Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, cualificou onte de "Ere universal" a proposta de reforma laboral que baralla aprobar o día 16 o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, e criticou o Executivo por querer "declarar procedentes os despedimentos en empresas con problemas económicos".
Unha entrevista na cadea SER, Jorquera advertiu de que nestes momentos "toca resignarse" ante a intención do Goberno de aprobar a reforma, á vez que prognosticou que o novo modelo laboral traerá consigo unha utilización masiva dos expedientes de regulación de emprego. O deputado nacionalista mostrouse moi crítico con Rodríguez Zapatero, ó que acusou de encartarse ás imposicións doutros organismos, como o Fondo Monetario Internacional. "Zapatero está sendo empuxado por Europa", denunciou, e fixo fincapé en que "os plans de axuste lle veñen impostos".
Ademais, negou que o mercado laboral necesite unha maior flexibilización do mercado laboral e centrou as dificultades nos "problemas de liquidez" das empresas españolas. "É necesaria unha reforma fiscal e financeira", indicou o deputado do BNG, tras avogar por unha subida de impostos que grave as rendas máis altas, como xa anunciaron Cataluña ou Asturias.
Con todo, o representante da organización frontista mostrou o seu rexeitamento a un adianto electoral en España -os comicios deberán celebrarse en 2012-, xa que, na súa opinión, suporía facilitar o acceso do Partido Popular á Moncloa. "Tería lóxica se houbese unha situación de ingobernabilidade, e agora non a hai", sinalou Jorquera, a pesar de admitir que si existe "unha situación parlamentaria fráxil e que o Goberno está "desgastado".
Rubalcaba pídelle a todos os españois que se sacrifiquen
Doutra banda, o ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba cualificou a actual crise como "a peor situación que viviu o Partido Socialista en todos os anos de goberno". No entanto, cualificou as medidas de recorte de "impopulares pero necesarias", á vez que apuntou que non favorecen o partido do goberno. "Estamos pedindo un sacrificio a todos os cidadáns pero en especial ós pensionistas e funcionarios, xa que temos que pagar as pensións do futuro e o subsidio por desemprego do mañá", dixo.
Fronte a isto, e desde a oposición, a secretaria xeral do Partido Popular, María Dores de Cospedal, garantiulles aos pensionistas españois que, se o PP goberna, as pensións "non se tocarán".
As medidas de axuste pasan hoxe o exame da eurozona
Os ministros de Economía da eurozona examinarán na súa reunión mensual que se celebra hoxe en Luxemburgo se as novas medidas de axuste aprobadas polo Goberno para 2010 e 2011 son suficientes para acelerar a consolidación fiscal e frear o contaxio a España da crise de endebedamento que afecta a Grecia e agora tamén a Hungría. "A nosa primeira avaliación é que os novos obxectivos tanto para España como para Portugal (que tamén será examinado) son adecuados e supón unha mellora importante para ambos os países. E para estes anos as medidas de consolidación son realmente moi importantes", dixo o comisario de Asuntos Económicos, Olli Rehn, que non aclarou se o Executivo comunitario lle podería pedir a Madrid e a Lisboa que preparen novas medidas de axuste para acougar os mercados. De feito, a Comisión atrasou de novo ata o 15 de xuño a súa avaliación definitiva sobre o plan español de consolidación orzamentaria.
Convocados á folga mañá
Os funcionarios e os empregados públicos das tres administracións, máis de 2,5 millóns de persoas, están convocados mañá a secundar unha folga de 24 horas no sector público, en protesta contra o recorte salarial medio do 5% que lles aplica o Goberno desde o 1 de xuño. Os sectores que se verán afectados serán a educación, a sanidade, a seguridade (os policías e gardas civís tamén están chamados á protesta) e a xustiza, así como outros servizos públicos como correos, axencia tributaria, oficinas de emprego ou aduanas. O lema é "8-X. Folga servizos públicos. Parar. Non ós recortes salariais e sociais" e exhibirase no medio cento de actos convocados.
