Jueves 02.09.2010
| Actualizado 19.44
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O escritor Luís G. Tosar, nos estudios de Correo TV en Santiago |
-¿Que lle parece se falamos de literatura?
-Está moi ben falar de literatura, sobre todo cando esta é o patrimonio identificativo más importante de Galicia, xunto coa súa lingua. Se este país non tivera nove séculos de poesía, desde o XI ata o XXI, o autogoberno non sería posible. Os trazos que caracterizan a Galicia, os máis definitorios, son a lingua e a literatura. Seguimos sendo galegos porque falamos o noso idioma e temos unha literatura propia e recoñecida fóra das nosas fronteiras.
-¿Tan importante é a literatura para a pervivencia da nacionalidade galega?
-Tanto, que se non houbera unha figura como a de Rosalía de Castro, central e definitiva para a nosa posición no mundo; se o pobo galego non tivese feito dunha muller, dunha poeta, o seu símbolo, pouco ou nada teriamos que reivindicar a estas alturas. Galicia sería un ermo cultural, aínda que conte con importantes vestixios arquitectónicos, paisaxísticos e antropolóxicos. Para min, a vitalidade dunha nación sen Estado vénlle dada pola súa expresión literaria.
-Vostede sempre defendeu unha literatura galega aberta ao mundo e conectada cos principais circuítos que hoxe gobernan o panorama literario.
-Efectivamente, porque ese é o camiño. A literatura galega nace con vocación universal. A poesía galega, porque así é como hai que chamarlle ao que así nace a unha e outra beira do Miño, filla dunha tradición autóctona e dunha influencia marabillosa da lírica provenzal que chega aquí a través do Camiño de Santiago, non é algo reducionista, pequeno e casual.
A literatura medieval, que abarca dende o século XI ao XIV, ten o seu momento de esplendor precisamente cando máis contacto ten co exterior, no século XIII. E así todo, desde o Rexurdimento, no que Curros, Pondal e Rosalía rachan todo tipo de fronteiras para ser galegos e universais, ata as vangardas dos anos 20, verdadeiramente concienciadas e dispostas a rachar con todo, pasando pola Xeración Nós.
Sobre o esplendor literario
-¿Viven as letras galegas ese momento de esplendor do que tanto se fala?
-Non exactamente. Hoxe faise boa literatura en galego, pero non todos os que escriben en galego teñen acadado o nivel de coñecemento e enraizamento da lingua que se lle esixe a calquera escritor doutro idioma. Ser escritor hoxe en Galicia resulta relativamente fácil. Hai moitas voces, pero a maior parte delas, desgraciadamente, descoñecen o cerne da lingua, a súa alma, o xenio da palabra. Claro que, para que haxa unha boa obra en calquera xénero, non só non abonda con que a obra estea ben escrita, porque unha cousa é a literatura e outra moi distinta a escrita. E, precisamente, ese carácter vangardista que debe ter toda a literatura permite que algúns e algunhas queiran darnos gato por lebre.
-Vostede empezou a escribir poesía e forma parte da Xeración dos 80. ¿Segue a ser poeta ou considera que este silencio é unha forma de autoexclusión?
-Historicamente, a poesía é o xénero máis cultivado na nosa literatura, pero tamén o máis difícil. Existe, incluso entre os partícipes do que algúns denominan literatura galega, unha especie de prevención contra os poetas. Isto vivino eu con algúns amigos que teñen un nome e unha obra. Penso que é algo inxusto, moi inxusto. Debemos valorar a literatura no seu conxunto. Tan marabillosa é a novela A Esmorga, de Blanco Amor, como Nimbos, poemario de Xosé María Díaz Castro. Estes prexuízos contra os poetas, que ás veces trascenden á sociedade, son absurdos e deben ser eliminados. Eu empecei sendo poeta e sigo a ser poeta, aínda que traballei arreo para gañar esa consideración. Déixanme atónito algúns autores de onte, das xeracións máis novas, que, cegados pola vaidade, pretenden ser famosos porque publican un articuliño ou porque teñen un par de libros de poemas. Ese non é o camiño. O camiño está na resistencia, na superación e nese estremecemento vital que leva a un escritor a estar sempre inseguro. Hoxe en día, os deuses literarios conságranse, por desgraza, fóra do que é a boa ou mala literatura. Este tinglado, esta montaxe mediático-improvisadora, é a que acaba coa literatura.
Proxección das nosas letras
-Desde o PEN Clube estase a traballar por unha maior proxección da literatura galega, froito dun acordo asinado recentemente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
-Modestamente, estamos impulsando o que ata hai pouco, nos anos setenta ou oitenta, era un soño. Gonzalo Navaza e mais eu acabamos de estar en Dakar (Senegal) representando ao PEN no LXXIII Congreso Mundial de Escritores que, nesta ocasión, se celebrou para dar apoio a todas as literaturas africanas.
Alí, os problemas son outros. Os escritores non escriben nas súas linguas nacionais; a creación nas linguas propias é mínima. Os escritores africanos seguen a traballar na lingua do colonizador, e, se a isto lle engadimos a terrible problemática social deses países, estamos fronte a unha realidade irreversible, onde todo o futuro pasa pola miseria, pola explotación e pola degradación do ser humano.
Neste sentido, a política de proxección da literatura galega é algo moi serio, que non ten nada que ver con translatios de escritores hispánicos que andan ao seu, sen importarlles para nada a literatura galega.
A literatura galega, ademais, ten que buscar, sen dúbida, espazos novos e intercambios enriquecedores. Tivémolos sempre, e, agora, do que se trata é de continuar; de continuar sendo galegos, abertos ao mundo, plurais, multirraciais e internacionalistas.
En Bos Aires O escritor Luís González Tosar naceu en Bos Aires, capital de Arxentina, no ano 1952. Fillo de emigrantes, trasladouse definitivamente a Galicia no 1969.
Libros O seu primeiro libro, A caneiro cheo, recibiu en 1986 os premios Esquío e Losada Diéguez. Co seu segundo poemario, titulado Remol das travesías, obtivo o premio da Asociación de la Crítica Española no 1990. No 1998 reuniu o primeiro ciclo da súa produción poética en Madeira do meu canto en edición bilingüe, galego-castelán.
No PEN Fundador e ex director da revista Dorna, é o presidente do PEN Clube de Escritores de Galicia, tras ser reelixido recentemente .