Venres 03.09.2010
| Actualizado 10.39
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O presidente de INEO, Jorge Cebreiros, segundo pola esquerda, na asemblea celebrada onte en Santiago de Compostela, na cal se marcaron obxectivos de cara ó futuro próximo, non só da asociación, senón das TIC en Galicia FOTO: AXENCIAS |
INEO, a asociación de referencia no sector TIC en Galicia, con máis de 80 empresas asociadas e unha facturación conxunta de 250 millóns de euros, seguirá potenciando este ano o seu labor de prescrición tecnolóxica en diversos sectores produtivos de Galicia, para impulsar o seu desenvolvemento económico a través das vantaxes que presentan as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). Este é un dos obxectivos aprobados na VII Asemblea Xeral de INEO, celebrada onte en Santiago de Compostela.
O nome desta asociación provén do latín e pódese traducir como "emprender un camiño", "comenzar a", "facer alianza", "formar un proxecto". Está formada por empresas que traballan nas áreas de hardware, software, redes e telecomunicacións, internet e contidos, formación TIC e consultoría TIC. A facturación do conxunto das empresas asociadas de INEO supera na actualidade os 250 millóns de euros e danlles emprego a preto de 1.700 profesionais.
Pero ademais, as empresas de INEO traballan implicándose de forma activa e sostida no desenvolvemento da súa contorna socio-económica, promovendo a implantación das Tecnoloxías da Información e Comunicación, a innovación baseada na xestión do coñecemento e a aprendizaxe permanente, como elementos claves para competir nun contexto de mercado global.
"Estámonos consolidando como referente tecnolóxico da economía galega. Mediante a firma de novos convenios de colaboración con asociacións sectoriais, dinamizaremos a aplicación de solucións TIC para estimular o desenvolvemento empresarial. Este é o mellor camiño, ademais, para abrir novos mercados e xerar novas oportunidades de negocio para as empresas asociadas", explicou ó respecto Jorge Cebreiros, presidente de INEO, na asemblea celebrada onte.
A segunda gran liña de traballo que desenvolverá INEO neste 2010 é o posicionamento do sector TIC galego nos foros tecnolóxicos que maior influencia exercen nas políticas de I+D. Para iso, INEO establecerá alianzas e convenios de colaboración con outras organizacións tecnolóxicas de referencia, tanto no panorama nacional como internacional.
Os principais obxectivos destas alianzas son a defensa dos intereses do sector TIC galego en foros de relevancia e o posicionamento das empresas que forman parte de INEO como socios de alto potencial en proxectos estratéxicos, de ámbito nacional e internacional.
"Este ano será clave para o sector TIC en Galicia. Debemos manter e ata potenciar o crecemento experimentado en anos anteriores e, para iso, INEO impulsará a presenza das súas empresas asociadas en proxectos estratéxicos de alcance nacional e internacional, sen perder de vista a atracción dun maior volume de investimentos que apoien as iniciativas tecnolóxicas desenvolvidas desde a nosa Comunidade", indicou Jorge Cebreiros. Así, outro dos grandes obxectivos para este exercicio é a captación dun maior volume de investimento europeo para proxectos tecnolóxicos desenvolvidos pola propia organización ou polas súas empresas asociadas. Actualmente, INEO solicitou catro proxectos Interreg da Unión Europea e está previsto que, ó longo do ano, se soliciten novos proxectos doutras convocatorias.
O presidente de INEO, Jorge Cebreiros, segundo pola esquerda, na asemblea celebrada onte en Santiago de Compostela, na cal se marcaron obxectivos de cara ó futuro próximo, non só da asociación, senón das TIC en Galicia