Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Rede

NEGOCIOS

Arteixo Telecom, na "elite" que traballa con Defensa

É a primeira firma galega en obter a certificación pecal expedida polo Ministerio

EN REDE . SANTIAGO   | 01.02.2011 
A- A+

A.T.
Arteixo Telecom, que preside Rafael Valcarce, ten a súa sede no municipio coruñés das Pontes, onde conta cunha planta industrial de 5.000 metros cadrados e máis de 200 empregados
FOTO: A.T.

A firma galega Arteixo Telecom superou con éxito a avaliación do seu Sistema de Xestión da Calidade "para o deseño, produción, instalación e servizo posvenda de equipos de telecomunicacións para o sector da defensa, segundo a norma militar Pecal/AQAP 2110", informou nun comunicado.

A avaliación "foi realizada pola Dirección Xeral de Armamento e Material do Ministerio de Defensa, que expediu o correspondente certificado a favor da compañía", di a nota, de xeito que logo deste trámite "Arteixo Telecom entra a formar parte do reducido número de empresas que dispón desta acreditación de máximo nivel, que certifica que o seu sistema de Xestión da Calidade se axusta ós altos estándares esixidos pola OTAN".

Arteixo Telecom convértese deste modo "na primeira empresa galega do sector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) que obtén a certificación Pecal 2110. No conxunto de España, menos dun centenar de compañías están certificadas segundo esta norma". O sector da defensa é para a compañía galega "un dos sectores identificados como prioritarios no plan de diversificación de negocio da compañía. Representa, ademais, un importante respaldo para a política de calidade da empresa, que dispón tamén das certificacións segundo as normas UNE-NISO 9001: 2008 e UNE-NISO 14001:2004".

A certificación Pecal 2110 "supón ademais unha serie de importantes vantaxes nos ámbitos da eficiencia, a mellora continua dos procesos, a coordinación cos provedores, a motivación dos traballadores e a reputación corporativa. Ademais, mellora a cualificación da empresa para acceder a licitacións e subvencións públicas", polo que se ve como un "obxectivo cumprido".

"Para Arteixo Telecom, a obtención desta certificación representa o logro dun dos obxectivos estratéxicos planificados pola organización. Supuxo, ademais, a culminación dun longo traballo de mellora e optimización dos nosos procesos, especialmente os de Xestión da Calidade, de Deseño e Desenvolvemento, e de Trazabilidade das Subministracións", sinalou Carmen Mesa, responsable de Calidade e Medio Ambiente.

Rafael Valcarce, presidente de Arteixo Telecom, indicou pola súa parte que a concesión do certificado "supón, por parte da Autoridade Nacional de Calidade do Ministerio de Defensa, un voto de confianza a unha sistemática establecida desde o inicio das nosas actividades, no ano 1996, e mantida no compromiso permanente da mellora dos nosos procesos e produtos. Todo iso co firme compromiso de obter o máximo grao de satisfacción dos nosos clientes". Arteixo Telecom traballa no deseño, desenvolvemento, fabricación, comercialización, instalación, mantemento e reparación de equipos e solucións TIC para un amplo abano de sectores.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS