Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
Os empregados públicos están convocados a un paro o 8 de xuño en protesta pola rebaixa salarial anunciada polo Goberno, e as seccións de Función Pública de UGT, CCOO e CSI-CSIF advertiron o Goberno de que, se non rectifica, as mobilizacións continuarán. Así o aseguraron onte o secretario xeral da Federación dos Servizos para a Cidadanía de CCOO, Enrique Fossoul; o secretario de organización da Federación dos Servizos Públicos de UGT, Rafael Espartero, e o secretario nacional de Formación do sindicato CSI-CSIF, Miguel Borra. Os tres dirixentes reuníronse onte para anunciar que a convocatoria de paro deste colectivo atrásase do 2 de xuño ó día 8 porque o Goberno debe aclarar na Mesa Xeral da Función Pública a que colectivos afecta o recorte. Anunciaron que o xoves pola mañá a secretaria de Estado para a Función Pública, Consolo Rumí, reunirase cos máximos dirixentes sindicais do sector público na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, horas antes de que o Consello de Ministros aprobe o Real Decreto de medidas contra o déficit público.
No entanto, manteñen as manifestacións previstas para o día 20 pola tarde e ás que se adheriu un sindicato policial. Doutra banda, o Consello Confederal de UGT apoiará a convocatoria dunha mobilización xeral en defensa dos pensionistas, que coincida coa folga xeral no sector público do próximo 8 de xuño. Así llo explicou á prensa o secretario de Acción Sindical de UGT, Toni Ferrer, minutos antes de que se iniciase o Consello Confederal, órgano consultivo do sindicato, que se convocou de forma extraordinaria.
Os galegos van decidir hoxe
A festa das Letras Galegas motivou que os sindicatos galegos CCOO, UXT e CIG deixasen para hoxe a súa decisión sobre mobilizacións, aínda que é previsible que se adapten ó calendario nacional.
