Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
Inaugurou Abe Rábade cunha actuación maxistral a 10ª edición do Burgojazz, o Festival de Jazz de Culleredo que organiza a Concellaría de Cultura da vila coruñesa. Eu veño seguindo a traxectoria de Abe Rábade como pianista e compositor dende o seu primeiro álbum musical, Babel de Sons (2001), e resulta particularmente feliz observarmos a intensa maduración do noso artista, o oficio crecente e a liña persoal ascendente que foron situando o seu traballo artístico nun lugar ben recoñecíbel no jazz dos nosos días. No Burgojazz cullerdense, un espazo moi entrañábel e xa consolidado no panorama musical galego, Abe Rábade presentou o seu último disco editado, Zigurat, case recén chegado o artista de Nova York, onde durante varios días brillou no Lincoln Jazz Center e no Smalls Jazz Club. E esta última obra do noso pianista, acompañado por dous excelentes músicos, o contrabaixista vasco Pablo Martín e o lisboeta Bruno Pedroso á batería, marca, na miña opinión, un momento de máxima intensidade (creatividade e densidade expresiva) na obra dun compositor e intérprete que fai plenamente real aquilo que Henri Matisse -autor, lembremos, dun "libro de artista" titulado Jazz: "O jazz é ritmo e significado"- quería para unha música que é tamén "improvisación intelixente" (Heitor Villalobos) e sobre todo unha forma de pensar asociada a unha expresión sentimental, algo que eu teño aprendido do tamén pianista Bill Evans, todo un mestre, e en certa maneira teórico, da arte da interpretación. Abe Rábade cumpre con todo isto e engade ademais un elemento que resulta fundamental á hora de comunicar a música: unha fibra moi particular de tensión emotiva e, como tamén facía o mestre de Plainfield, un ben establecido "estado lírico" como xeito de proxectar unha nova identidade musical. Zigurat, a última obra de Rábade, presentada como primicia no Burgojazz de Culleredo, culmina, até o momento, a traxectoria do pianista. Excelente calidade de son (o CD) e o agasallo dunha atmosfera que nos ilumina por dentro.
