Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Comunicación

xefe de produción da TVG na visita de Benedito XVI

Tino Santiago: "A retransmisión papal será respectuosa pero alegre porque isto non é un funeral"

Unha audiencia potencial de 150 millóns de persoas estará pendente o sábado da chegada de Ratzinger, un evento cuxa responsabilidade, para ben ou para mal, caerá sobre este xornalista que ten que coordinar 500 profesionais para cubrir 14 horas de programación

ROSA RODRÍGUEZ . SANTIAGO   | 03.11.2010 
A- A+

tvg
O xornalista da TVG, Tino Santiago, responsable da produción da visita
FOTO: tvg

A falta de catro días para o "desembarco" de Benedito XVI en Santiago o xornalista Tino Santiago, responsable da produción do evento, está dos nervios aínda que non perde o bo humor. Contactar con el é difícil. Está ultimando os últimos detalles deste "quebracabezas" para o que tivo que facer un "máster papal". Agora a sorte está botada: "O substancial está, aínda que cando empecemos a montar as pezas é cando nos daremos de conta se realmente falta algo", asegura.

Tino Santiago quere deixar claro que, aínda que el é a cabeza visible, detrás del hai un equipo que está controlando ata o último detalle dende os últimos catro meses. Eles son os responsables da retransmisión da TVG para un público potencial de 150 millóns de persoas, o que causa certa vertixe. Pero o xornalista, curtido en mil ballatas, non quere oír falar destas cifras e confesa o seu segredo: "Eu cando traballo penso sempre en persoas e diríxome a caras concretas as que sei o que lles gusta. Non podo pensar en millóns de persoas".

Para os galegos que decidan quedar na casa, 500 profesionais da TVG serán os encargados de dar conta minuto a minuto e durante 14 horas, de todos e cada un dos pasos de Benedito XVI. Tino Santiago asegura que a escaleta xa está confeccionada e "case" todo controlado. "Nós traballamos con sombras e ilusións e ata que se produza o feito non sabes como pode quedar", recoñece. Pero o certo é que non quere nin falar dunha marxe de fallos. "É mellor non pensalo, non pode haber fallos", incide. O que está claro é que nada se deixou ó azar, incluso a climatoloxía. "Da igual que chova. Nós temos un plan B".

O responsable da produción considera que o máis complicado foi solucionar os problemas burocráticos. "E que eu non estaba acostumado ós papeis", escúsase. A dirección da TVG decidiu sacar a concurso público todas e cada unha das súas necesidades. Isto obrigou o equipo de Tino Santiago a ter deseñado nun tempo récord o oitenta por cento do plan de cobertura e logo esperar ata outubro a que se decidiran os concursos.

Esta retransmisión supón un reto, non só para os traballadores da "Galega" senón para o propio ente. "A TVG entra no paquete de teles internacionais que son capaces de asumir un desafío destas condicións. Somos como un equipo de Primeira que de vez en cando xogamos a Champións", apunta. No eido persoal, para o responsable de todo o "tinglado" foi un "máster de televisión acelerado".

Entre os medios técnicos destaca a instalación no interior da Catedral de dúas cámaras especiais, unha das cales irá na engrenaxe do Botafumeiro e tamén se utilizará unha cámara 3D. Outra das cámaras especiais que se empregará no dispositivo será unha cabeza quente de 3 eixes (cámara robotizada en grúa) que se instalará na praza do Obradoiro. Tamén se utilizarán un helicóptero e unidades móbiles ó longo de todo o percorrido. Haberá un set na praza do Obradoiro desde onde se informará, recibirá convidados e comentará todo canto aconteza nesta xornada. Ademais ,haberá uns 13 equipos despregados por diferentes puntos da cidade para conectar en directo con eles e recibir toda a información que orixine a visita do Papa Benedito XVI. Incluso está controlado o ton dos xornalistas que variará segundo os distintos momentos. O que está claro, segundo apuntou o responsable da retransmisión, é que "isto non é unha feira nin un espectáculo de variedades pero tampouco un funeral", polo que o ton será "repectuoso pero alegre".

Santiago explica que houbo un intercambio de información a través de varias reunións cos responsables da tele catalá pero que eles van facer algo semellante á TVG. "Hai diferenzas pola xeografía, porque aquí é unha peregrinación e alí non... pero basicamente facemos o mesmo e cos mesmos medios". Tras dedicar todas e cada unha das horas do día a pensar no evento, o xornalista só arela que acabe ese día para poder "durmir".

Medios dos cinco continentes

A visita que realizará Benedito XVI está xerando expectación sobre todo, entre a prensa europea. Segundo datos da consellería de Presidencia, entre o 5 e o 8 de novembro haberá máis de 1.000 xornalistas que cubrirán o evento. Os xornalistas acreditados proceden, na súa maioría, de Europa (concretamente de Italia e Alemaña), aínda que tamén hai un número importante de xornalistas acreditados de Estados Unidos, Suramérica, África e Asia. Polo que respecta a España todas as cadeas realizarán os seus telexornais dende Santiago. Ademais, La 1 e a Canal 24 horas ofrecerán en directo a chegada e toda a peregrinaxe papal.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS