Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.04.2019 Actualizado 20:25
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Eleccións

HOXE, DOMINGO ELECTORAL

Reflexión lúdica pensando nunha acción mundial

2.310.000 galegos están convocados a votar nas 1.061 mesas da comunidade tras un atípico día de reflexión ·· Os "indignados" cambiaron as pancartas centradas no voto por actos e concertos ·· A partir de mañá centraranse no debate político

REDACCIÓN . SANTIAGO JAVIER ROMAÑACH   | 22.05.2011 
A- A+

Ramón Escuredo
Acampados na praza do Obradoiro, observando o espectáculo de Pablo Pistacatro.
FOTO: Ramón Escuredo

As portas dos colexios electorais ábrense hoxe ás 08.30 e até as 20.00 horas en Galiza para celebrar os comicios locais, tras unha atípica xornada de reflexión dunha igualmente atípica campaña. As actividades lúdico-festivas marcaron o día dos "indignados" galegos do movemento "Democracia Real Xa", nun día previo ás eleccións municipais no que se avogou por retirar os diversos carteis que aludían ao voto electoral, e onde os participantes destacan a "tranquilidade" nas relacións cos membros policiais que permanecen próximos ás concentracións nas que participaron miles de persoas. A paz foi a constante absoluta. Aínda que ninguén pode adiviñar con certeza como afectará ao voto a protesta, se os partidos pequenos agromarán de vez, nin se se secundará a abstención.

De momento conseguiron encher as prazas públicas. Como na Grecia clásica, os cidadan­s saíron á rúa para fa­cer política. Das asembleas da praza do Obradoiro xurdiu xa un documento con 17 propos­tas concretas para unha democra­cia real. Na Porta do Sol, na praza de Cataluña e nas de­cenas de acampadas de toda É­paña elaboran tamén listaxes parecidas. Fórmula electoral pro­porcional pura, no canto da Lei D´Hont; límites salariais para os representantes públicos; a ­presión das deputacións pro­vinciais ou inhabilitación para sempre para políticos corruptos son algunhas das ideas que se propo­ñen desde Santiago.

Aínda que desde o propio movemento de "Democracia Real Xa!" se chama a atención sobre o anacronismo da existencia dunha xornada de reflexión, os participantes nas reivindicacións galegas mostraron o seu respecto a este día, polo cal decidiron programar diversas propostas lúdicas. Así, en Compostela levouse a cabo onte pola mañá un espectáculo circense, tras o cal se celebrou un "Espazo de reflexión" como forma de darlles cabida ás tradicionais asembleas que se realizaron estes días sen querer "enturbar" a xornada previa ás eleccións. Ao longo do día haberá contacontos, espectáculos de maxia, unha "grafitada popular", así como concertos de Magnifique, Sacha na Horta, Habelas Hainas e Festicultores.

Pola súa banda, na cidade da Coruña ó longo deste sábado celébranse diversos talleres de globoflexia, "origami", arranxo de bicicletas ou xogos para nenos, que Raúl Mella, un dos participantes, definiu a Europa Press, como "un día cultural". Así mesmo, José, que está acampado en Vigo, sinala que a situación é un tanto diferente ás reivindicacións de Santiago ou A Coruña, xa que a aposta por actividades culturais non fraguou de todo despois de que máis de cen persoas pasasen a noite nas inmediacións da rúa Príncipe. Unha das cuestións sobre as que fixeron fincapé os participantes nas reivindicacións é a tranquilidade coa que se están vivindo estas xornadas e a cordialidade mantida cos membros policiais asentados nas diversas prazas. Neste sentido, unha das mozas acampadas na emblemática praza da capital de Santiago afirmou que a Policía non comunicou ningunha orde de desa- loxo e explicou que se respectaría a xornada de reflexión con especial atención a que o Pazo de San Xerome situado no Obradoiro funcionará como colexio electoral este domingo, logo dunha madrugada na que permaneceron centos de persoas na praza, ben sexa ao raso ou con tenda de campaña. "Están os dous policías locais e os dous nacionais de sempre", apunta Melissa na praza do Obradoiro, para resaltar o ambiente de cordialidade que reina na praza sen que haxa un reforzo significativo de efectivos. De feito, até un dos policías quixo transmitir a través dun dos mozos "indignados" as "boas noites" aos acampados en Compostela.

Na Coruña, a Policía pediu sobre as 00.30 horas do sábado a "identificación dun responsábel", e segundo sinala Raúl Mella, despois de que os asistentes afirmasen que no movemento non existe ningún tipo de "responsable", os policías despedíronse de forma amable. No caso de Vigo, algúns membros comunicáronlles ós asistentes o venres pola tarde, a prohibición para levar a cabo a concentración aínda que sen maiores consecuencias. Entre as curiosidades desta xornada, entre a madrugada do venres ó sábado o cantante Nacho Vegas pasou a mostrar o seu apoio ós acampados no Obradoiro despois do concerto que tivo lugar na Sala Capitol.

Avogan por manter a reivindicación até xuño

Como apunta Francisco Baeza en Santiago, "dáse por feito" que a partir do luns prosiga esta iniciativa dos "indignados", e apunta a posibilidade de seguir o exemplo doutras comunidades onde se avoga por manter a reivindicación ata xuño, con miras a un movemento a longo prazo. En concreto, na última asemblea compostelá acordouse manter as concentracións, que a partir de mañá estarán centradas máis "no debate político", xa que segundo se sinala, ata agora "foron sobre todo máis emotivas".

Así mesmo, xunto ás sete cidades galegas nas que existen reivindicacións de Democracia Real, nas últimas horas fóronse sumando localidades máis pequenas como Carballo ou Vilagarcía, á vez que este sábado hai convocada para as 20.00 horas en Castro Caldelas (Ourense) unha concentración en apoio do movemento 15-M. Pola súa banda, os "indignados" concentrados na praza de Armas de Ferrol, fronte ao Concello, colocaron nun lateral varios toldos e tendas de campaña que serviron para pasar a noite acampados, rodeados de carteis nos que se recollen frases como "todos os camiños levan a Islandia" ou "non hai pan para tanto chourizo". O sábado pola mañá, a asem- blea ferrolá estivo convocada para as 12.00 horas. Improvisouse unha urna con cartóns, para que todos os interesados, votasen por aquilo que consideran necesario. As varandas laterais da praza cubríronse totalmente de folios con frases reivindicativas, escritas a man, nas que se recollían frases como "financiamento dos partidos, transparencia". Os participantes en Ferrol aseguraron que se manterá a protesta "se a xente responde" e "que non se acatarán normas cun interese claro", como o da Xunta Electoral, porque "a manifestación e a acampada non só é xusta", tamén "necesaria".

Polo momento, hoxe están chamados a votar nestes comicios 2.316.649 galegos e estranxeiros empadroados na comunidade, case 322.000 menos que hai un ano. A causa desta caída está o veto ao voto dos galegos residentes no estranxeiro (-319.074 efectivos), a un descenso en 5.216 dos votantes autóctonos fronte ás municipais de 2007, e unha alza de 2.375 residentes doutras nacionalidades. Acudirán, se non optan pola abstención ou non se atopan entre as máis de 28.600 persoas que votaron por correo a algunha das máis de catro mil meses distribuídas en máis de dous mil cincocentos colexios e locais electorais por toda Galiza .

Nin PSOE nin PP

A campaña comezou dominada polo enfrontamento entre PP e PSOE pola decisión do Tribunal Constitucional de autorizar a coalición abertzale Bildu e viuse interrompida chegando ó seu ecuador polo terremoto de Lorca --no que morreron 11 persoas--. Na súa recta final, a magnitude das manifestacións dos "indignados" descolocaron os partidos, que se viron obrigados a facerlles un oco nas súas mensaxes. O PP, convencido de que eses descontentos non están entre os seus electores potenciais, trata de que a indignación se envorque contra o PSOE; os socialistas, conscientes de que moitos descontentos son de esquerda, móvense con cautela para non dar a sensación de que instrumentalizan a protesta e optaron por recordarlles que o voto é a ferramenta do cambio na democracia. A abstención dos "seus" era xa o que máis temía o PSOE desde o inicio da campaña e todas as súas mensaxes centráronse en mobilizalos para "frear" unha dereita que, ó seu xuízo, non merece gañar nada pola actitude "obstrucionista" que mantivo na xestión da crise. Eles aseguran, aínda que onte non o dixeron, que non votarán nin PSOE nin PP.

Até Brandeburgo

Preto dun milleiro de manifestantes, maioritariamente españois pero con achegas solidarios alemáns, fixeron chegar onte a voz dos "indignados" á Porta de Brandeburgo, nunha reivindicativa concentración en apoio que trasladou as protestas sociais do 15-M a Berlín. As consignas de "Mans arriba" e "Queremos un país ao que poder volver", en español, mesturáronse co "Wir sind das Volk" alemán das revoltas que precipitaron a caída do Muro, en 1989, ante o máis emblemático monumento da capital de Alemaña. A gran maioría dos concentrados eran novos españois, de idades e aspiracións moi parecidas ós da Porta do Sol, que acudiron convocados a través de redes sociais, mails ou a través do móbil. "É formidábel ver a repercusión que se lle está dando nos medios alemáns ao noso movemento, nunca vira algo así", comentaba Álvaro Gómez, un estudante coruñés de 28 anos, establecido en Berlín desde hai tres. "Os alemáns deberiamos aprender dos españois. Aquí estamos como durmidos. Non temos un problema de desemprego, pero hai outras cousas".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS