Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 25.05.2013
| Actualizado 11.58

Representantes das entidades AENOR, EQA e DNV entregáronlles a semana pasada as certificacións de calidade ISO 27001:2007 e ISO 20000 a un total de vinte empresas galegas do ámbito das novas tecnoloxías (TIC). Cun acto celebrado o xoves no Auditorio da Zona Franca de Vigo culminou o proxecto de implantación de certificacións de calidade en empresas do sector TIC, un proxecto cofinanciado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2008-2011, e coordinado por INEO, asociación que agrupa máis de 80 empresas galegas relacionadas coas novas tecnoloxías.
Esas empresas teñen presenza nas áreas de actividade de hardware, software, redes e telecomunicacións, internet e contidos, formación e consultoría TIC. A facturación das empresas asociadas de INEO supera os 250 millóns de euros e, todas xuntas danlles emprego a preto de 3.300 profesionais.
En virtude deste proxecto, as organizacións Ultreia, Artemis, AVA, Infojoc, Avanzas, Megasyc, Nextvision, Pexego e SIGA 98 acaban de obter a certificación ISO 27001:2007, ó alcance de só un reducido grupo de empresas en toda España, debido ás súas características e ó alto grao de esixencia dos seus requisitos.
Esta certificación especifica os requisitos necesarios para establecer, implantar, manter e mellorar un Sistema de Xestión da Seguridade da Información (SGSI), de maneira que as empresas certificadas posúen unha metodoloxía de xestión da seguridade clara e estruturada, que contribúe a minimizar o risco de perda, roubo ou corrupción da información. Pola súa banda, as organizacións Alnitak, Elaboro, AFI, Bahía Software, Balidea, Bonaval, Ednon, Level Telecom, Opensoft, Quobis e Ultreia obtiveron o certificado ISO 20000, que lles permitirá demostrar a súa capacidade para ofrecer servizos TIC xestionados coas prácticas que indica a Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías da Información (ITIL), o estándar con maior prestixio a nivel mundial en xestión e operación de infraestruturas tecnolóxicas.
"Para INEO é unha satisfacción comprobar como o proxecto que coordinamos desde hai anos segue cumprindo co obxectivo de fomentar a implantación de sistemas de calidade en empresas galegas do sector TIC. As certificacións entregadas son unha xusta recompensa ó grandísimo esforzo realizado por estas organizacións para aplicar os estándares de calidade recollidos nestas normas e por avanzar cara ó obxectivo común: que o sector TIC de Galicia sexa recoñecido pola súa Excelencia Empresarial", explicou no acto en Vigo Jorge Cebreiros, o presidente de INEO.
Jorge Cebreiros, presidente de INEO, no centro da primeira fila, no acto celebrado en Vigo e no cal vinte empresas galegas do sector TIC recibiron certificacións de calidade ISO emitidas por axencias de prestixio como Aenor, EQA e DNV, no que é un novo paso no camiño da excelencia e a competitividade empresarial
