen e existiron desde hai tempo para emitir a TV3 na Comunidade Valenciana. Para o presidente de ACPV, os problemas que expuxeron os diferentes gobernos supoñen unha "agresión inconcibible á comunicación e á lingua" no mundo occidental, ante o que había dúas opcións: "Resignarse ou intentar gañar por elevación". Por iso, decidiron estender o que é un feito puntual ó resto das comunidades lingüísticas, unha vez que constataron que todas as autonómicas tiñan o mesmo problema para emitir nas súas comunidades lingüísticas.
