Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 24.01.2020 Actualizado 10:39
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Rede

FUTURO

A Xunta é cada vez máis dixital

O conselleiro Rueda lembra que a administración electrónica é "un dereito"

E.P. . SANTIAGO   | 12.04.2011 
A- A+

X.G.
Alfonso Rueda, esquerda, Mar Pereira, Carlos Fernández, Rafael Millán e Fernando Suárez, onte
FOTO: X.G.

O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, participou onte en Santiago na presentación dun libro "eminentemente práctico" sobre o recente decreto da administración electrónica do Goberno galego, algo que, segundo destacou, deixa de ser "unha posibilidade" para converterse "nun dereito" cidadán.

Ante a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira; o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Carlos Fernández, e o director do libro, Rafael Millán, Rueda incidiu en que a implantación da administración electrónica xa non é "unha opción" para os gobernos, senón que constitúe "un deber", a fin de facilitar a relación cos seus administrados.

Neste sentido, destacou que a nova normativa "simplifica" os procedementos, axuda a reactivar a actividade económica e responde a unha esixencia da sociedade "cun cambio definitivo" no modelo de relación.

De feito, o decreto garante a posibilidade de tramitar calquera procedemento a través da rede con "plena validez" e "seguridade xurídica". "Isto require un complexo armazón", resaltou Rueda.

En función deste cambio normativo, todos os cidadáns terán á súa disposición un cartafol electrónico no que figurará o estado da súa tramitación e se reducirá "papelorio e burocracia" grazas ó acceso ó Rexistro Electrónico. A estas "vantaxes", segundo o titular de Presidencia, súmase a "esixencia" da sociedade para a utilización das novas tecnoloxías. "O noso deber é prestar ese servizo", concluíu.

Pola súa banda, Mar Pereira explicou que o obxectivo do libro presentado onte é "clarificar dúbidas" sobre o decreto que regula a administración electrónica dada a "evolución frenética" das tecnoloxías e os cambios que levan nos hábitos de vida.

Neste sentido, detallou que a nova normativa autonómica establece o marco temporal dun ano desde a aprobación do decreto para o desenvolvemento de normas técnicas "precisas", para a posta en marcha do Diario Oficial de Galicia en versión electrónica e a creación da sede e o rexistro electrónicos.

No prazo de tres anos deberá estar "completada" a implantación da administración electrónica para deste xeito ter "unha administración aberta as 24 horas os 365 días do ano".

Centrado no libro, o director da publicación destacou que é "medio académico e medio funcionarial" que "axudará á comprensión" do novo modelo de comunicación cos cidadáns dun modo "sinxelo, directo, eficaz e bidireccional".

Tamén o representante do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia sinalou que a obra é "ilustrativa e práctica" e que servirá para "aclarar conceptos" no desenvolvemento da administración electrónica, que contribuirá, ó seu xuízo, a "acurtar a fenda tecnolóxica e a facer unha administración máis transparente".

Alfonso Rueda, esquerda, Mar Pereira, Carlos Fernández, Rafael Millán e Fernando Suárez, onte

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS