Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 11.12.2019 Actualizado 19:33
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Rede

ENTREVISTA

Enrique Dans: "O papel era eficiente no século pasado, pero hoxe non"

“Pódese dicir que Twitter é hoxe o periódico máis rápido e áxil do mundo”

HENRIQUE NEIRA . A CORUÑA   | 14.06.2010 
A- A+

H. NEIRA

FOTO: H. NEIRA

Enrique Dans (A Coruña, 1966) licenciouse en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago pero continuou a súa formación nos eidos da economía e da información, cun MBA polo Instituto de Empresa (Madrid), estudos posdoutorais na Harvard Business School e o doutoramento en Sistemas da Información na The John E. Anderson Graduate School of Management, da Universidade de California nos Ánxeles (UCLA). Publicou este ano Todo va a cambiar. Tecnología y evolución: adaptarse o desaparecer (Deusto) e recentemente deu unha conferencia na Coruña na xornada B-Web, onde aproveitamos para charlar con el.

- ¿Todo vai cambiar, como indica o título do seu libro, ou todo está cambiando agora, neste momento?

- Realmente todo cambiou xa, estamos nun proceso no que a sociedade a escala internacional, a xente, interactúa de múltiples formas. Pensemos en Twitter: naceu como unha aplicación interna dentro da empresa Odeo para que os traballadores puidesen saber onde estaba cada un, para coordinarse. Viron que aquilo funcionou moi ben e fixérono aberto, e desde aquela atopáronselle unha chea de utilidades, os usuarios son hoxe en día unha morea de ollos e oídos polo mundo e pódese dicir que Twitter é hoxe o periódico máis rápido e áxil do mundo.

- E xustamente webs coma esta están cambiando os periódicos, o conxunto dos medios, a forma na que a información está a chegar a nós...

- Sucede porque a eficiencia da canle é maior: o papel era eficiente no século pasado pero hoxe non, hoxe actualízanse as webs dos medios soamente unha vez ó día, interactúase con elas, míranse e actualízanse continuamente. O papel ten un compoñente xeracional, o tacto, o olor... que son característicos. E o proceso de produción dun periódico implica a edición, a impresión e a distribución, e depéndese da publicidade e tamén das vendas, a diferenza do que sucede coas webs. Mais lembremos o efecto Cadillac: eran coches bos, sólidos e caros, pero o público para o que se construían fíxose vello e deste xeito converteuse nun coche de vellos, as novas xeracións non querían comprar os Cadillac. O papel, os periódicos en papel, cada vez máis serán cousa de vellos, e polo tanto haberá que redeseñar os periódicos para que teñan un novo valor como medios de comunicación.

- Mais non por actualizarse seguido os medios na rede logran ingresos suficientes como para soster as súas webs...

- Xa se viu que o modelo de pagamento por contidos non funciona, posto que restrinxe as visitas ós portais e as posibilidades publicitarias. Pero o modelo baseado na publicidade actualmente tampouco funciona, entre outras cousas porque non consegue o que ten que conseguir: por exemplo, hai anuncios que se despregan a toda pantalla, que fan que un odie a marca e que bloquee a publicidade, porque é molesta e absurda. Eu, no meu blog, non acepto calquera publicidade, selecciónoa.

- ¿E que se pode facer con respecto á publicidade para axudar os medios de comunicación?

- Necesítase que a publicidade sexa distinta. Se con mil páxinas vistas soamente consigo un euro de ingresos porque alguén visitou un anunciante, é imposible que sexa rendible. En cambio, portais como Tuenti permiten unha segmentación perfecta do público obxectivo, por poñer un caso podo contratar anuncios para que os vexan rapazas de entre 14 e 18 anos que vivan preto de centros comerciais e facerlles unha oferta para que se acheguen a eses centros comerciais. Necesítanse apostas distintas e o compromiso dos anunciantes e das axencias para a innovación. Senón pode suceder que as axencias de publicidade se convertan nas próximas discográficas.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS