Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 31.10.2014  | Actualizado 12.23

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Portada » Hemeroteca web

galicia xxi ·· aCtores dO cambio

Abe Rábade: "O jazz máis que ser un estilo é un concepto, pura recreación"

PIANISTA“É mesturar allos con bugallos definir o flamenco como unha españolada ou folclorada, cando se trata da música dunha raza oprimida, a xitana. O flamenco é un queixume. A reacción deses políticos mostrou unha visión conservadora” ·· “Teño unha idea de Galicia bastante diferente: integradora e universalista. Claro que eu, para algunha xente, toco música do imperio”

Abe Rábade é licenciado cum laude en jazz composition e piano performance polo Berklee Collage of Music, de Boston FOTO:
Abe Rábade é licenciado cum laude en jazz composition e piano performance polo Berklee Collage of Music, de Boston FOTO:

POR LUIS POUSA   | 15.08.2010 
A- A+

Abe Rábade Villar (Santiago, 1977) é licenciado Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance polo Berklee College of Music, unha universidade privada de música situada en Boston (Estados Unidos). Probablemente a primeira escola musical norteamericana que no ano en que foi fundada, 1954, incorporou á súa formación o jazz e o rock. Fillo dos escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, Abe iniciou a súa formación musical cando só tiña 4 anos. Compositor, pianista e docente, o seu primeiro álbum discográfico, Babel de Sons, foi editado en 2001, e recolle a actuación do trío acústico, formado Paco Charlín ó contrabaixo, Ramón Anxo á batería e el ó piano, no Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo, coa que obtivo o segundo premio. Ó ano seguinte, Rábade é galardoado pola Sociedade Xeral de Autores de España co Premio Teté Montoliú ó Pianista Revelación polo seu traballo en Simetrías, presentado no Festival de Jazz Praza da Habana. A partir de aí, Abe foi incorporando novas creacións gravadas ó seu repertorio discográfico, entre outras Ghu Project, Playing on Light, Cantigas Jazz Suite, Nordestinas e Open Doors Live. En setembro sairá á venda un novo traballo seu, Zigurat. Abe Rábade ten unha paixón que se chama "jazz sempre jazz". Dos discos de Abe producidos en Karonte, a metade véndeos no estranxeiro, e a metade desa metade en Xapón, "un país que me atrae moito pola súa cultura", denota el. Pola súa profesión, viaxa moito e apenas lle queda tempo para desfacer as maletas. Tanto trafego axudoulle a comprender a importancia da limpeza e a orde doméstica: "a orde dun espazo físico axuda a ordenar o espazo interior da persoa. Ata pode ser curativo facer esas tarefas, aínda que algunhas delas son unha lata".

¿Séntese mellor como compositor ou como instrumentista?

Son dúas cousas que van ligadas. Segundo Wayne Shorter: improvisar é compor no momento. Compor é improvisar devagar. Estás utilizando uns códigos, uns elementos que previamente aprendiches a combinar. O jazzista necesita ter a habilidade de combinalos espontaneamente dentro de certas restricións, sendo consciente de que nunca volverá ser combinado dese modo. É coma os mandalas dos budistas, unha vez feitos bórrase todo. Como di o saxofonista Santandreu, co que adoito colaborar, trátase de preguntarse "cal é a nota máis bonita que pode ir a continuación desta?". Compor é algo tan simple como iso. Quen di nota, di acorde, di ritmo, o que sexa. A composición e a instrumentación son dous universos cunha franxa común entre eles.

É politicamente incorrecto facer versións do himno galego con guitarras flamencas?

Para nada. Iso doeume moito. Pimentel é amigo e a ideoloxía do BNG é para min amiga. Quizais non deixa de ser unha anécdota, pero é unha anécdota bastante significativa, porque denota certa pechazón mental por parte dos que se puxeron así. É mesturar allos con bugallos definir o flamenco como unha españolada ou folclorada, cando se trata da música dunha raza oprimida, a xitana. O flamenco é un queixume. A reacción deses políticos mostrou unha visión conservadora. Teño unha idea de Galiza bastante diferente: integradora e universalista. Claro que eu, para algunha xente, toco música do imperio. Rosalía de Castro é a melancolía ou hai nela unha paixón latente que ata pode facer derreter as teclas do piano?

Si. Quedo co segundo. Eu agora mesmo estou cun poema do poeta portugués Nuno Júdice para un proxecto que me encargou a cantante portuguesa Joana Machado. Soamente me deu os textos, e fago a música a partir deles. Foi un pouco o proceso de Rosalía 21, pero indo un pouco máis aló. Ese poema ándame rondando na cabeza estes días, e con Rosalía pasoume exactamente o mesmo. O meu texto favorito é "cada noite eu chorando pensaba". Iso é filosofía. A boa poesía é filosofía.

Vostede le moita poesía?

Si. Tamén son fillo de quen son, e irmán de quen son. A min interésame moitísimo a idea de que a comunicación, sexa a que sexa, quede impregnada polo filtro da persoa que comunica. O libro que estou lendo sobre A utopía da comunicación, detense en Norbert Wiener, o matemático que inventou a cibernética. A teoría de Wiener é que só hai inputs e outputs; non importa o que pasa dentro. Eu non podo estar de acordo con iso.

O ano 1959 é para vostede unha data fetiche?

É algo máxico que confluísen tal cantidade de discos fantásticos. Entre eles, hai dous que todo grande afeccionado ó jazz coñece: o Kind of Blue, probablemente o mellor disco da historia do jazz, de Miles Davis, xunto co Giant Steps de John Coltrane. Grazas a Mario Barreiro descubrín a cantidade de gravacións que se fixeron nese ano. A banda sonora da película de Otto Preminger, que fixo Duke Ellington, Anatomía dun asasinato, é de 1959. Tamén o son: o Portrait in Jazz, de Bill Evans; o Mingus Ah Um, de Charles Mingus; o primeiro disco de free jazz que fixo Ornette Coleman, The Shape of Jazz to Come.

Por que está vostede tan firmemente convencido de que se Johann Sebastián Bach vivise hoxe sería músico de jazz?

Porque o jazz máis que ser un estilo é un concepto artístico. É pura recreación, reinvención, e hai que darlle a importancia que ten a espontaneidade, ó ser capaz de reaccionar a un estímulo, refírome a tocar en grupo. Hai que deixar unha marxe ampla para que as cousas sexan nun momento. Entre as marabillas que deixou escritas Bach están as Variacións Goldberg, as Suites inglesas, as Suites francesas. Bach fascíname, posiblemente sexa o meu compositor favorito. Bach improvisaba, nunha época histórica e nun estilo diferentes ós actuais. Xogaba. Era un fanático da autorreferencia; un amante do movemento e das transicións. Iso conforma unha idea aberta de concibir a expresión artística na que todo pode influír.

Chegará o día en que o jazz galego construirá os seus templos e quedará na cima da montaña libre deles mesmos?

Faría unha lectura moi positiva do momento no que estamos. Hai cousas que se puideron facer mellor a como se oficializaron os estudos de jazz no país. Foi de forma non acordada. Eu dou clase na Escola Superior de Música, Arte e Espectáculos do Porto, e hai moita xente de Galicia que vai estudar alí. Hoxe cada vez hai máis músicos con ganas de facer cousas; hai quince anos eramos moi pouca xente. Nese sentido, iniciativas como a do Dado Dadá en Santigao, actúan como catalizador de talentos. E o labor do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, que levamos de­sempeñado desde hai xa dez anos Luis Carballo, que é o coordinador, Paco Charlín e eu, pon o seu gran de area en intentar que xente nova, con ganas, se poida formar.

Duke Ellington dicía que a disonancia "é o noso modo de vida en EEUU". É necesario trasladar esa filosofía aquí?

O debate está aí. De feito hai xente que se pregunta se existe o jazz europeo ou se facer jazz implica coñecer a tradición americana. A min paréceme un debate bastante estéril, porque no fondo é música-música. Todo está interrelacionado. A música de jazz naceu sintetizando tradicións: é a unión da música clásica europea no aspecto harmónico e orquestral, coa tradición vogal e rítmica africana, nun terceiro continente. Con iso queda contestado todo. Que significou para vostede "Open Doors Live"?

Un abrazo á cidade. O disco ten que ver moito con Santiago, e o directo tiña que ser en Santiago. Significa a boa onda e a boa sintonía con sete persoas, inclúo o pintor que pintou en directo, que á parte de ser uns profesionais fantásticos son moi bos amigos mios.

Que prefire o directo ou a gravación nos estudos?

As dúas cousas. É o mesmo que o de compor e o de tocar. A gravación poida que sexa un pouco máis aséptica que o directo, pero a súa gran virtude é que podes plasmar o que queres fiando moito máis fino. O directo ten a explosión, a espontaneidade e a comunicación co público: iso xera unha bóla de enerxía. Pasoume poucas veces, pero en catro ou en cinco concertos sentín a enerxía directa da xente aplaudindo, e é das cousas máis extraordinarias que me sucederon na vida. En gran medida, eu son músico por esa razón.

Que sensacións lle quedan do seu recente encontro con Bill Goodwin en Nova York?

Impresionante. El quere que siga tocando con el. Estamos pensando nunha pequena xira por California co seu cuarteto, no que son todos americanos menos eu. Será en febreiro ou marzo de 2011. A experiencia que supuxo para min tocar con Bill Goodwin tanto o ano pasado no Festival dos Abrazos, como neste encontro en Estados Unidos, é a de estar cun mestre. Un señor de 70 anos que tocou con Bill Evans, Dexter Gordon, Arte Pepper, Jim Hall, cos grandes do jazz. A concisión coa que fala é alucinante, e fala falando e fala tocando. Teño moitas ganas de repetir.

O jazz soa de forma diferente en Nova York?

É verdade. Para un músico de jazz ir a Nova York é como pór o teléfono móbil a cargar a batería. Esa cidade conférelle un carácter específico á música, e nótase. Iso mesmo pasoume escoitando música brasileira en San Salvador de Baía: alí entendín e sentín o que era aquilo. E ocorre o mesmo escoitando unha alborada nunha carballeira. Os sitios e as linguas xeran un acento específico, un xeito de entender o mundo.

Babel de Sons, Simetrías, Open Doors Live, Ghu Project, Playing on Light, Cantigas de Jazz, Nordestinas, Zigurat. Queda con todo?

Claro. Se houbese que elixir, quedaría con Zigurat e con Babel de Sons, que espero poder reeditalo. Foi un directo no festival de jazz de Getxo, onde conseguimos o segundo premio, con Paco Charlín ó contrabaixo e Ramón Ángel á batería. Babel de Sons foi o comezo. Son moitas razóns, entre elas que a portada do disco é dun fotógrafo amigo que morreu hai cinco anos.

O disco de "Zigurat" cando sae á venda?

Xa está fabricado e os lotes preparados no almacén de Karonte en Madrid. Comezará a distribuírse en setembro. Este disco é un anaco de min moi anaco de min. Síntome moi identificado con el, cousa que con outros me ocorre menos.

En "Zigurat" está todo Abe?

Si, de arriba abaixo. No disco anterior non sentín o grao de identificación que sentín con este ó gravalo. O outro día tocamos no Burgo, preto da Coruña, os temas de Zigurat, e teño a sensación de que este trío durará moitos anos. Porque entre os tres hai química e ganas de exploración musical. Teño a grandísima sorte de que tanto Bruno Pedroso como Pablo Martín se senten moi ben, con voz propia no grupo. Eses temas, digamos, son unha plataforma para a expresión de tres persoas. Aínda que soe un pouco a clixé, cando sentes que iso é certo, é unha das sensacións máis bonitas que se pode ter sobre un escenario. A batería sorpréndeche porque leva a cousa a un lugar co que ti non contabas, e ese lugar é marabilloso e imos con el. Utilizaremos todos os recursos musicais que teñamos para darlle lustre ao que fagamos. É o primeiro disco do novo trío, e teño esas sensacións.

En que outros proxectos está xa traballando?

Eu preparo os discos a dous anos vista. Teño practicamente composto o próximo disco, que irá ó meu nome como o de Zigurat. E no outono editamos un disco de Joana Machado. Son textos de poetas portugueses do século XX. Foi un proxecto moi bonito de facer, aínda que moi custoso. O seu proceso de composición e o traballo cos textos foi moi nómade: un foi feito en Sevilla, outro no Porto, outro en Madrid, outro en Barcelona... Esa forma de traballar está dalgún xeito no disco. Foi gratificante porque xoga con varios elementos: son poemas fantásticos; é cuarteto de jazz máis voz e un grupo de cámara que lle dá un timbre orquestral con evocacións medioclásicas. O disco chamarase Travesía dos Poetas, e será editado por Karonte. Por outra banda, Sergio Lago e eu temos un selo discográfico, Azos, no que editamos o festival dos Abrazos con Bill Goodwin, en 2009, e un disco estudo do guitarrista Álvaro Vieito. O ano que vén editaremos dous títulos máis que aínda non sabemos.

"GÚSTAME JIMI HENDRIX"

¿En que lecturas anda?

Estou lendo o ensaio A utopía da comunicación de Philippe Breton. Ben, unha das miñas paixóns son as librarías e as tendas de discos, que cada vez hai menos. Tamén estou lendo outro ensaio, titulado Persoa, dun autor portugués, e un libro medio místico sobre os Chakras.

¿Vai con frecuencia ao cine?

A semana pasada vin en Madrid A lei do asfalto, de Co­ppola. Había dous anos que non entraba nunha sala, e foi ilusionante porque recuperei aquela sensación que tiña de cativo ao estar diante dunha gran pantalla.

¿E ao teatro?

Debería ir máis. Agora, como a miña moza é actriz profesional, irei moito máis do que habitualmente estaba indo.

¿Que tipo de música lle gusta escoitar?

Obviamente, jazz. Pero escoito de todo: Jimi Hendrix, Ravel, Bach ou cousas máis comerciais, como o Hip-Hop. Gústame a música cun gancho rítmico interesante.

¿Cales son as súas preferencias en artes plásticas?

Kandisky, Picasso, Rothko, Franz Marc.

¿A arquitectura é arte?

Depende de que arquitecto.

¿Onde lle gustaría viaxar?

A Xapón e A India.

¿Vostede cociña?

Si, fago o que podo.

¿Que opina do móbil?

É un aparato invasivo e útil.

¿E do PC portátil?

Lévome ben con el.

 

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS