Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| O autor publicara antes poesía na revista ‘Dorna’ FOTO: AXENCIAS |
"A hipocrisía contaxiarase entón ó eido público dende o privado, ás relacións sociais, porque os individuos xa non son capaces de concibir un mundo sen mentiras, falsidades, sen praceres colectivos que satisfagan á masa, ó tempo que impiden a realización do suxeito, do singular, do ego". É unha das reflexións do protagonista de 1980 (ano cero), a primeira novela de Rubén Martínez Alonso, que acaba de editar Toxosoutos. Un monólogo dunha persoa lúcida na súa loucura.
É o teu primeiro libro, aínda que xa publicaras algo de poesía en "Dorna". Non é un pouco arriscada a túa opción polo monólogo?
O protagonista é un demente e iso dá pé a reflexionar sobre moitas cousas. É case todo monólogo, si, menos algo de diálogo que lle dá axilidade, aínda que moitas veces non sabemos con quen fala, moitas veces fala consigo mesmo...
É unha persoa cunha enfermidade mental, con dobre personalidade, pero fai críticas moi acertadas dunha sociedade que ve como alleante e destrutiva...
Desexa a morte, e vai argumentando esa arela nas súas experiencias. E ó mesmo tempo vai asumindo a personalidade dos outros personaxes dos que fala. E cuestiona, critica, a sociedade. O xogo é que se podería darlle a volta á historia, sendo os tolos os demais, pois el pregúntase quen pode sentirse libre no cárcere que é o mundo.
Que é este libro, se tiveras que definilo nunha frase? Cal é o tema fundamental?
A liberdade de escoller como vivir a túa propia vida.
O que conta ocorreu no pasado. E hai varios pasados nun...
Presente, pasado e futuro están mesturados, en realidade. Só hai esa data que el asocia a un feito traumático. O tempo, como o espazo, quedan nun segundo plano.
O que si está claro é que o marcou a súa infancia, o maltratamento...
Ten bos recordos da súa infancia. Pero tamén hai unha crítica ó maltratamento, e ó amor mal entendido que en realidade é dependencia e que leva a consentilo. E, si, a idea de que a infancia é unha etapa que nos marca moito.
Pero o protagonista tamén é crítico consigo mesmo, non si?
Si, porque se decata de que é moi semellante a seu pai. El ten unha personalidade herdada, e non é capaz de ser doutra maneira. Seu pai tamén fora maltratado. É unha violencia que vai pasando de xeración en xeración. E a única saída que el ve é a morte.
Rexeita a sociedade pero tamén se sente moi só...
Séntese só porque non se sente comprendido.
Como se rexeita o diferente
O argumento é un pouco freudiano. Que autores che serviron como referencia? Tamén dá a impresión de que algo te informaches sobre temas como as crises de ansiedade...
É que coñezo algúns casos. É difícil escribir sobre algo que non viviches ou non coñeces. En canto ás referencias, Kafka sobre todo. Como se rexeita e se ataca a quen é diferente. Aínda que o que quero é que cada lector tire as súas conclusións.
Crítica da hipocrisía
Como diches coa historia?
É unha persoa que a sociedade considera un tolo, e iso dáche como autor moito xogo para reflexionar sobre moitas cousas, sobre as cousas que máis che tocan, como o maltratamento, ou a complexidade das relacións co pai, ou o complexo de Edipo... Porque o libro é iso, un retrato psicolóxico, dunha persoa que se rebela contra a hipocrisía... A idea é ir máis alá desas aparencias. El non comprende por exemplo como, ó morrer, esperta choros e compaixón alguén que maltratou a famila.
A procura da beleza
Pero o seu problema é que non se atreve a suicidarse.
Si, porque é covarde. E o que pasa é que pensa que ó morrer é como se volveses empezar, no ano cero. E que se te suicidas vas contra o teu destino, e non volves a ese punto. Entón decide esperar a que lle chegue a morte dun xeito natural , por enfermidade...
Non é unha historia alegre.
Non, se cadra deixa mal corpo. Para min é como unha ponte desde a poesía. Os parágrafos poden lerse de xeito independente. E hai procura da beleza, da estética.
