Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 24.08.2019 Actualizado 13:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Deportes

ciclismo

Contador deféndese

O corredor sinala que a absolución polo seu positivo en clembuterol da Federación Española non é "unha cuestión de patriotismo" e si "xurídica e científica"

EFE . ALBUFEIRA   | 17.02.2011 
A- A+

vigilio rodrigues/efe
Contador, do equipo Saxobank, participa na primeira etapa da Volta ó Algarve, onte
FOTO: vigilio rodrigues/efe

O ciclista español Alberto Contador defendeu onte a súa absolución polo seu positivo de clembuterol no pasado Tour de Francia e sinalou que a decisión da Federación Española de Ciclismo (RFEC) non é "unha cuestión de patriotismo" e si "xurídica e científica". Contador compareceu emocionado nun hotel da localidade lusa de Albufeira xunto ó seu director de equipo (Saxo Bank), o danés Bjarne Riis, e recoñeceu sentirse "máis relaxado que antes", a pesar da posibilidade de recurso á decisión da RFEC que se reservan as instancias internacionais.

"Teñen que ver o caso en concreto e tomar unha decisión", comentou o corredor madrileño, quen considerou prematuro falar da súa participación no Tour e resaltou que o seu caso é "unha grande oportunidade para cambiar as regras". O madrileño, quen se felicitou pola súa participación na Volta ó Algarve, insistiu en que no proceso que lle abriron por dopaxe "houbo erros" e recordou o "dano irreparable" que lle fixeron. "Grazas a min poden cambiar as normas", xustificou o deportista, que acusou as actuais regras anti-dopaxe de "obsoletas".

A maior parte da prensa europea puxo en dúbida a decisión da Federación Española. O francés Le Parisien sinalou que "condenar a Contador podería ter consecuencias financeiras desastrosas para a Federación porque os seus avogados pedirían" unha indemnización "astronómica" por danos e prexuízos.

Os xornais belgas expresaban onte dúbidas sobre a absolución de Contador tras o seu positivo por clembuterol e cuestiona o compromiso das autoridades do país coa loita antidopaxe.O francófono La Dernière Heure expresa a súa sorpresa pola decisión e informa os seus lectores de que "a Federación Española de Ciclismo atreveuse a indultar a Alberto Contador", ó que cualifica de "ídolo de toda unha nación apoiado polas máis importantes personalidades do país, como o xefe do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero".

Os principais diarios deportivos de Italia, La Gazzetta dello Sport e Correire dello Sport, explican que detrás da absolución do ciclista madrileño pode haber outros intereses alleos ós deportivos. "A favor da absolución hai indubidablemente asuntos económicos (ao redor de Contador rotan uns 10 millóns de euros de media) e políticos, coa intervención do presidente de Goberno de España José Luis Rodríguez Zapatero, que hai catro días declarou que non había ningunha razón xurídica para sancionalo", afirma Corriere dello Sport.

"Esta sentenza é difícil de dixerir para os afeccionados ó deporte. O ciclista Alberto Contador foi absolto a pesar de que había un positivo", di o diario alemán Bild. E o presidente da Unión Ciclista Unternacional (UCI), o irlandés Pat McQuaid, mostrouse crítico coa absolución de Contador e coas que considera inxerencias políticas no caso: "nada me sorprende, vindo de España", declarou en Omán, onde asiste á volta ó sultanato. "Non me sorprendeu, trátase de España. Nada me sorprende, vindo de España, pero é decepcionante", explicou.

VOLTA Ó ALGARVE

Gilbert gaña a primeira etapa

O ciclista belga Philippe Gilbert, corredor do Omega Pharma, foi o vencedor da primeira etapa da Volta ó Algarve, na que o español Alberto Contador chegou á liña de meta xunto ó groso do pelotón. A carreira, que se alongou case unha hora máis do previsto pola choiva, acabou por decidirse nos metros finais despois de que o pelotón volvese agruparse no quilómetro 148, a só nove da chegada. Alberto Contador (Saxo Bank) finalizou a carreira na vixésimo oitava posición. O español converteuse na grande atracción desta Volta ó Algarve debido ó seu regreso á competición.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS