Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Un grupo dos voluntarios participantes no proxecto Open Minds no monte Corpiño de Muxía, en plena zona cero FOTO: CONSELLO DA XUVENTUDE DE GALICIA |
Galicia revive estes días o espírito do voluntariado que loitou contra a marea negra do Prestige nunha mobilización solidaria sen precedentes. Grazas ó proxecto Open Minds, organizado polo Consello da Xuventude de Galicia (CXG) e promovido pola Plataforma de animadores socioeducativos e culturais de Portugal, decenas de mozos procedentes de Cabo Verde, Arxentina, Brasil e o país veciño participaron nestas intensas xornadas co obxectivo de intercambiar experiencias e buscan proxectos futuros para desenvolver nas súas zonas de orixe.
O proxecto, que forma parte do programa Youth in Action da Unión Europea, centrouse sobre todo na análise do movemento voluntario espontáneo xurdido a partir do 13-N, "para ver como unha sociedade se organizou para responder a unha necesidade", explícanos desde o CXG o responsable do proxecto, Jesús Lema. O que fixo a traxedia que arrasou a costa galega no 2002 foi erixir os cidadáns de a pé en heroes anónimos "e agora xa son percibidos como seres políticos, é dicir, que desde o ámbito no que actúan comprométense na construción da cidade e da cidadanía", afirma.
Para comprender mellor este fenómeno e o que significou, os mozos que estes días visitaron Galicia estiveron "in situ" na zona cero, outrora tinguida de negro, unha das actividades que máis lles gustou, xunto coa visita a Santiago e a Cidade da Cultura.
O afundimento do petroleiro e as súas fatais onsecuencias, "desde a nosa perspectiva, sinalaron un antes e un despois no eido do voluntariado", precisa Jesús Lema. Aínda que a sociedade xa era un fervedoiro de actividade independentemente de que tivese lugar este desastre medioambiental, "o que si consideramos é que esta traxedia fixo que esta evolución do altruísmo fose evidente para gran parte da sociedade", indica.
Cando o monocasco comezou a cuspir o fuel, as dantescas imaxes do litoral da comunidade fixeron mobilizarse a milleiros de cidadáns que acudiron sobre todo á Costa da Morte para axudar a limpar e recuperar a beleza autóctona, ante a caótica xestión por parte das autoridades. Xentes anónimas, de todas as partes do mundo, que incluso terán que pagar toda a vida "a factura" dos seus servizos cunha saúde máis precaria, segundo indican algúns estudos científicos ó respecto, acudiron a Galicia sen cuestionarse nada máis. "Ata ese momento, quizais o voluntariado estaba presidido por unha vontade asistencial, de carácter caritativo e que procuraba reparar as inxustizas do sistema. Pero o Prestige trouxo, primeiramente, unha solidariedade cidadá, na que a persoa se fai responsable e responde ante un fenómeno", sen ter en conta a súa situación xeográfica.
Esta postura non deriva, porén, dunha acción persoal ou íntima, senón que se plasma "nunha acción de equipo". Jesús Lema lembra, e así llelo relatou ós participantes en Open Minds, que as imaxes xa históricas que amosaban ringleiras e ringleiras de persoas coordinadas en distintos traballos, "só tiñan un propósito: facer o que se facía en equipo".
Os voluntarios que visitaron Galicia, de todas as partes do mundo, sacaron unha ensinanza proveitosa de todo o que aconteceu en Galicia a finais de 2002 e comezos do 2003, e de seguro que plasmarán os coñecementos adquiridos nalgún proxecto vital no futuro. Agora é a hora do voluntariado, o que propón, critica e achega, e actúa como barómetro para que a sociedade actual non fique anquilosada.
