Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Portada » Hemeroteca web

concerto

L'uomo di gomma

12.11.2010  O pub La Radio de Santiago acolle hoxe o nacemento dunha nova banda // "Somos tan optimistas que imos gravar o día despois do noso debut", din

5.0/5 [26 Voto/s]

1
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MARGA TOJO . SANTIAGO

Pombo, Josete, leRoi e Ramón, de esquerda a dereita, integran L’uomo di gomma FOTO: le roi
Pombo, Josete, leRoi e Ramón, de esquerda a dereita, integran L’uomo di gomma
FOTO: le roi

Capaz de soportar un bico papal no seu asfalto ao tempo que ve medrar a mellor onda sonora no seu fecundo subsolo, paraíso underground, Santiago de Compostela asistirá hoxe ao nacemento dunha nova banda. Será ás 22.00 horas no pub La Radio ao módico prezo de 4 euros.

Nacidos na emblemática Xurásica, versión cuarta, de Santiago DC, logo dunha colisión estética entre membros de Samesugas, The Lorchas e The Homens, L'uomo di gomma defínense como un grupo de anarcopunkcorelódico experimental. Integrado por Josete, Ramón, Pombo e leRoi a mediados de 2010, e con militancias anteriores en grupos coma Fame Neghra, Stay Pretty ou Fullsomes, LUDG (así se abrevian a si mesmos) aseguran "buscar a verdade a través do volume extremo, a vulgaridade máis lumpen e a observación de espectáculos circenses rurais".

LUDG profesan o DIY máis ortodoxo, isto significa que: non teñen nin buscan discográfica ou oficina de management; non forman nin formarán parte da SGAE e non distribúen a súa música en formato físico salvo requirimento. Isto quere dicir que só editarán copias do seu traballo previo encargo (sempre e únicamente en vinilo) que se realizará só cando se chegue ao número de requirimentos necesarios para cubrir o custo da edición limitada. O diñeiro recadado nos seus concertos empregarase para cubrir os gastos de gravación do seu material e os custos derivados das xiras ("gastos da viaxe, comer, durmir e engomar") e así o especificarán sempre nas entradas dos seus concertos. O material gravado subirase á súa páxina de bandcamp (http://luomodigomma.bandcamp.com/) para a súa descarga gratuíta en forma de arquivos audio de alta calidade (.aif. .wav ou .flac). "Se algunha vez traicionamos estas premisas, que nos parta un raio, ou peor, que Conde Roa se converta no alcalde de Santiago DC", ameazan.

G.H.: Pensando que tanto vostede como os demais militan noutras bandas ás que, din, pensan seguir coidando con esmero, por que se meteron nesta nova aventura sonora?

leRoi: Supoño que era o momento; en L'UDG somos amigos e nos coñecemos dende hai moito, e que eu recorde, sempre estivemos coa teima de reunir nun grupo o mellor de cada casa dentro desta órbita underground compostelá. Ademais, agora temos unha nova residencia xurásica na que ensaiamos, á parte de L'UDG, Samesugas, Royalties, The Homens e Tommy gun, e por primeira vez na nosa vida conseguimos insonorizar os locais con certa eficacia, o que nos permite levar o do volume extremo que che comentaba antes a niveis insospeitados. Aínda que pareza unha chorrada, isto foi determinante, porque é un proxecto moi falado, pero nunca tivemos o espazo físico adecuado para levalo a cabo.

De que falan as súas cancións?

Habería que preguntarlle a Josete, que é o que traballa as letras, pero intúo que a temática é un 33% promiscuidade, 33% instrospección, 33% barbaridade pura e 1% Sarah Pallin.

E quen compón tal miscelánea?

Chamarlle composicións ao que facemos nós é arriscado; a idea é que cada un toca o que lle dá a gana por un período indeterminado de tempo, iso si, intentando comezar e rematar todos á vez. Se mola poñémoslle nome e se non imos tomar unha cervexa. É un método moi libre, pero da anarquía absoluta poden xurdir cousas chulas (e infumables tamén).

Cando gravarán disco?

Pois somos tan optimistas que imos gravar o día despois do noso debut. Será na Coruña da man do noso querido Tomás Ageitos, que á parte de bo tipo, é o mellor enxeñeiro de son que existe na GC (Galicia Coñecida). Rexistraremos seis ou sete temas, todo en directo, sen overdubs e prefereiblemente na primeira toma, que sempre é a boa. Ademais de optimistas, sobrados. Ao día seguinte xa contamos con telo colgado na web.

Teñen máis bolos previstos?

Si, á parte da presentación do grupo, que será o venres 12 na sala Radio en Compostela, estaremos na Sala Capitol o día 26 de novembro nunha festa que monta a xente da Habitación de Felucas xunto ás Metralletas Lecheras, Fluzo e Tetra Freak. Estean atentos.

Samesugas, The Homens, Royalties, Tommy Gun, Novedades Carminha, Galegoz, Los Chavales, Dirty Socks, Fluzo... agora LUDG, é inmenso o plantel de bandas de rock e de punk que alberga Compostela.

Hai un bo feixe de moi boas bandas na cidade, sempre as houbo e sembre as haberá. Compostela, a pesar da súa clase política, os seus funcionarios e os seus curiñas -ou seguramente grazas a eles- segue a ser unha cidade magnífica para o rocanrol.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS