Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Roi Fernández, do grupo The Homens, fotografado na zona vella de Santiago |
Roi Fernández é baixista e vocalista na banda galega de power pop The Homens. Ó mesmo que os seus compañeiros de grupo, Xocas e Martín Wu e Xacobe, procede dunha escena musical diferente, no seu caso dun son máis preto ó garaxe. Leva xa cinco anos tocando xunto a esta nova formación, coa que autoeditou o primeiro EP en 2005 e outro máis só un ano despois. Agora veñen de presentar o seu primeiro album, publicado o ano pasado, así como outro EP editado xunto á banda galega de punk-rock Samesugas, e que saíu a través do selo Lixo Urbano/Crack Records. Definen o seu son como unha mestura de melodía, enerxía e actitude: "Queremos facervos bailar, cantar e botar os fígados nos nosos concertos." Roi decídese a cuspir unhas rápidas respostas mesturando doses de troula e sinceridade.
Que o fai feliz?
Non traballar.
Que é o que máis medo lle dá?
Traballar.
Que talento lle gustaría ter?
O sentido do humor.
En que ocasións mente?
Nas entrevistas.
En que ocasións morde a lingua?
Nas entrevistas, e tamén cando as conversas entran en temas de política.
Un recordo da infancia?
Os mergullóns na praia do río Cabe, en Canabal.
Que destino elixiría para o verán?
Sant Feliú de Guixols, en Xirona. A costa brava é o mellor no verán.
Un país que visitar?
Non diría que Alemaña, pero si que teño moitas ganas de visitar Berlín.
Que é o que máis inspira a Roi Fernández?
Unha rapaza de ollos azuis que teño aquí xusto na casa.
Con que animal se identificaría?
Cun coala, gústame abrazar.
Cal diría que é o seu músico favorito?
Escoller un só é tremendamente complicado. Diría que Frank Zappa.
Que libro ten enriba da mesiña?
Agora mesmo estou lendo outra vez "A montaña máxica" de Thomas Mann.
En que emprega o tempo no verán?
En tratar de non traballar, de tocar todo o que poida... Case o mesmo que o resto do ano.
Aprendeu algo dos erros cometidos?
Non, absolutamente nada.
Que lle fai apertar os dentes?
Normalmente, a clase política é o que máis.
Cal é o seu insulto predilecto?
Abrazafarolas.
Non podería vivir sen...
Esa rapaza de ollos azuis que tanto me inspira.
