Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Eleccións

A candidatA

Fátima Monteagudo: "Algúns queren converter os comicios en estatais. Nós centrámonos nos veciños"

"Centrarémonos nos mozos, facendo da educación e a formación as nosas prioridades"

R. FERNÁNDEZ   | 17.05.2011 
A- A+

AXENCIAS
Fátima Monteagudo, esquerda, xunto a Josefina Villaverde, centenaria que pecha a lista socialista de Cuntis
FOTO: AXENCIAS

Con 33 anos, Fátima Monteagudo (Cuntis, 1978), a rexedora socialista máis nova de Galicia, afronta este 22-M a súa segunda reelección á alcaldía do seu municipio natal. Tras acceder á corporación local de Cuntis no 2003 como número dous do PSdeG, Fátima colleu o bastón de mando en xullo de 2005, "mentres a selección española de fútbol loitaba por levantar a Copa de Europa", tras a dimisión de Eduardo Rey. O seu traballo á fronte do Concello, "baseado nunha relación próxima cos cidadáns e un traballo constante para atender as súas demandas e mellorar a súa calidade de vida", foi referendado polos veciños nos comicios de 2007, nos que os socialistas obtiveron cinco concelleiros. Cunha ampla experiencia ás súas costas, esta moza, muller e nai, enfronta a súa terceira lexislatura cun obxectivo claro: darlles continuidade ós proxectos postos en marcha para revitalizar un concello que non aparecía no mapa.

¿Que balance fai desta lexislatura?

Foi unha lexislatura moi boa en canto a investimentos para o Concello de Cuntis. Beneficiámonos moito do Plan E, o que fixo que se investiran máis de 1.400.000 euros, que é unha cantidade moi grande, ademais do apoio da Deputación de Pontevedra, que axudaron a mellorar as condicións de vida dos nosos veciños. Os dous primeiros anos da lexislatura tivemos a sorte de contar co apoio da Xunta presidida polo compañeiro Emilio Pérez Touriño, que nos axudou moitísimo. Cuntis foi un dos concellos que estaba totalmente esquecido e grazas a este goberno conseguimos toda unha serie de melloras como parte do saneamento, pavimentacións, arranxos en varias rúas e no rural e mesmo que se instalara un rádar meteorolóxico en Cuntis, que non crea ningún posto de traballo pero que serve para que nos coñezan máis alá das nosas fronteiras. Agora Cuntis aparece no mapa do tempo.

¿Cal é o seu maior logro á fronte do Concello?

Puxemos en marcha un programa de apertura do centro educativo fóra do horario lectivo, do que me sinto moi orgullosa, porque eu son muller e nai e sei o tremendamente difícil que é conciliar a vida laboral e familiar. Agora, temos o centro educativo aberto ata as 9 da noite, de forma que os pais dispoñemos dun lugar onde deixar os nosos fillos sen saír do recinto escolar e con monitores que se encargan de que os rapaces fagan os deberes e estuden e teñan un momento de lecer. Cuntis foi, ademais, declarado Concello Saúdable -xunto con Caldas e Moraña-, polo que un licenciado no INEF e unha nutricionista conseguiron que os nosos veciños crearan uns hábitos de vida máis beneficiosos para a nosa saúde. En época de crise, investimentos en aforro grazas ó programa de Núcleo Sostible, apostando pola eficiencia enerxética para reducir o consumo de electricidade, o repartimento de composteiros e programas de reciclaxe para reducir a nosa achega de lixo a Sogama. Foi unha lexislatura na que se puxeron en marcha moitos proxectos que agora teñen que continuar porque se non ten continuación, quedaría perdido e non creo que Cuntis mereza iso.

¿En que centra o PSdeG de Cuntis o programa electoral?

No traballo ben feito e nas promesas cumpridas. Traballamos nas demandas dos nosos veciños e cumprímolas. Non se trataron de grandes mausoleos porque en Cuntis non os precisamos, necesitamos cumprir coas necesidades dos nosos veciños, que a maior parte das veces son cousas básicas como pavimentos, iluminación, saneamentos. En definitiva, mellorar a vida das pesoas. O noso obxectivo cara á vindeira lexislatura será continuar con todo isto.

¿E as prioridades?

Loxicamente temos unha serie de prioridades como promocionar a creación dun enlace da autovía entre Santiago e A Estrada, porque cremos que que Cuntis estea ben comunicado é fundamental. Remataremos coa posta en funcionamento do Polígono Industrial, co obxectivo de aumentar os postos de traballo e evitar a perda de poboación. Temos que aprobar o PXOM e potenciar a nosa economía. Para iso, ademais do polígono industrial, queremos apostar por un sector que pode ser unha boa alternativa: o da castaña. Cuntis é o único concello da Comarca de Caldas que está dentro da IXP da Castaña de Galicia e as comunidades de montes deben apostar pola castaña para xerar riqueza para a nosa vila. Cuntis é unha vila eminentemente agrícola, por iso cremos que a agricultura ecolóxica tamén pode ser unha fórmula de autoemprego. Finalmente, tamén queremos traballar moito coa xuventude. A educación e formación é fundamental para acceder a un mercado de traballo ó que cada vez é máis difícil acceder, sobre todo sen formación. Queremos formalos en novas tecnoloxías e en idiomas, e para iso pedimos que se impartan clases de ingles, francés e alemán. Ademais o noso propósito é formar eses rapaces que ó abandonaren a educación regrada, quedan fóra do sistema e non teñen outra saída. Para eles, queremos poñer en marcha itinerarios específicos, ademais dun servizo continuo de orientación laboral. Medidas que se complementan coa educación de adultos que temos no Concello e que é a envexa das vilas limítrofes como Caldas e Moraña, que carecen del.

Vostede é unha das rexedoras máis novas. ¿Resultoulle difícil dar o salto á política?

Efectivamente, son das máis novas. Non obstante, é algo que non me preocupa, o único que me importa é traballar polos nosos veciños. Cando empecei, en 2003, era moi nova pero eu creo que a política é algo que nos ten que interesar a todos porque está todos os días na nosa vida. A min propuxéronmo e dixen si facilmente porque na miña casa eran socialistas de toda a vida e a verdade é que non me custou dar o paso de ir para o PSdeG.

¿Que valoración fai da campaña?

Algúns queren facer disto uns comicios estatais. A nosa aposta é manter unha relación próxima e de traballo cos veciños. Nunha vila pequena todos te coñecen, saben quen es e párante pola rúa. A nosa relación non cambiou absolutamente nada. É a mesma que vimos tendo dende sempre, que é un trato directo e accesible, que é como temos que ser todos os políticos.

Encabeza a lista unha moza e pechando vai unha centenaria. ¿Cal é a intención?

A intención é a de facerlles unha homenaxe ás persoas maiores e ás mulleres que loitaron polos nosos dereitos. E neste caso estamos ante unha persoa moi loitadora polos dereitos das mulleres. Ela sempre di que exerceu o seu dereito ó voto dende o primeiro día en que puido. Quixemos que estivese aí como símbolo, como identidade. Tamén é unha homenaxe ós nosos militantes, que loitaron polo noso partido. Trátase dunha lista que representa a todos os veciños.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS