Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 22.05.2013
| Actualizado 14.10

A creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños -o monte situado entre os concellos de Marín e Pontevedra- acábase de poñer en marcha -a través dunha páxina web (www.espazosetecaminhos.tk) e dun grupo en Facebook- ante as ameazas que poñen en risco os xacementos arqueolóxicos desta zona. Unha das primeiras accións dos colectivos que a impulsan foi a presentación de alegacións ao DOT (Directrices de Ordenación do Territorio, o borrador presentado pola Xunta), nas que lle solicitan á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a inclusión desta zona entre os espazos naturais protexidos de Galicia.
Aínda que a idea naceu en 2003, a creación deste espazo acaba de activarse nos últimos meses, impulsado por unha vintena de asociacións socioculturais e veciñais de Pontevedra, Marín e Vilaboa e mais un grupo de sete arqueólogos, co fin de pór en valor o seu patrimonio cultural, rico, sobre todo, en mámoas e petróglifos.
Estes colectivos designaron unha comisión técnica formada pola xornalista Paz Castro, o economista e investigador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, Rafael Quintía, o realizador e arqueólogo Lukas Santiago e o especialista en Multimedia David Suárez, que traballan directamente no proxecto. A creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é urxente, segundo os seus impulsores, logo da destrución da Mámoa de Louredo situada en terreos da Brilat por causa dunhas obras no seu campo de adestramento, onde construíron unha aldea afgá.
Frear o proxecto dun polígono industrial en San Xulián
Unha das alegacións que estes colectivos presentaron ao DOT é que os montes do Morrazo sexan tamén un espazo natural protexido, un feito que frearía o proxecto do concello de Marín de instalar un polígono industrial no monte comunal de San Xulián. As entidades que apoian o proxecto queren evitar situacións como as que se produciron en 2003, cando se instalou a Liña de Alta Tensión Lourizán-Cangas, ignorando o xacemento polo que pasaba, ou se construíu a variante de Marín que fixo desaparecer un petróglifo non catalogado pero do que se tiña constatada a súa existencia.
"Todo ten que ver co proceso de abandono do monte -explica Lukas Santiago-. Reivindicamos a defensa do patrimonio cultural desta zona, incluídos os microtopónimos que se foron perdendo como o do Monte do Pornedo". Por iso, quere empregar ferramentas como a de Facebook para "dar a coñecer o patrimonio" xa que, ao ver do arqueólogo, "se non se coñece non se pode valorar nin conservar".
A zona do Monte do Pornedo e Os Sete Camiños constitúe "un espazo privilexiado, de singular relevancia natural e patrimonial". A proposta de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico representa, ao ver dos colectivos, "unha alternativa viable para convertelo nun referente identitario para a comunidade local ademais de constituír un recurso social e economicamente rendible".
Ademais de empregar internet para divulgar a importancia cultural e natural desta zona, estes colectivos tamén están a organizar roteiros para amosarlles aos veciños a localización de mámoas e petróglifos, a única forma, aseguran, de "dar a coñecer este patrimonio para que se protexa".
O proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños inclúe catro fases para poñer en valor esta zona. A primeira incide na busca de financiamento e de apoios para desenvolver o proxecto. A segunda fase céntrase na ordenación e reforestación do monte, incluíndo a limpeza e acondicionamento dos elementos de interese e a posta en valor dos xacementos e mais o acondicionamento dos miradoiros naturais, situados no Pornedo e no Monte Catadoiro.
Esta segunda fase tamén recolle a sinalización do sendeiro arqueolóxico (un circuíto circular con inicio na área recreativa de Pornedo e no Campo de fútbol do Casal, ideal para facer a pé ou en bicicleta) e dos dous sendeiros de conexión coa Lagoa de Castiñeiras así como a creación dunha carballeira no Pornedo. A terceira fase do proxecto prevé a escavación arqueolóxica das mámoas pendentes de localización e a súa recuperación. A derradeira fase do plan inclúe a creación dun centro de interpretación.
Apoian este proxecto as comunidades de montes de Lourizán, de Salcedo e de Vilaboa; as asociacións veciñais de Estriceres (Lourizán), de San Andrés (Estribela), de Heroes do Campo da Porta (Salcedo), de San Xulián, de Postemirón/A Graña (Vilaboa), as plataformas en Defensa da Praza dos Praceres e do Monte Pituco/Pornedo, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, as asociacións culturais Vaipolorío, Almuinha, A Pedra Floxam, Ronsel, Os Chichisos, o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e a Associaçom Cultural Amig@s da Cultura.
