Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Portada do cómic que xa está á venda, cunha edición de luxo e unha tirada limitada de 300 exemplares FOTO: AXENCIAS |
Macrópole, berce dos supeheroes mundiais, amence sumida no caos. O impacto dun elemento descoñecido contra un dos rañaceos máis coñecidos da zona acende todas as alarmas. Trátase do ataque dunha nova ameaza exterior ou a volta do máis grande heroe coñecido por este planeta? O Regreso do Caralludo Sr Mundo é a orixinal incursión no mundo da BD galega de Nathan Carter e Juan Junquera, que, xunto cos debuxos de Alfonso Martínez, desmitifican a figura do heroe salvador. "Creamos superheroes para resolver problemas porque non podemos afrontalos", explica un dos autores, Nathan Carter.
Un cómic cunha edición de luxo, unha tirada limitada de 300 exemplares e a un prezo de vinte euros que é, ademais, o título co que debuta Volta Editores. A historieta, que recibiu unha das axudas á creación de banda deseñada convocadas pola Xunta, naceu, porén, coma unha obra de teatro en 2003. "Sr Mundo é unha asociación cultural que leva cinco anos funcionando, coa que creamos obras audiovisuais. A idea do cómic naceu no colectivo, despois de non atopar ningún apoio institucional para levar adiante a obra de teatro. E xa temos plans para facer un guión cinematográfico", comenta o actor e autor británico establecido en Galicia, Nathan Carter.
"A filosofía de Sr. Mundo é a de nunca renderse, nin por cuestións económicas nin de ningún tipo. Se hai que dar clases de inglés durante dous anos para sacar adiante o proxecto, vale a pena", explica. De feito, a axuda que recibiron da Xunta reinvestírona nunha edición moi coidada, case de coleccionista, para esta BD que, logo de pórse en circulación o sábado pasado, xa vendeu150 exemplares.
A portada -un pulso entre Xesucristo e Superman- anticipa o contido da historieta: a versión galega de superheroes como Spiderman (Aracnos), Hulk (Mole) ou Batman (Sr Escuro). "O Sr. Mundo marchou a buscar o significado da vida, Batman está na ruína logo de gastar moitos cartos intentando salvar o mundo e está a piques de xubilarse, Spiderman é o eterno romántico que non acaba de comprender que os actos teñen consecuencias e Hulk, que en canto empeza a controlar a súa ira, convértese nunha persoa normal", explica Nathan Carter.
Sátira do mundo bíblico e da sociedade do espectáculo
Dende as primeiras páxinas, os autores tratan con irreverencia o mundo bíblico, a banda deseñada americana e feitos que marcaron o destino da humanidade como o ataque ás torres xemelgas o 11-S.
Esta crítica á sociedade do espectáculo, mestura visualmente os universos ficticios da BD co mundo tradicional galego: vemos así o skyline de Nova York e, unhas cantas viñetas máis adiante, a viguesa ponte de Rande. Así, a grande urbe convive co mundo rural galego, do mesmo xeito que os grandilocuentes parlamentos dos heroes salvadores do mundo se xustapoñen os diálogos máis retranqueiros. O Regreso do Caralludo Sr Mundo pódese mercar en Ferrol na Librería Cantón 4 e en Compostela, en Komic Librería, A Reixa Tenda, Librería Encontros e Ártico.
"Somos unha factoría de autores"
Pablo Portero é, xunto a Fernando F. Rego, o impulsor de Volta Editores, un proxecto editorial que bota a andar na rede (www.VoltaeVolta.com) para sacar á luz "produtos culturais de calidade, respectando o autor, que sexan rendibles para todos e que ademais se movan nunha esfera de inquietude, creatividade e paixón, relacionada co cine, a literatura, a música, o audiovisual, a fotografía...". Para iso, quixeron crear unha especie de "factoría de autores", co fin de que os seus traballos "tivesen remuneración".
Na súa opinión, "Galicia necesita de materiais por escrito, que sexan asequibles". Entre as obras que editarán nos próximos meses atópanse Composteland e Story, do propio Portero e Blues from a Gun: Secuencias Interiores de Fernández Rego. "Levamos unha semana na rede e temos xa proxectos de abondo para continuar editando", asegura Portela, que distribúe as obras na súa web e en tendas especializadas.
