Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Portada » Hemeroteca web

director d’A Peneira’

Guillermo Rodríguez: "Pronto deixará de existir prensa en galego"

08.03.2011  O quincenal de Ponteareas bota o peche despois de 25 anos: "O de Galiza esperta do teu sono segue a ser só unha frase do himno, aquí non esperta ninguén", protesta o seu director. Opina que os galegos teñen moita responsabilidade na caída das cabeceiras na nosa lingua. Ademais, agoira: "De afianzarse o goberno conservador, dentro de vinte anos o galego será un floreiro"

4.9/5 [34 Voto/s]

1
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MARGA TOJO . SANTIAGO .

O director da desaparecida recentemente ‘A Peneira’, Guillermo Rodríguez FOTO: pereira
O director da desaparecida recentemente ‘A Peneira’, Guillermo Rodríguez
FOTO: pereira

Como nun día da marmota en celuloide, a web do xornal A Peneira estancouse precisamente no 6 de novembro do 2010. Na portada Feijóo comenta a visita do Papa: "Día histórico" supón "un revulsivo" para Galicia, que foi "o centro do mundo" unhas horas, reza o titular. Uns minutos despois, o quincenal de Ponteareas comezaba o seu peche definitivo, que se fixo oficial esta semana.

Unha outra cabeceira en lingua galega que se borra do mapa, e xa van tres en cinco meses. A veterana A Peneira bota o peche definitivo tras unha ardua temporada de problemas, débedas, impagamentos e imposibilidades de manter o seu cadro. "O motivo é tan sinxelo como que os ingresos eran inferiores aos gastos", relata o seu director Guillermo Rodríguez quen asegura ter posto moitas veces cartos do seu peto para sacar adiante a publicación. "As publicidades e mais eu fomos o sustento", di, "e xa sabe que os xornalistas non temos moitos cartos".

Non sempre é así, pero a situación de carestía deixou primeiro o cadáver de Vieiros, con quince anos de traxectoria; despois viría A Nosa Terra, centenario ao que que non freara nin o fusilamento do seu director, Víctor Casas, no 36, e cuxo ex persoal foi o grande prexudicadaodun proceso tortuoso. Agora, tras vinte e cinco anos saíndo á rúa, a caída d"A Peneira subliña as consecuencias do gran recorte das axudas a Asociación de Medios en Galego realizado polo actual goberno da Xunta -deixara 60.000 euros para repartir entre GALICIA HOXE, Tempos Novos, De luns a venres, A Nosa Terra, A Peneira, e Vieiros-, desigual en comparación con outros. Porén, á privación económica súmaselle a falta de implicación cidadá, alimento básico de supervivencia. Desta opinión é Gillermo Rodríguez: "Non podemos dicir que a culpa sexa só da Xunta de Galicia porque moita téñena os galegos. Hai moitos que se din galeguistas, que se senten galegos, pero non fan nada por manter a prensa na nosa lingua, nin se subscriben, nin a mercan. Hai incluso moitos que se din nacionalistas, e logo compran todos os xornais en castelán. O goberno galego non ten obviamente a sensibilidade suficiente nin aposta polo galego, pero a culpa é colectiva. O de esperta do teu sono segue a ser só unha frase do himno, aquí non esperta ninguén".

Na peor crise da centenaria historia dos medios en galego, o director d"A Peneira agoira un final apocalíptico. "Os xornais en galego acabarán desaparecendo, quedaremos sen prensa na nosa lingua, a empresa editorial de GALICIA HOXE (o único diario) acabará vendo que non merece a pena", asegura. Pero, e a data? "Pronto", calcula. Que alguén nos colla confesados. "Ou mellor non".

Curiosamente, o interese pola prensa en galego era maior hai dúas décadas: "Talvez había aquela idea de resucitar algo. Eran os primeiros anos de autonomía e había interese. na política, Albor apostaba polo galego, había implicación. Estaba a xermolar algo que despois viuse que era unha planta de pouco percorrido que ninguén seguiu estercando. Hoxe ninguén está disposto nin a lembrarse dela. Nos últimos tempos, nin o Bipartito fixo por consolidar certos medios en galego e creo que foi un erro. Agora o novo goberno, co pretexto de que hai que gastar cartos en cousas positivas, elimina o apoio ao galego". Como acabará isto? "Pois se o goberno de dereitas se consolida en Galicia, o galego nun prazo de vinte anos quedará de floreiro".

Referente da prensa comarcal

Nacida en marzo de 1984, cando a estatua de Franco aínda lucía na Praza Maior da capital do Condado e só se podía publicar en castelán, A Peneira converteuse en referente da prensa comarcal con Guillermo Rodríguez de director. "Tiñamos moito entusiasmo e romanticismo -describe- e co"A Peneira queriamos poder publicar todo aquilo que nos apetecía e facelo en galego, porque a min sendo correspondente traducíanme sempre os artigos, censurábante...". Así, o antigo redactor comarcal do Faro de Vigo e La Voz de Galicia, levou a publicación ás principais cidades galegas e fíxose un oco co suplemento humorístico O Farelo, único deste tipo en Galiza. Hoxe Rodríguez reciclouse como redactor e comercial. Cóntao entre gargalladas. "Estou nun xornal que edita un amigo meu, dedicado ao deporte e á cultura, Hermes e Atenea -os deuses correspondentes- e tamén lle busco as publicidades. Co que saco, pago as débedas que me deixou A Peneira, así de sinxelo".

Guillermo Rodríguez despídese sorrinte: "Saúde aos compañeiros do GALICIA HOXE, antes aínda nos mirabamos e tomabamos unha botella de viño, agora, tal como están os tempos, nin iso". "Haberá que retomar os vellos costumes".

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS