Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 18.10.2017 Actualizado 21:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Rede

EN LIÑA

Redes sociais e economía

HENRIQUE NEIRA . SANTIAGO   | 20.12.2010 
A- A+

¿Para que serve cada unha delas? e ¿é necesario estar en todas? son as preguntas clave ás que busca responder Redes sociales en una semana, un libro da xornalista Cristina Aced que acaba de publicar Gestión2000, que achega consellos e explicacións para sacarlle o máximo proveito posible á presenza en portais como Facebook ou Twitter, á rede de contactos profesionais de LinkedIn ou Xing, e mesmo á tecnoloxía RSS ou ó portal de vídeos YouTube.

O volume, de formato pequeno e moi manexable -en total 74 páxinas- lese moi rápido e ten unha estrutura semanal como indica o propio título: tras unha introdución na que a autora explica os obxectivos que pretende con esta obra, o resto dos capítulos correspóndense cos días da semana, de luns a domingo.

O luns dedícase a dar a coñecer a filosofía da Web 2.0 na que "a participación se democratiza" ó facerse moito máis fácil publicar contidos na rede, aínda que iso tamén conduce a unha "saturación informativa" pola multiplicación de fontes en liña. No que respecta ás redes sociais, é importante valorar que tipo de datos persoais e de contidos se deben publicar, e para decidilo, nada como dar unha volta polos espazos doutros usuarios e usuarias e comprobar cales facilitan e de que forma ou a que persoas, tendo en conta que a información que acheguemos servirá en parte para construír a nosa reputación na rede.

Facebook, MySpace ou Tuenti son algunhas das redes sociais xeralistas que se analizan no segundo capítulo, que indica ademais que aplicacións informáticas permiten hoxe en día crear unha nova rede social se as existentes non son axeitadas.

O terceiro capítulo dedícase as redes sociais profesionais como LinkedIn, Xing ou Viadeo, que dispoñen dalgunhas funcionalidades que poden ser útiles para buscar traballo, como por exemplo engadir referencias doutras persoas ó perfil.

O cuarto, o correspondente ó xoves, céntrase no microblogging e as plataformas centradas en obxectos: vídeos, imaxes, ligazóns ou presentacións, por exemplo. Nesas páxinas lemos información sobre como sacarlle partido a YouTube, Vimeo, Flickr, Delicious ou Slideshare.

E xa o quinto capítulo aborda a necesidade de crear un plan estratéxico para decidir en que plataformas ou portais é máis convenientes estar de acordo coas necesidades de comunicación dunha persoa, dunha empresa ou doutra entidade. Cristina Aced amósanos unha táboa coas características máis salientables das webs máis populares analizadas no libro, de xeito que visualmente é máis doado facerse unha idea de conxunto, e ó tempo localizar rapidamente as que achegan solucións máis axeitadas ó que queremos.

O sábado, ou o sexto capítulo, é para aprender a xestionar a reputación dixital nas redes sociais, coñecer como actuar nelas -é bo que saibamos como comportarnos, seguir por tanto as normas de netiqueta- e establecer un plan de acción nese eido.

E o final, o sétimo capítulo, inclúe consellos prácticos para triunfar nas redes, resumindo o aprendido nas páxinas anteriores e dándolle un último repaso ós portais mencionados ó longo da obra.

Lembra a autora que se temos un perfil nunha rede social, iso xa nos fai máis visibles en internet, pero ademais se nos interesan sobre todo desde o plano profesional, para iso son moi eficaces aquelas baseadas en referencias e contactos profesionais, xa que axudan a coñecer outras persoas e eventualmente poden supoñer un apoio á hora de buscar traballo. Na súa opinión, ter un perfil pode ser clave para ter máis oportunidades nos procesos de selección dalgunhas compañías. E no caso das empresas, dispoñer de espazo das redes sociais pode facilitar que estean en contacto directo coa clientela ou mesmo para responder as preguntas de potenciais clientes e clientas. Todo un novo mundo se o queremos descubrir.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS