Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Xubi, personaxe creado por Alberte Permuy FOTO: Permuy |
Segundo indican os seus creadores, pretende ser unha figura amiga e solidaria de intensas raíces xacobeas, tanto na súa imaxe como na súa concepción global. Creada polo deseñador galego Alberte Permuy e o seu estudo, conta co apoio e a colaboración da Fundación Ad Sanctum Iacobum Peregrinatio, dedicada á atención e acollida de peregrinos, con varios albergues en marcha. Parte dos fondos resultantes da difusión de Xubi irán destinados xusto a este fin.
O bastón e a cabaza, nos que se inspirou Alberte Permuy para esta creación, eran dous dos elementos esenciais da antiga indumentaria dos peregrinos xacobeos. Co bastón defendíanse e axudábanse no Camiño. Na cabaza, levaban auga e viño para beber. Xubi nace con esas mesmas intencións e carácter: axudar e colaborar con todos, peregrinos, nenos, persoas maiores... a facer o Camiño. Ten tamén unha evidente vocación didáctica. Xubi vai estar presente e actuar como guía en distintos soportes con afán formativo: xogos, contos, publicacións, animacións...
Esta mascota non está pensada para ser un boneco transitorio máis. Os seus promotores pensárona para ser a mascota do Camiño. Para iso, o seu deseñador decidiu traballar só con símbolos propios dos peregrinos, como é o caso do bastón e a cabaza. Tendo en conta que a cuncha de vieira e a frecha amarela, quizais os dous grandes símbolos do Camiño, xa están consolidados e presentes en todas partes, quedaban estes dous elementos icónicos, cunha grande forza visual e que representan o máis característico do feito da peregrinación.
Xubi viaxará cos peregrinos nos máis diversos soportes, como camisetas, gorras ou cadernos de viaxe. Na rede, Xubi estará accesible desde hoxe mesmo. Na súa páxina www.xubi.es poderase coñecer a esta mascota máis de cerca, pero tamén se terá acceso ás súas actividades e iniciativas, ó seu club, os XUBIamigos ou ás iniciativas solidarias con ela relacionadas. A presenza en internet complétase cunha canle propia de televisión, www.xubi.tv en alta definición, tamén accesible desde hoxe mesmo.
