Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 23:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Rede

INNOVACIÓN

Agestic lanza dende Lugo a nova "RedTICos"

Creada en Galicia, aspira a ser a rede social e profesional das TIC no ámbito iberoamericano

EN REDE . SANTIAGO   | 29.03.2011 
A- A+

INTERNET
A RedTICos ten o seu sitio en internet en http://redticos.net, foi desenvolvida pola Asociación Galega de Empresas TIC e aspira a converterse na rede social e profesional de referencia no ámbito iberoamericano
FOTO: INTERNET

Agestic, a Asociación Galega de Empresas das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, vén de lanzar desde Lugo a RedTICos ( http://redticos.net), que aspira a converterse na rede social de referencia en tecnoloxía. O departamento de proxectos da Agestic puxo en marcha desde as súas instalacións en Lugo esta rede social, que busca pór en contacto a todas as persoas relacionadas coas TIC, e que polo seu carácter transversal na economía aspira a ser útil a millóns de cidadáns.

O presidente de Agestic, José María López Bourio explica que "RedTICos aspira a ser a rede social de usuarios, profesionais e empresas relacionados coas tecnoloxías e internet en España e Iberoamérica e que sen dúbida será a rede de referencia TIC no mundo que fala español". De feito, isto explica por que a web non ten versión en galego malia que o proxecto está desenvolvido integramente en Lugo.

Foi promovido por Agestic ó amparo do Plan Avanza do Goberno central, co cal conta tamén co apoio do Ministerio de Industria, á parte da destacada colaboración e asesoramento dos profesionais da Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo no seu Campus de Ourense. Ademais, RedTICos é un dos proxectos pioneiros en redes sociais en ser accesible, cumprindo as Normas W3C, que regulan o deseño, usabilidade e accesibilidade das plataformas Web para que non teñan obstáculos para as persoas con discapacidade (que falen español).

López Bourio destaca que "RedTicos vai resultar unha ferramenta moi útil para que, por exemplo, as empresas que aínda non descubriron as inmensas posibilidades das redes sociais, a usen tanto para o reforzo da súa imaxe pública, como para a mellora da súa xestión, difusión de produtos, novidades, aplicacións e servizos, captación de novos empregados con talento, procura de socios ou internacionalización das súas operacións". Ademais destaca "as ofertas de formación cualificada do sector tecnolóxico, pois a demanda de profesionais TIC en todos os sectores empresariais está en aumento" e "a posibilidade de que as empresas TIC poidan manter conversacións con potenciais clientes, provedores, socios, profesionais...". José María López Bourio indica tamén que "un dos retos das redes sociais verticais como RedTICos, é o de descubrir o seu propio modelo de negocio e facelo rendible.

Aí está o dilema, pois como vemos a Facebook, cremos que só existen os modelos de negocio on line, por iso en Agestic pensamos que a clave está, en axuntar modelos de negocio tradicionais co mundo en liña, de tal forma que empresas, profesionais e usuarios se atopen a gusto nela, porque lles resulta útil e rendible.".

A RedTICos ten o seu sitio en internet en http://redticos.net, foi desenvolvida pola Asociación Galega de Empresas TIC e aspira a converterse na rede social e profesional de referencia no ámbito iberoamericano das tecnoloxías da información e da comunicación, para o cal tamén traballou o tema da accesibilidade á web por parte de discapacitados

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS