Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Portada » Hemeroteca web

NOVIDADE

Déixate levar pola presenza de ‘Compostela’

13.02.2011  David Pintor concibe a cidade do Apóstolo coma ninguén. Coa súa peculiar visión e acompañado pola súa inseparable bicicleta vermella dá fe da maxestosidade do patrimonio de Santiago. Unha magnífica proposta editada por Kalandraka e polo Consorcio que envolve e engaiola ao mostrar rúas, prazas e espazos singulares que sorprenden pola súa maxia

5.0/5 [2 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

ROMINA BAL

 FOTO: Kalandraka Editora
FOTO: Kalandraka Editora

Hai libros que sorprenden polos seus textos, pola historia que contan, por como están estruturados, etc., hai outros que non precisan das palabras, só deben ir acompañados dunhas concisas instrucións. É o caso que nos ocupa, o impresionante volume Compostela, de David Pintor que comparte con nós un caderno de viaxe, un libro de artista, unha visión persoal dunha das cidades históricas máis fermosas, acolledoras e entrañables, xa non só de Galicia ou de España, senón acaso do mundo enteiro.

Coas súas peculiaridades, cos seus contrastes, coas súas sorpresas, debulla a cidade do Apóstolo devagar, explora cada pedra que a conforma.
Unha bici vermella como medio de locomoción, unha libreta e un rotulador como medio de expresión, e un bo café como incentivo para cada paseo son os fíos condutores deste libro de artista, xunto co vento dun día inclemente e das follas ciscadas polo chan.

A través das súas páxinas, con máis de 30 ilustracións, percorremos a xeografía da cidade: dende os edificios máis antigos ata os máis modernos; prazas, rúas e espazos naturais; recunchos singulares e de visita obrigada como a Catedral, unha praza da Quintana ateigada de auga ou o CGAC... nos que abundan os elementos imaxinarios.

Toda unha guía de como atopar os lugares máis acolledores desta urbe que impresiona, de onde poder degustar o sabor dun bo café acompañados da música indicada, e de como soñar enchidos de melancolía e recubertos de pedra.

O volume, ao que non lle faltan detalles, presentouse o martes pasado no Centro Social Novacaixagalicia de Santiago de Compostela nun acto presidido polo alcalde, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, e contou coa presenza de Xosé Manuel Villanueva, xerente do Consorcio e coeditor da obra; Xosé Ballesteros, editor de Kalandraka; Juan Conde, responsable de Publicacións do Consorcio, e o propio David Pintor.

Os espazos que podemos saborear son a praza do Obradoiro, a cafetaría do Hostal dos Reis Católicos, o Arco de Xelmírez, a Catedral de Santiago, a Capela da Orde Terceira de San Francisco, a Facultade de Xornalismo da USC, a Avenida Xoán XXIII, o xardín do Hotel Costa Vella, a rúa das Campás de San Xoán, a rúa Xerusalen, a praza da Quintana, a Cafetaría Literarios, a praza dos Irmáns Gómez, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o parque de San Domingos deBonaval, a praza de Fonte Seca, a praza da Universidade, a praza de Mazarelos, o arco de Mazarelos, a cafetaría Derby, a rúa Nova, a rúa do Vilar, a ruela Entrerrúas, a travesía do Franco, a Porta Faxeira e a Alameda.

Unha completa viaxe que nos fai sentir o paso do tempo que se para, as nubes gordechas de algodón de azucre, a chuvia e o seu tic tac sobre o granito ou o sol aloumiñando os pasos no inverno cru. E así, os trazos e as cores deste caderno son unha invitación a ver a cidade con outros ollos; ou a coñecer Compostela, a lembrala e, por suposto, a volver.

Un libro que segue a estela doutra creación de David Pintor Contos para nenos que dormen deseguida, cunha impronta inigualable realizada con precisión e agarimo.

Xa o sabedes, estades convidados a perder o tempo, a deter o reloxo infernal que nos move dun lado ao outro coma pelotas de pimpón, a ficar inmóbiles, nugallás, namorados da arte, á espreita, deixándose ir, paseniño, coma un terrón de azucre que se mergulla pouco a pouco no fondo dunha taza de café, acompañados da presenza maxestosa dunha Compostela diferente pero fermosa.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS