Hemeroteca web
|
RSS
Martes 21.05.2013
| Actualizado 01.39

O teorema de Pitágoras no cadrado prefecto que debuxa o solado da Quintana, a espiral que traza a tripla escaleira do Museo do Pobo Galego ou os eixos dunha elipse contemplando as árbores e os bancos da Alameda... Mirar Santiago con ollos matemáticos é o que farán os 40 mozos galegos e portugueses de 1º de Bacharelato que escolleron o MatCampus para as súas vacacións de verán.
Trátase dun campamento de matemáticas que, por primeiro ano e de xeito pioneiro en Europa, organizan a USC, a Universidade do Minho e mais o Centro Internacional de Matemática de Portugal, e que logo dunha estadía desde o 18 de xullo na universidade miñota, onte recalou en Santiago para completar a segunda quincena das actividades.
Pero nada máis lonxe que pasar o día papel e lapis na man resolvendo teoremas . "Trátase de facer ver que as matemáticas non son algo pechado na aula, nin unha materia encapsulada en si mesma, senón que impregnan todo o cotián", explica Victoria Otero, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago. Xa que logo, os adolescentes asistirán a charlas, obradoiros, visitas científicas, música, papiroflexia, teatro..., un diverso programa de actividades dirixidas a estimular as actitudes positivas e as habilidades especiais dos participantes cara ás matemáticas.
Estas vindeiras dúas semanas en Santiago os mozos dedicarán as sesións da mañá a conferencias, obradoiros e actividades científico-pedagóxicas na Facultade de Matemáticas e no CIEF da Fundación Caixa Galicia. Onte mesmo empezaron "ó grande", cunha visita ó Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e unha charla co director do Instituto de Medicina Legal da USC, o catedrático Ángel Carracedo, un nome de primeiro nivel mundial co que se achegaron á relación entre matemáticas e xenética. Tamén os espera un obradoiro sobre calendarios da man do reitor da Coruña, José María Barja.
Porque o obxectivo deste campamento é "amosar a relación entra as matemáticas e todas as demais ciencias e amosarlles ónde están as matemáticas na vida cotiá", explica Victoria Otero. Así, o xoves darán un intenso paseo matemático por Santiago no que descubrirán "beleza que se pode xerar cun axeitado emprego de forma xeométricas e adestrarán a súa mirada para captar as relacións matemáticas que ás veces se agochan nos obxectos máis inesperados".
O venres, 30 de xullo, clausurarase o campamento coa representación, aberta ao público xeral, da obra Innúmeros, Números dos actores César Goldi e Vicente de Souza
O MatCampus 2010 diríxese a estudantes de 1º de Bacharelato -entre 16 e 17 anos- de todos os centros de ensino medio de Galicia e Portugal.pertencendo ás localidades da Coruña, Silleda, Redondela, Padrón, Feáns, Vigo, Monforte, Lugo, Santiago, Chantada e O Grove.
O alumnado galego, 11 rapazas e 10 rapaces -17 mozos e 23 mozas en total- seleccionouse polo seu expediente académico e as súas aptitudes para as matemáticas. Pero non se trata de "captar" estudantes para a facultade. "Ó contrario, interésanos que se dediquen a outras áreas para que, como futuros profesionais da medicina, a informática... sexan conscientes da necesidade das matemáticas en todos os ámbitos do desenvolvemento científico e tecnolóxico... e na vida cotiá", matiza Otero.
Esta é a primeira edición do MatCampus "e podemos dicir que é unha iniciativa pioneira. Xa existen en Estados Unidos e Canadá, pero non en Europa", explica Otero.
E nace con vocación de futuro. "É un proxecto que merece a pena e seguiremos loitando por el. A nosa facultade é punteira en investigación e docencia, pero interésanos o momento anterior, achegar os rapaces ás matemáticas dunha forma lúdica e "real", aínda que non se decanten por estudar matemáticas. Pero precisamos, iso si, o apoio económico e creo que os nosos patrocinadores son sensibles", agadece Otero.
A USC, a Universidade do Minho (Braga) e o Centro Internacional de Matemática (Portugal) queren establecer unha colaboración internacional que poida servir de referencia como modelo europeo de campus matemáticos para xuventude noutros países ou rexións, consolidando así a Galicia e Portugal no panorama europeo da educación matemática.
Patrocinadores comprometidos
O apoio económico para este campamento en Santiago está garantido pola Xunta a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Secretaría Xeral de Igualdade, a Fundación Caixa Galicia -que amais cede as súas instalación dos Centro de Investigacións Económicas e Financeiras para algúns actos- o Departamento de Educación do Concello de Santiago e a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia.
