Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Roi Fernández fotografado onte en Santiago, coa camiseta de raias, emblema de The Homens, ao pescozo FOTO: Fernando Blanco |
Se esta noite pasan por Valga e teñen a oportunidade de coarse no Artenativa - festival de música pop que acaba de nacer- verán a Roi Fernández, camisetaraiado e baixo en man, con estatura de atleta castigado nos bares, en compañía de Xocas López, batería, e Martín Wu, guitarra e voz. Son The Homens, mestura de inglés e reintegracionismo que a xente acostuma pronunciar mal. "Imos ver os ghoumens", escóitase entre a nova gauche divine do país. Letras en galego, dous discos no mercado -Un e Dous- e un novo traballo a piques de saír do prelo. Pronto serán imprescindíbeis para os oídos. Xa o advertimos no seu día.
Cando comezou nisto da música?
Escomecei con dezaoito ou dezanove anos de xeito casual. Pedinlle a un amigo que me prestase o seu baixo durante uns días. Aínda non llo devolvín.
Ou sexa que toca cun baixo roubado.
Deixémolo nun baixo prestado sine die.
Considérase un home de directos?
Si, en xeral somos un grupo que goza moito no directo, e creo que se nota. Movémonos de xeito distinto que no estudio. No escenario sacamos a vea punki, é resulta moito máis gratificante que calquera outra cousa.
E que me di desa práctica de contar chistes nos concertos. Parécelle conveniente?
Paréceme do máis inconveniente, pero son un animal de costumes e aínda que sexan pouco populares é mellor mantelas.
De onde saca a inspiración?
Normalmente pídollos ao noso amigo Ángel que é un tipo que ten bastante máis graza ca min. De feito esa é unha das grandes frustracións da miña vida. A de non ser gracioso. Porén, o feito de non ter graza en absoluto é gracioso en si mesmo, sobre todo se te dedicas a contar chistes nun concerto de rock and roll.
É vostede como un antiheroe do humor?
Son un incomprendido total.
Esa é a esencia do antiheroe. A diferenza do heroe clásico, o antiheroe é o que "come os marróns". É en relidade o heroe posmoderno, se me permite puntualizalo.
Ben, vale, son un antiheroe, pero dos de slip por enriba do pixama e unha toalla a modo de capa.
Mmmm
Fóra coñas, de pequeno non había xeito de poñerme o calzón se non era por enriba do pixama. E sempre levaba casco. Até para ir ao cuarto de baño.
E, cambiando de tema. Que tal a gravación en Sant Feliu de Guíxols con Santi García, produtor de grupos como Nueva Vulcano, Unfinished Simpathy ou Sibyl Vane?
Fantástico, é un tipo estupendo e como profesional deixounos completamente abraiado. Achegou moitas ideas á hora de producir, e o son que lle saca tira de cu. Presentounos a unha xente caralluda e recomendounos os mellores restaurantes de Sant Feliu.
Probou a brandada?
Non cheguei a probala. Pero grazas a Santi descubrimos un restaurante no que facían un suquet caralludo, entre outras cousas.
Como foi parar alí?
Coñeciamos o traballo de Santi en distintos ámbitos. Como cantante guitarrista de No More Lies, un grupo de referencia no hardcore deste Estado por un lado, e sobre todo, no seu traballo para moitos grupos do selo BCore principalmente. A idea xurdiu de súpeto. Fixémonos a pregunta de como sería de grande a pancada que levaría a nosa economía se nos fósemos quince días a gravar á Costa Brava.
Apertaron o cinto, logo?
Si, pero tivemos que baixarlle buratos progresivamente, que a barriga acabou apuntando cara a onde ía a economía, é dicir, cara abaixo. Alí paramos nun apartamento que nos recomendou Santi ao lado da praia. Un sitio fantástico. O día da patria agradecímoslle a súa hospitalidade cunha polbada para el e uns cantos colegas seus, que acabaron sendo tamén nosos.
Como somos os galegos, que marabilla, imos por aí facéndolle polbadas e cocidos á xente á mínima de cambio...
A xente agradéceo. A non ser que lle poñas diante un cocido de cachucha nun día de 38 graos á sombra.
Daquela, pagou a pena?
Absolutamente.
E agora que?
Agora temos o disco feito e ímoslle dar saída tocando ó máximo.
Esta noite (por onte) en Carballo e mañá (por hoxe) en Valga. Que máis concertos teñen previstos?
Temos outro a semana que vén en Fene con Samesugas e Amaro Ferreiro.
Boa xente, procuraremos non perdelos.
Pois alí nos vemos.
