Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Portada » Hemeroteca web

COMPOSTELA

Adeus a Rock en Costa

04.06.2011  Logo de dez anos despídese o mítico festival, polo cal pasaron decenas de grupos que aproximaron as músicas galega e lusa

5.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN . SANTIAGO

Os Samesugas, nunha das imaxes promocionais difundidas deste décimo e último festival Rock en Costa FOTO: AXENCIAS
Os Samesugas, nunha das imaxes promocionais difundidas deste décimo e último festival Rock en Costa
FOTO: AXENCIAS

Despois de dez edicións, o festival Rock en Costa de Santiago despídese neste ano 2011 cun cartel cen por cento compostelán. Todo está xa preparado para o concerto, no cal as bandas Samesugas, Royalties, L"Uomo di Gomma, The Homens e Redullos (que se reúnen tras cinco anos e só para esta data), todas elas vinculadas ó festival e á organizadora Asociación Xurásica, serán as encargadas de poñer música á baixada de telón desta cita que traía cada ano o mellor rock de Galicia e Portugal. Este ano, ademais, o Rock en Costa integrábase dentro do programa de Festas Populares Compostela 2011, un circuíto popular organizado por diversos colectivos de Santiago, alternativo ás festas institucionais.

O festival Rock en Costa naceu a principios de século como extensión da actividade da Casa Xurásica, local de ensaio polo cal pasaron boa parte dos grupos de rock composteláns dos últimos tempos, de Fame Neghra ós Fulsomes ou os Redullos, pasando por Samesugas, Por Teléfono, Street Fighter ou Pollegros. Nas súas dez edicións, o festival quixo destacar polo compromiso cos barrios como motores culturais da vila e por aproximar as músicas galega e lusa.

Pero para esta derradeira edición serán os grupos máis directamente vencellados á Asociación Xurásica os que lle dean a despedida á cita. Os Samesugas, cun novo disco a punto de ser editado, porán de novo sobre as táboas un dos directos máis contundentes do país; o seu punk rock suoroso suma agora máis melodía sen perder intensidade nin vatios.

Tamén apostan pola vertente máis intensa do rock os Royalties, a banda "máis escandinava de Compostela", que leva uns meses presentando o seu terceiro disco, Sen volta atrás, agora con formación reforzada por un guitarrista máis e por ventos.

En canto a L"Uomo di Gomma é a última banda en chegar ao universo da Xurásica, aínda que os seus compoñentes son veteranos da escena, con experiencia en grupos como The Homens, Fulsomes ou Samesugas. Practican un punk experimental e atronador, plasmado polo momento no EP Tea party. Na despedida do Rock en Costa estará tamén The Homens, unha das bandas máis activas do país: desde a súa aparición no 2004, os composteláns levan cerca de 200 concertos, os 50 últimos nun formato acústico-ruidista no cal reinterpretan os seus temas de pop extremo en clave psicodélica e melódica.

Finalmente, para a ocasión reuniranse de novo os integrantes de Redullos, o clásico grupo compostelán disolto hai xa un lustro: históricos dos noventa, os seus compoñentes orixinais subirán ó palco para interpretar temas que forman parte da memoria colectiva do rock santiagués..

A CERNA

A gran cita do Rock en Costa é o sábado 11 de xuño a partir das 21.00 horas no patio do antigo Colexio Ramón Cabanillas, na rúa do Castiñeiriño 21, en Santiago de Compostela. A entrada é gratuíta, e os interesados poden atopar máis información nos sitios web myspace.com/rockencostafestival; facebook.com/xurasica, e http://festaspopularescompostela.blogspot.com.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS