Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Portada » Hemeroteca web

en faktoría K

"Será un clásico"

10.07.2010  Eva Almazán traduce ao galego "A estrada" de Cormac McCarthy, a primeira obra do autor estadounidense levada ó noso idioma

5.0/5 [4 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO

"Dentro de non moitos anos, será un clásico". Para a tradutora Eva Almazán, responsable de verter ao galego A estrada do escritor estadounidense Cormac McCarthy que acaba de tirar do prelo Faktoría K, a publicación desta obra -que John Hillcoat adaptou ao cine en 2009- é unha oportunidade de ouro para poder ler na nosa lingua o que se coce na "literatura mundial". Trátase ademais da primeira tradución ao galego dunha obra deste autor, "un dos novelistas máis importantes da literatura norteamericana contemporánea" que levou o Premio Pulitzer por A Estrada e "está nas quinielas para o Nobel de Literatura".

A complexidade de verter ao galego un autor que non usa puntuación foi un reto para Almazán. "Unha das principais características do estilo de McCarthy é que non usa signos de puntuación convencionais. Incluso fixo que me pensase se ía cadrar co galego. Pero o estilo do autor é tan marcado que leva por diante as convencións da lingua e consegue que o libro acabe sendo unha pequena obra de arte", comenta a tradutora.

A estrada é unha crónica sobre o mundo posterior a unha catástrofe nuclear, que indaga sobre se é posible o amor e a esperanza na devastación total. "Este libro é difícil de resumir: poderiamos dicir que son un pai e un fillo que camiñan pola estrada nun mundo apocalíptico pero quedaría moi curto. O valor da obra vai máis alá, é moi importante a reflexión filosófica e a beleza poética que fai", asegura.

Outra das dificultades que entrañou a tradución foi encadrar a obra nunha época. "Cando se estreou a película, a obra xa estaba traducida. O libro non sitúa en que ano se desenvolve pero tanto os guionistas do filme coma min despois de lela, situámolo nos 70. Iso era importante para saber se as expresións polas que traducía o seu vocabulario rebuscado eran obsoletas ou adiantadas ao seu tempo", explica.

Almazán entende que as editoriais opten por traducir a autores contemporáneos con saída comercial. "Ademais da súa vocación normalizadora, teñen que vivir do que producen e saben que hai autores que teñen un corpo de lectores moi amplo. Paréceme normal que opten por eles", afirma.

Entre os seus próximos proxectos está a tradución para Galaxia da última obra de Martin Amis, A viúva preñada. "Fala sobre a revolución sexual da muller nos anos setenta. O título é unha metáfora: alude a que cando se fai unha revolución, morre o vello pero iso non significa que apareza xa o novo senón que aínda é un xermolo do futuro". Tamén para Galaxia, traballa na tradución ao galego do terceiro volume dos contos de Edgar Allan Poe que se editará no outono.

AUTOR DE ÉXITO

"Motín na Bounty" de John Boyne

Faktoría K acaba de publicar tamén o último libro do escritor irlandés John Boyne, Motín na Bounty, unha tradución ao galego de Carlos Acevedo. Logo do éxito de O neno do pixama a raias -que xa vai pola sétima edición en galego- esta novela de aventuras está ambientada nun feito histórico acontecido a finais do século XVIII e protagonizado por un capitán da Armada inglesa durante unha travesía polas augas do Pacífico. Este episodio, do que se realizaron varias adaptacións ao cine, é un retrato da disciplinada vida no mar, coa ollada orixinal de Boyne, que novela un complexo mundo dominado polo poder e a ambición.

LETRAS CONTEMPORÁNEAS

Bukowski, Conrad ou Toole, no prelo

Eva Almazán tamén traduciu ao galego outras tres novelas publicadas por Faktoría K dentro desta mesma colección de narrativa: Pan con xamón de Charles Bukowski, O corazón do negror de Joseph Conrad e A conxura dos necios de John Kennedy Toole. Copropietaria da empresa de tradución Rosetta xunto a Fernando Moreiras e Carlos Acevedo, considera que dende hai uns anos, "editoriais como Galaxia, Rinoceronte ou Xerais tomaron a decisión de que se queremos unha literatura normalizada, iso implica non só traducir os clásicos senón tamén as obras de autores contemporáneos, que é cara a onde temos que ir".

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS