Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 20.05.2019 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Comunicación

ficción

Sonia castelo: "Os guións dábanme medo pola noite"

A actriz galega protagoniza a primeira serie de terror psicolóxico que se estrea o vindeiro luns

M.Q. . SANTIAGO   | 14.03.2009 
A- A+

Cuatro
Familia protagonista de ‘Hay alguién ahí’, con Sonia Castelo, no centro
FOTO: Cuatro

O xénero de terror, máis propio do medio cinematográfico, chega a televisión o vindeiro luns 16 de marzo, ás 22.15 horas, coa estrea de Hay alguen ahí. A nova aposta de Cuatro pola ficción nacional conta coa peculiaridade de que, no canto de policías, médicos ou avogados, a serie está protagonizada por visións, pantasmas e fenómenos paranormais, que terán tanto peso como os personaxes de carne e óso.

A pesar da temática da serie, e de que se emitirá inmediatamente despois de El Hormiguero, cuxo público inclúe a parte do colectivo infantil, os seus responables aseguran que é apta para todos os públicos. "Non vai danar a sensibilidade de ninguén. É algo máis que terror psicolóxico" explicou Elena Sánchez, directora de Contidos de Cuatro, durante a presentación da serie, celebrada onte nun lugar tan emblemático como misterioso: a Casa de América en Madrid e antigo Palacio de Linares. Despois de que Narciso "Chicho" Ibáñez Serrador revolucionase a televisión dos anos 70 coas súas Historias para no dormir, Hay alguien ahí é a primeira ficción de xénero que aterra na pantalla contendo "todos os ingredientes do cine de misterio clásico" sinalou Elena Sánchez, de Cuatro.

Hay alguien ahí narra a historia dunha familia, os Pardo, que decide cambiar de vida e mudarse a unha casa nos arredores para superar os problemas persoais que lles afectan, cando o que lles espera en realidade son fenómenos paranormais froito dos terribles sucesos que se produciron entre esas paredes tempo atrás. O matrimonio en crise, os seus tres fillos e unha misteriosa asistenta, convivirán coas pantasmas que se manifestarán de diversas formas, cada cal máis terrorífica.

Producida por Plural Enterteinment, a serie é unha creación orixinal de Daniel C. Torallas e Joaquín Górriz, "algo destacable nestes tempos en que as cadeas apostamos por adaptar produtos de fóra para ir sen risco" dixo a directiva de Cuatro. Joaquín Górriz, pola súa banda, definiu a produción como "unha serie abertamente de medo, sen prexuízos" que mestura "moita tensión dramática", "aínda que tiñamos claro que debía ser crible e verosímil" apuntou Torallas.

A atmosfera terrorífica no set de rodaxe conseguiu que o equipo "estea empezando a ver pantasmas nas súas casas" dixo o produtor executivo. Neste sentido, a actriz galega, nacida en Ferrol Sonia Castelo que dá vida a Clara Simón, a nai do clan, asegurou durante a rolda de prensa que deixou de ler guións pola noite porque me daban medo, asustábanme" sinalou. Sonia Castelo comezou como presentadora de informativos na TVG entre 1989 e 1991. A súa carreira como intérprete e directora de dobraxe iníciase en 1992, pero o seu rostro comezaría a ser familiar para o público galego por mor do éxito da serie Mareas Vivas, da que foi unha das protagonistas durante as primeiras temporadas.

Tras participar en Rías Baixas, deu o salto á ficción nacional, participando en numerosas producións con papeis protagonistas (Policías, ou Motivos personales, entre outras) ademais de incursións no cine.

"UNA BALA PARA EL REY"

Carlos Blanco e María Castro

Antena 3 TV estrea tamén o luns Una bala para el rey, unha película para televisión, producida por Globomedia, inspirada no feito real do intento de ETA de atentar contra o Rei durante a súa estancia en Palma de Mallorca. Manuel Valdivia recalcou que é unha serie "inspirada en feitos reais pero inventáronse personaxes e situacións e fíxose ficción". Está protagonizada entre outros polos actores galegos Carlos Blanco e María Castro.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS