Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Economía

recortes

A hora das rúas

17.05.2010  Os sindicatos deciden hoxe a convocatoria de paro no sector público o 2 de xuño ·· Blanco pídelle unha "resposta proporcionada", posto que hai xente sen emprego

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

AXENCIAS . MADRID

Milleiros de persoas concentráronse onte nas rúas de Madrid FOTO: SERGIO BARRENECHEA/EFE
Milleiros de persoas concentráronse onte nas rúas de Madrid
FOTO: SERGIO BARRENECHEA/EFE

Os sindicatos CCOO, UXT e CSIF reúnense hoxe para concretar a convocatoria de folga dos traballadores do sector público que terá lugar o 2 de xuño e na que protestarán pola rebaixa salarial. A folga virá precedida por concentracións en distintos puntos de España o próximo 20 de maio, nas que as forzas sindicais mostrarán o seu desacordo co plan de axuste do Goberno para acelerar a redución do déficit. Entre esas medidas do plan que soliviantou os sindicatos está a rebaixa media dun 5% nos soldos dos empregados públicos este ano e a súa conxelación o que vén, e o feito de que o próximo exercicio non haberá subida das pensións contributivas. Co anuncio desa rebaixa salarial, o Executivo rompe co acordo que alcanzou en setembro pasado cos sindicatos para elevar os soldos dos empregados públicos un 0,3% este ano cunha cláusula de revisión salarial ao final do exercicio.

Ante esta reunión, o vicesecretario xeral do PSOE e ministro de Fomento, José Blanco, pediulles ós sindicatos que a resposta que dean ós recortes salariais dos empregados públicos "sexa proporcionada" e que non esquezan que hai moita xente no paro". Durante a clausura dun encontro de organizacións xuvenís socialistas europeas, o ministro insistiu en que quen teñen garantido o posto de traballo deben contribuír de forma equitativa a este "esforzo nacional".Tamén confiou na responsabilidade dos sindicatos e dos empresarios para alcanzar un acordo na reforma laboral que faga posible unha saída ós mozos que perderon o emprego.

E mentres as rúas quentan motores, a ministra española de Economía e Facenda, Elena Salgado, presentará hoxe ante os seus homólogos da zona euro (Eurogrupo) as medidas de axuste fiscal definidas esta semana polo Goberno, e que foron esixidas polos principais socios europeos como condición para aprobar o plan de blindaxe do euro o 9 de maio. Co novo axuste, España pretende recortar o déficit público desde o 11,2% do PIB ata o 9,3% en 2010, reducilo ata o 6% en 2011 e situalo por baixo do límite do 3% que marca o pacto de estabilidade e crecemento, en 2013.

Posteriormente, os ministros de Economía da Unión Europea examinarán na súa reunión mensual que se celebra mañá se as novas medidas de axuste anunciadas polo presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, son suficientes para acelerar a consolidación fiscal e recuperar a confianza dos mercados na economía española. O comisario de Asuntos Económicos e Monetarios, Olli Rehn, deu a benvida ese mesmo día ó anuncio das medidas, que "parecen ir na boa dirección", segundo dixo, pero reservou a súa opinión definitiva ata mañá en que coñecerá todos os detalles.

O Fondo Monetario Internacional tamén saudou o anuncio por boca do director do departamento europeo, Marek Belka, aínda que tamén el insinuou que é pronto para aventurar se farán falta recortes adicionais.

 

ESIXEN FOLGA XERAL EUROPEA O 20 DE MAIO

Milleiros de persoas concentráronse onte nas rúas de Madrid -5.000 segundo a Policía Nacional, 15.000 segundo a organización convocante, "Enlazando Alternativas"- contra os recortes sociais e o "desastre" producido por unha "Unión Europea Neoliberal", ante o que chamaron a unha folga xeral europea para o próximo 20 de maio. Alí clamaron que a crise debe pagala "quen a provocou: multinacionais, bancos e estados que se entregaron ó capital e destacaron que o pobo non é o que debe asumir a débeda que contraeron "os ricos".

O DATO

O FMI pídelle a España rebaixar 9,4 puntos o déficit

España debe baixar o seu déficit en 9,4 puntos porcentuais na próxima década, unha das reducións máis drásticas do mundo, segundo o FMI, que dixo que un bo plan de axuste podería ata acelerar a actividade económica. O Fondo Monetario Internacional (FMI) enviou onte unha chamada de atención ós países ricos en xeral para que a volta ó crecemento non os faga compracentes sobre os números vermellos das súas contas públicas. De acordo cos seus cálculos, os países ricos terán que reducir o seu déficit en 8,75 puntos porcentuais do seu Produto Interno Bruto (PIB) durante a próxima década, máis que o previsto anteriormente, para que a súa débeda volva ó 60% do PIB de media no 2030, a porcentaxe de antes da crise. No caso de España, que sufriu unha recesión máis larga que a maioría dos seus veciños e onde os ingresos públicos caeron tamén en maior medida, a corrección do déficit debe ser máis profunda, de 9,4 puntos porcentuais. Por iso, o organismo recibiu positivamente as novas medidas anunciadas polo Goberno para reducir o déficit en 15.000 millóns de euros.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS