Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Janite Lafuente FOTO: JANITE |
A mellor fotografía da historia do rock é para moitos a que mostra a Paul Simonon do grupo punk británico The Clash batendo o seu baixo contra o escenario, no Palladium de Nova York o 21 de setembro de 1979. Despois sería usada como portada do mítico álbum London Calling. Os vigueses Sinistro Total inspiráronse nela para a cuberta dun dos seus discos (con Doble cara B: Sexo chungo, Me pica un huevo) no que Simonon era substituído por Julián Hernández e o seu baixo por unha gaita.
Hai un tópico especialmente ligado á fotografía. O da verdade furtiva. Se cadra a verdade alcance o prezo dunha perla que loce máis durante o día, pero non alcanzará o prezo dun diamante que brilla máis baixo luces variadas. O mesturarlle unha mentira ten que agregarlle encanto. Era Bacon quen o dicía.
Pero foi Jean-Luc Godard, mestre do cine convertido en marxinal francotirador do audiovisual, nos seus Histoire(s) du cinéma, quen mellor definiu a situación. Sería algo así: "Non hai nada mellor para explicar unha imaxe que outra imaxe".
Chegou ‘The Shooter’, o francotirador da imaxe
O seu nome é Janite Lafuente López (Santiago, 1980), un fotógrafo que desde hai catro anos ten un estudo no Cruzamento dos Choróns, en Vigo. Aparece retratado nun cartaz promocional como no Blow Up the Antonioni axexando a Fernando Pardo, guitarra e voz da madrileña Sex Museum. Janite is the Shooter (o disparador), reza a mensaxe. Así resulta para moitos o implacábel e xa internacionalmente famoso disparo da súa cámara nos directos da escena musical.
![]() |
| FOTO: JANITE |
A fotografía devela no filme que emula Janite unha verdade (no seu estado máis absoluto: un morto). O personaxe principal, atribulado, regresa ao lugar onde sucedeu. Comproba que o corpo está alí: ve a morte tendida nese corpo. Pero cando regresa, o cadáver desaparecera. E só permanece na imaxe. Antonioni exhibe, entón, a imposibilidade práctica dunha verdade: o personaxe resigna a súa á materia da que está construída na instantánea. É ilusoria para o canon, talvez, pero nunca menos verosímil que a súa íntima realidade.
Algo semellante acontece coa experiencia da extrema contorsión do corpo fibroso de Iggy Pop montado sobre o amplificador. Fregando a súa entreperna con habilidade réptil, durante un concerto en Benicassim é para quen o mirou unha figura estrana e indelébel. (Sobre todo se coñeceu á Iguana nos tempos en que fixo gala dunha fermosa pero temporal flaccidez). Viuno a cronista en directo. E despois
atopou unha fotografía que o contaba todo. E que levaba o selo Janite.
Salto internacional no FIB
O ano pasado, Janite gañou o concurso de fotografía de Heineken, o que lle permitiu asistir como retratista de honra ao Festival Internacional de Benicássim, experiencia que repetirá este ano como fotógrafo contratado. Este verán, xa ten pechada a súa axenda de concertos, que iniciou no FAX de Ourense, para seguir despois polo Cultura Quente de Caldas de Reis, Benicássim e Paredes de Coura.
"Vigo é a cidade de Galiza que no meu campo, do rock e do jazz, máis me ofrece". Alí atopámolo en plena sesión fotográfica cunha bailarina. "Teño ganas de entrar tamén no retrato puro e duro de artistas fóra do escenario; descontextualizar o músico e poñelo noutro lugar", confesa. Desde hai algo menos dun mes, unha nova web: www.janite.com, substitúe e amplía a oferta pictórica do seu fotolog. Nela pódese admirar e comprar a súa obra. Sidonie, The Fleshtones, The beastes of bourbon, Los Ultracuerpos... cédenlles aos ollos de Janite a súa mellor postura.
Desde cando fotografa escenas de rock?
![]() |
| FOTO: JANITE |
Desde hai bastante tempo. Comecei nisto pola miña afección musical, sen a cal sería imposíbel facer o que fago. Non tería sentido. Proba diso é que cando vas a un concerto e non che gusta, as fotos saen peor. E nunca se puxo vostede do outro lado da cámara?
Si, si, hai tempo. Eu incluso tocaba algo. Tiña unha banda cos amigos.
Que tocaba?
O baixo. Ensaiabamos na Casa Jurásica que é un local de ensaio compostelán onde se xuntan tamén agora Samesugas e The Homens. Pois todo comezou con esa xente, porque de feito, o batería de The Homens tocaba daquela comigo.
Xocas.
Xocas é amigo meu desde a infancia. Viviamos porta con porta.Veu ao colexio comigo. E con el e con Samesugas e outra xente iamos concerto para aquí e concerto para alí, subiamos a Vigo a ver os Supersuckers, por exemplo, ou iamos á Coruña. E levaba a cámara sempre comigo e facía unhas fotos. Comezou un pouco para divertirme e logo converteuse no meu modo de vida, no que me dá de comer. Xa de sempre fun moi activo. Na escola gustábame facer moitas cousas máis que chapar.
A que bandas galegas lles tenmaior querencia?
De toda a zona de Ferrol había moitos grupos. Cando montaban o Festimal e actuaban os Studebakers. Ou un grupo coruñés que desapareceu e se chamaba The Virus, algúns dos actuais músicos de Meu.
De que foto se sente máis satisfeito? Que personaxe lle emocionou máis fotografar?
![]() |
| FOTO: JANITE |
Pois tivo moita relevancia o premio do ano pasado de Benicassim, dos Bell Rises. Era afrontar un concerto como un concurso. Estabamos cinco tíos na primeira fila pelexándonos por currar con esta xente, porque meterse neste mercado non resulta nada doado. Esa foto gústame moito e, aínda por riba, levou o primeiro premio. Pero se cadra, a miña foto preferida aínda está por facer. Prefiro velo así.
A quen ten moitas ganas de fotografar?
Hai grupos pendentes, como AC/DC. E estar cos grandes apetéceme, claro, aínda que me parece que para unha boa foto non precisas os Rolling Stones, tampouco.
Cal é o seu artista de referencia?
Quizais non ten necesariamente que ver co tipo de fotografía que eu fago. Chema Madoz foi un fotógrafo que me cativou, pero non teño a ninguén idolatrado e máis que fotógrafos lembro fotografías. Por certo, non me vai facer vostede un cuestionario Proust?
Quere iso?
Non é que eu queira. É que me anunciou que mo ía facer.
Pois descoide, deseguida arrincamos.
Présa non lle teño.
Que lle gusta comer?
Churrasco.
Onde pasa o verán?
Nos festivais. Que remedio, currando.
E de pequeno?
En Santiago.
Era como eses santiagueses que faciamos vulto no deserto da Compostela estival mentres pasaban pelotas de po como nunha película de vaqueiros, sentados na terraza do Bartolo.
Si, si, claro. A partir das sete, desde que abría Chimi, alí como un reloxo. Chimi quita esa música.
Que lle gusta beber?
Auga.
E que festa gastronómica galega nos recomenda?
Coido que fico coa Festa do viño do Ulla de Santa Cruz de Ribadulla.
Daquela por que mentiu na pregunta anterior?
Non mentín, xúrollo.
Un recordo importante?
Buff, agora non lle sei.
Pois dígame un recordo calquera.
Unha canción. A canción que se che queda pegada e non a sacas, e te acompaña. Iso é importante, porque se vai facendo a túa banda sonora vital.
Pois como diría AC/DC, Let there be rock.
