Venres 03.09.2010
| Actualizado 10.39
Hemeroteca web
|
RSS

Pura Salceda coordina esta antoloxía que recolle a poesía erótica de autores cataláns, galegos e casteláns
"Foder/e xa non ser/máis/cá sombra dunha dimensión fodendo a catro patas/no borde do universo/ti e máis eu/Fodendo de xeonllos/na noite estrelada da mente de Platón/ pensando/quizais/na idea da beleza". Olga Novo forma parte da nómina de 24 autores galegos que achega os seus versos -no seu caso, inéditos- á antoloxía de poesía erótica en catalán, galego e castelán Érato bajo la piel del deseo, editada por Sial e coordinada pola profesora galega da Universidade de Cataluña, Pura Salceda, que hoxe se presenta na Feira do Libro de Madrid.
Trátase, segundo Salceda, dun "paseo lúdico" pola poesía erótica contemporánea, no que queda clara a "vitalidade" e a "excelente saúde" deste xénero en catalán, galego e castelán. "Pareceume interesante e divertido xuntar noventa autores, para conectar as linguas e dar a coñecer as literaturas periféricas. Eu que vivo en Cataluña non podo entender por que ninguén coñece quen é Méndez Ferrín e o mesmo pasa en Galicia cando lle preguntas á xente polos autores cataláns", explica Salceda que publicou en galego A ollada de Astarté (Espiral Maior, 2007).
Os autores seleccionaron os textos e as súas fotos
A selección dos textos e das fotos na antoloxía correu a cargo dos propios poetas e pódense ler nas linguas orixinais, un feito inusual para unha antoloxía feita por unha editorial madrileña. No caso galego, ademais de Olga Novo, achegan versos inéditos Estevo Creus, Lupe Gómez, Emma Pedreira, Xerardo Quintiá, Elvira Riveiro, Miriam Reyes, Lucía Novas ou Branca Vilela. Conviven autores de varias xeracións, como Xoán Abeleira, Yolanda Castaño, Estíbaliz...Espinosa, Miguel Anxo Fernán Vello, Modesto Fraga, Xosé Lois García, Antón Lopo, Xosé Luis Méndez Ferrín, Alfonso Pexegueiro, Luz Pozo Garza, María Xosé Queizán, Cesáreo Sánchez, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro ou a propia Pura Salceda.
Como tamén acontece en Galicia, a poesía "segue sendo un xénero para minorías, a xente non está acostumada a ler poesía e sae correndo nada máis vela... sen decatarse que a poesía contemporánea está máis próxima á xente ca nunca", apunta. E iso é posible grazas, en parte, á eclosión de voces femininas que cultivan todos o rexistros do erotismo en verso, dende o sensualismo máis sutil até o sexo explícito. "A poesía escrita por mulleres concentrábase antes en certos temas "bonitiños" pero hoxe en día é ó revés, a muller florece na poesía, sobre todo, na erótica, e, por contraste, fan unha poesía máis explícita que os homes", comenta.
A exaltación do carnal ( en poemas como os de Xosé Lois García: "A vaxina engole/os trópicos/ en súa espesura,/mentres o cu/reproduce ardor/e o pubes/delimita suores") convive coa reivindicación da homosexualidade na súa vertente feminina nos versos de O despertar das amantes de María Xosé Queizán. Erotismo que, por veces, animaliza como nos poemas de Xoán Abeleira ("Fodíchesme como/ Só sabe foder/Unha animal/Tola"), e por veces, se exalta con prácticas sexuais minoritarias, como o masoquismo nos versos de Estevo Creus ("Hoxe amarreiche os brazos ás pernas e chantei un acivro na túa boca./Despois tracei tres círculos ó redor do teu corpo, e collín unha polea").
Ademais do verso libre ou a prosa poética, que predominan, utilízanse outras formas minoritarias como a lírica lírica galaico-portuguesa medieval, presente nas voces de Luz Pozo Garza ou Helena Villar Janeiro ("Agardábante os ollos/para te espir de espidos,/para abrirche portadas por onde entrares/ a percorrer camiños encarnados,/ ceibe e apaixonado/como un poldro".)
De Margarit a Aute
Completan a antoloxía outros tantos poetas cataláns como Joan Margarit, Dolors Miquel, Miquel de Palol, Francesc Pacerisas, Iván Tubau, Jordi Valls, Carles M. Sanuy ou Josep Anton Soldevila.
E autores en castelán como o cantautor Luis Eduardo Aute, Neus Aguado, Felipe Aranguren, Luis Alberto de Cuenca, Montserrat Doucet, Alejandro Duque, Gonzalo Escarpa, Frankan, Rodolfo Häsler ou Felipe Merino.