Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Manifestación de onte en Santiago, convocada por Galiza non se vende, á que asistiu o líder do Encontro Irmandiño do BNG, Xosé Manuel Beiras FOTO: ramón escuredo |
Unhas 300 persoas convocadas pola plataforma Galiza non se vende manifestáronse onte en Santiago de Compostela en contra do "saqueo socioambiental" da terra galega e en defensa dunha "terra viva para unha vida digna para todos".
Sobre as 12.30 horas os manifestantes partiron da Alameda compostelá coreando consignas como "goberne quen goberne, Galiza non se vende" e "PSOE, PP, a mesma merda é".
Pertencentes a máis de sesenta colectivos de toda Galicia, tanto da costa como das zonas do interior da comunidade autónoma, os asistentes defenderon a "utilización racional dos recursos naturais" e "a protección do patrimonio natural e histórico", segundo explicou en declaracións aos medios, a voceira da plataforma, Mabel Rivera.
Nesta liña, pediu que os gobernos locais e autonómicos "respecten as leis" no referido a cuestións ambientais, como que se acate a sentenza de peche da planta de Reganosa en Mugardos ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo precisou a voceira.
Respecto disto incidiu en que os valores da terra "están a ser conculcados" en toda Galicia. Así, rexeitou a existencia dun "urbanismo desproporcionado que non obedece aos obxectivos do país", o "abandono dos mellores tecidos produtivos como pasa a nivel rural" ou mesmo a "substitución dos valores tradicionais da pesca por industrias totalmente innecesarias como son as piscifactorías".
Segundo apuntou, estas cuestións débense, entre outras cousas, "a que actualmente a banca e os mercados impoñen o seu poder sobre os poderes políticos" ante o que, como sinalou, queda "defender un modelo diferente" que "en Galicia se pode levar a cabo porque se dan as condicións" para iso.
A marcha, que transcorreu de xeito pacífico e sen ningunha incidencia, estivo marcada pola presenza de seis furgóns da Policía Nacional e un total de 20 axentes antidisturbios que permanecían situados ante ao sede local do PSOE situada na céntrica rúa de Doutor Teixeiro, por onde pasou a manifestación.
Na praza da Quintana, varios participantes pronunciaron un manifesto no que apostaron por "unhas rías limpas e uns ríos vivos", a "defensa dun litoral público e natural" ou "uns montes ben xestionados".
Por último, a marcha finalizou cun acto ridiculista no que un grupo de persoas parodiaron, baixo a intensa chuvia, aos poderes políticos coa presentación dun "candidato corrupto" chamado Pedro Rega Nosa, quen entre as súas propostas electorais prometeu construír "unha piscifactoría en cada ría" ou poñer "un paseo marítimo en cada vila aínda que neste non haxa mar".
Por outra banda, Mabel Rivera deixou claro que a plataforma Galiza non se vende é unha "rede non partidista" xa que, tal e como indicou, "non ten ningún partido nin sindicato por detrás" senón que está formada por "diferentes grupos que traballan activamente en defensa do medio, cada un no ámbito que lle corresponde". Ademais, a voceira denunciou un "proceso de desmobilización" na actualidade e "o pouco eco" que os medios de comunicación "fixeron desta convocatoria", ante o que subliñou o "dereito a estar na rúa de xeito civilizado e pacífico".
Ecoloxistas pídenlles ós partidos medidas fronte ó cambio de clima
Representantes de organizacións ecoloxistas pedíronlles ós partidos políticos medidas para loitar contra o cambio climático, como unha maior peonilización dos núcleos urbanos, e "reciclar máis residuos orgánicos e non só os envases", con motivo do comezo da campaña electoral para os comicios municipais e autonómicos do 22 de maio. En declaracións, o secretario xeral de WWF España, Juan Carlos do Olmo, concretou que esta organización pide "un cambio nos vehículos públicos para que sexan híbridos e eléctricos co obxectivo de reducir o impacto do cambio climático". Pola súa banda, o coordinador de Ecoloxistas en Acción, Luis González, afirmou que para que a calidade do aire nas cidades españolas sexa boa "é básico reducir a circulación dos coches porque son os principais responsables da súa mala calidade". Así, apostou polo transporte público e por que haxa "plans urbanísticos de protección para cambiar a cultura do "pelotazo".
