Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Rede

FUTURO

Certificacións Aenor para 33 empresas máis

HENRIQUE NEIRA . SANTIAGO   | 01.12.2010 
A- A+

HENRIQUE NEIRA

FOTO: HENRIQUE NEIRA

Máis dunha trintena de empresas TIC galegas poderán obter ó longo do próximo ano as certificacións do Sistema de Xestión de Servizos de Tecnoloxías da Información segundo a norma ISO 20000, grazas ó apoio da Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías de Información e Comunicación (Agestic) e a Asociación Española de Normalización e Certificación (Aenor).

Así o anunciaron onte durante o seminario ISO 20000 para empresas TIC, organizado por Agestic, en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Aenor e mais Start-Up.

Abriron o evento o presidente de Agestic, José María López Bourio, e o subdirector xeral de Calidade da Secretaría Xeral de Modernización da Xunta, Jaime Barros Leboreiro, quen salientou a crecente "importancia" de que as empresas galegas do sector TIC lle presten unha maior atención a todo o que ten que ver "coa calidade".

Ó longo do seminario tamén interviñeron o presidente de Aenor, Manuel López Cachero, así como especialistas na materia, que subliñaron as garantías que achegan as certificacións de calidade no ámbito do sector TIC, tanto no que se refire a competitividade, como en calidade e seguridade.

Aproveitando a celebración do seminario tamén se lles entregaron certificados Aenor de Seguridade a varias firmas. Agestic promoveu o achegamento ó sector empresarial das ferramentas de xestión de tecnoloxías da información a través de dous proxectos de certificación de 20 empresas galegas (cinco segundo a norma UNE-ISO 20000 e 15 conforme a UNE-ISO 27001), no marco do Plan Avanza I+D+i.

Este primeiro proxecto foi aprobado polo Ministerio de Industria e desenvolvido no período setembro 2009-setembro 2010, cun éxito de obtención da certificación do 100% das compañías beneficiarias.

Debido á positiva resposta das organizacións galegas, Agestic, tal como se explicou onte, decidiu impulsar novos proxectos, que xa foron aprobados no seo do Plan Avanza para certificar outras 33 empresas en UNE-ISO 20000, proxectos que se comezarán a executar "de inmediato".

O certificado ISO 20000 de Aenor acredita que as organizacións implantaron un sistema de xestión de calidade nos seus servizos de tecnoloxías da información, optimizando a eficiencia e reducindo custos, e achégalles valor a organizacións orientadas tanto a clientes externos como internos. Pola súa banda, o certificado ISO 27001 do sistema de xestión de seguridade da información de Aenor acredita que a organización implantou un sistema que reforza e protexe a seguridade da información que xestiona, apostando pola mellora continua, por exemplo con controis adecuados para asegurar a confidencialidade da información.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS