Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

Roi Fernández co seu hábito de baixista de The Homens
FOTO: GH
A que se dedica un infógrafo?
O infógrafo é ese que está sentado diante dun pantallón con cara de agobio, rodeado de mapas e planos máis grandes ca el, cedendo pusilanimemente diante dos desexos dun desconsiderado, pero cariñoso, grupo de redactores.
Que levaría a túa infografía deste verán?
Máis que unha infografía,sería unha ilustración, xa publicada por El Roto, ademais: Un tipo mira dende unha praia cara ao interior e exclama: "que horror, como está la costra!"
Na web de The Homens xogas, sen chegares á transgresión, coas vosas figuras, decapitándoas, reunindo as cabezas...
Pareceume simpático. Por unha banda réstalle importancia ás nosas caras , aínda que logo van as cabezas a parte, máis por unha razón estética.
Que tal se vive nunha banda que canta en galego e que non depende dunha multinacional?
Vívese moi ben, porque imos ao noso aire, porque non temos relacións contractuais con ninguén e facemos realmente o que nos apetece. Temos poucas pelas e poucos medios, pero levamos as rendas da nosa historia.
Onde podemos comprobar este verán se o voso directo segue tan potente como sempre?
Mañá estaremos no Festigal, o 28 en Ordes con Matraca perversa e temos bastantes cousas para agosto, pero non podo confirmar as datas.
Unha canción para unha noite de calor?
In the heat of the morning, de David Bowie.
Nas madrugadas estivais que prefires a forza abstemia de Fugazi ou a salvaxe sensualidade de Hüsker Dü?
A Hüsker Dü.
Unha paraxe galega para pasar o verán?
Gondomar, sen dúbida. Non ten praia, pero é moi tranquilo.
Non es home de praia?
Por que dis iso? son home de praia integral, non se nota? son dos de sanyo, restrelo, balón Nivea e minishort. Só me falta melanina, pero inguén é perfecto
O teu referente na música
Non son moi mitómano, supoño que o dos referentes o podería explicar así; cando se me presenta algún problema de índole musical fágome a seguinte pregunta: Que é o que faría Elton John? Unha vez que teño a resposta, fago exactamente o contrario
O teu heroe (ou a túa heroína)
Teño moitos heroes e moitas heroínas, todos están vivos e físicamente perto de min. Intento non esquecerme nunca deles e réndolles pequenas homenaxes sempre que poido.
Percibes que esta comeza a ser unha boa etapa para o pop e o rock en galego?
Si, parece que si. Agora mesmo hai unha eclosión de bandas que utilizan o galego como ligua de expresión musical nun ámbito non tradicional, ou como lle queiras chamar. Xa era hora, por outra parte, de que nos comezasemos a aplicar o xampú ese contra os complexos
Cres que o programa de Xurxo Souto na Radio Galega está a contribuír a iso?
Definitivamente. O programa de Aberto por Reformas está a poñer a moitos grupos novos no firmamento musical galego, e tamén a outros non tan novos que foron inxustamente ignorados durante demasiado tempo.
Como se mira a vida cun baixo nas mans?
Pois cada vez dende máis abaixo, porque pesa de carallo. Eu sempre quixen ser batería, que se liga máis (non me pregunten por que) pero iso de suar tanto non vai comigo. Prefiro ir aseadiño e da man da miña moza.
